Fundación Érguete-Integración

Obxecto da entidade

A Fundación Érguete-Integración constituíuse en Vigo o 4 de novembro de 1999; a súa misión consiste en contribuír na mellora social, laboral e de vida das persoas máis vulnerables, ao traballar de maneira integral e individualizada con perspectiva de xénero, priorizar as súas necesidades e ofrecerlles servizos de información, atención, asesoramento, sensibilización, orientación e intermediación coa rede de recursos existente na nosa comunidade mediante a intervención dun equipo multidisciplinar. O seu ámbito de actuación é a comunidade autónoma galega.

Persoas destinatarias

As accións da entidade están dirixidas a persoas en risco ou situación de exclusión.

Actuacións:

A Fundación Érguete-Integración desenvolve programas e servizos que se poden dividir en catro áreas:

  • Incorporación laboral e formación
    • Programa “Incorpora”: é un programa de intermediación laboral no que as e os técnicos do programa poñen en contacto candidatas e candidatos compatibles con empresas que necesitan incorporar persoal. Este servizo de asesoramento a empresas e persoas candidatas é gratuíto.
    • Punto Autoemprego Incorpora: está dirixido a persoas en risco de exclusión, co fin de acompañalas e facilitarlles o acceso a un microcrédito social para financiar os seus proxectos.
    • Ciber Emprego: ofrece orientación laboral, información sobre convocatorias de empregos, axudas para a procura de emprego a través de internet e formación en informática. Conta cun espazo de acceso gratuíto en Vigo.
    • Emprego inclusivo: o seu fin é mellorar a empregabilidade das persoas en risco ou posible risco de exclusión para conseguir a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral.
    • Punto Formativo Incorpora: ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas en risco ou situación de exclusión social. Perséguese o apoderamento e o desenvolvemento de competencias a través de accións de capacitación e prácticas non laborais en empresas.
    • Formación ocupacional: ofrécese formación específica para mellorar a cualificación e ter máis posibilidades de incorporación laboral en Empresas de Inserción Laboral coma Cormo Integral, SLU (www.cormointegral.es)
  • Intervención penitenciaria
    • “Itinere”: programa no que se traballa coas persoas privadas de liberdade, de forma conxunta, para que poidan adquirir e completar a súa formación, o seu desenvolvemento e as súas habilidades profesionais. Interveñen nos centros penais de:
      • A Lama (Pontevedra)
      • O Teixeiro (A Coruña)
      • Pereiro de Aguiar (Ourense)
      Así como nos centros de inserción social de Vigo e da Coruña, e na propia sede da entidade en Vigo.
    • Orientación laboral en medio penitenciario: trata de mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social (reclusas e exreclusas), de modo que poidan incorporarse ou volver ao mercado laboral, desde un enfoque de apoderamento da persoa e o desenvolvemento das súas competencias.
    • “Reincorpora”: programa que lles ofrece ás persoas reclusas privadas de liberdade a oportunidade de construír un futuro diferente e plenamente integrado na sociedade a través de itinerarios personalizados. As persoas participantes melloran as súas habilidades e competencias, e reforzan os valores que facilitarán o seu camiño cara á integración sociolaboral.
  • Intervención social
    • “Sísifo”: programa de intervención precoz con drogodependentes en situación de emerxencia social coa finalidade de mellorar a accesibilidade da poboación drogodependente e outras persoas en situación de exclusión social á rede asistencial.
    • Accións de saúde pública VIH/sida: actuacións de saúde pública no ámbito do VIH e outras infeccións de transmisión sexual co fin de contribuír á erradicación desta problemática.
    • Atención ás necesidades básicas de persoas en situación de emerxencia social: ofréceselles cobertura a determinadas necesidades que, de xeito xeral, non están cubertas polos recursos existentes.
  • Igualdade
    • “EVA”: proxecto que comprende actividades que xorden das necesidades da poboación feminina reclusa, de cara a mellorar as súas condiciones durante a condena e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral ao finalizala.
    • “DANA”: proxecto de defensa persoal e apoderamento para mulleres.
    • “XEITOS DE VER”: proxecto que vai destinado a persoas que están a cumprir unha condena en réxime de semiliberdade co obxectivo de sensibilizar acerca dos estereotipos de xénero e das situacións de desigualdade e violencia existentes na sociedade.
    • “ACHÉGATE Á REDE”: este proxecto trátase dunha iniciativa destinada a capacitar e dotar de autonomía dixital, tanto en ordenadores coma en teléfonos móbiles, as mulleres en situación de vulnerabilidade.

Datos de contacto:  

  • Instalacións:
    • Vigo: Avenida Emilio Martínez Garrido, 21, interior, 36205 Vigo
    • A Coruña: Barrio das Flores. Calle Azahar, bloque 48, portais 8 e 10 baixo, 15008 A Coruña
  • Horario de atención:
    • De luns a venres, de 8 a 15 horas (de setembro a xuño)
    • De luns a venres, de 8 a 14:30 horas (xullo e agosto)