Emaús Fundación Social

Emaús Fundación Social

O grupo Emaús Fundación Social céntrase en defender e acompañar as persoas máis desfavorecidas da sociedade desde Galicia e o País Vasco. Actúa co obxectivo de promover e acompañar procesos transformadores, individuais ou colectivos, no ámbito social, económico e ambiental.

  • Persoas destinatarias
  • Persoas en situación ou risco de exclusión social. Persoas que necesitan recuperar hábitos, desenvolver competencias e relacións sociais, e mellorar a autoestima.

A cidadanía viguesa. Veciñas e veciños do barrio e da cidade olívica que queiran participar nos obradoiros e nas actividades realizadas, que tamén poden sentir soidade ou illamento relacional aínda que non se atopen nunha situación de exclusión social. Persoas que desexen colaborar, participar, comprometerse socialmente e compartir o seu tempo e talento no desenvolvemento de actividades.

Actuacións

Compromiso coas persoas máis excluídas da sociedade. Esta entidade aposta por acompañar dunha maneira moi próxima e flexible as persoas que se atopan en situación de exclusión social. Para isto, ofrece unha relación profesional de axuda centrada en recoñecer as necesidades diferenciadas de mulleres e homes, en fomentar o exercicio dos seus dereitos e en mellorar a súa calidade de vida, sempre desde a consideración e o respecto do proxecto vital de cada persoa. Entre os seus proxectos e programas atópanse:

  • “Entre fogóns”. Obradoiro de cociña que aposta por promover o autocoidado.
  • “Tesela”. Programa centrado en fomentar a capacitación de competencias relacionadas co traballo.
  • “RoL”. Proxecto dirixido a persoas en situación de exclusión severa.
  • “Tira do fío”. Programa de acompañamento social personalizado, flexible e adaptado ás necesidades de cada persoa.
  • “Fogares”. Programa de inclusión a través da vivenda baixo o enfoque de housing led.

Xeración de recursos onde outros ven residuos ou lixo. Emaús Fundación Social defende e pon en práctica un modelo produtivo vinculado á economía circular a través da reparación e da reutilización, coma, por exemplo, co proxecto “maSmadera”, o cal consiste en obradoiros de accións de capacitación técnico-profesional relacionados coa recuperación e coa transformación da madeira.

Sensibilización para a transformación dun modelo de sociedade. Esta entidade traballa pola xustiza social e polo desenvolvemento sostible, e organiza obradoiros, iniciativas e proxectos de sensibilización e educación transformadora nos que, a través da comunicación e da innovación, se lles dá visibilidade ás causas que xeran desigualdade e pobreza. Emaús Fundación Social trata de aumentar a súa capacidade de transformación social ao poñer en valor conceptos relacionados coa sostibilidade social e ambiental, coa economía solidaria e circular ou co consumo responsable, entre outros. Nesta liña, cómpre destacar “PARTICIPA”, un programa para favorecer a xeración de vínculos afectivos a través do fomento de actividades en clave comunitaria, executado en colaboración coa asociación Provivienda.

Datos de contacto

Rúa da Ronda de Don Bosco, 9, baixo interior, 36202 Vigo