Asociación de Niños con Hiperactividad y/o Déficit de Atención

ANHIDA
Asociación de Niños con Hiperactividad y/o Déficit de Atención

A Asociación de Niños con Hiperactividad y/o Déficit de Atención (ANHIDA) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 2004 por un grupo de nais e pais con fillas e fillos afectados por un trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH). Desde a asociación preténdese principalmente proporcionarlle unha atención especializada a este colectivo de persoas e dar a coñecer entre a sociedade as necesidades especiais que estas persoas teñen para promover a igualdade de oportunidades e unha mellor integración social, así como salvagardar os seus dereitos. Ademais, a asociación tamén lles ofrece apoio, información e orientación ás familias afectadas.

O TDAH é un trastorno neurobiolóxico de carácter crónico, sintomaticamente evolutivo e de transmisión xenética, en moitos casos. Aféctalle a entre un 5 e un 7 % da poboación infantil en idade escolar e chega mesmo á idade adulta en aproximadamente un 60 % dos casos.

Este trastorno adoita levar asociados problemas coma impulsividade, baixa autoestima ou dificultade para establecer vínculos afectivos, entre outros. É moi importante que os casos se diagnostiquen correctamente a unha idade temperá para poder traballar canto antes as dificultades que o trastorno causa na vida persoal, escolar e familiar.

Nestes momentos, aproximadamente 240 familias son socias de ANHIDA. Na asociación tamén se atenden adultos, pero fundamentalmente nenas e nenos e, en ocasións, varios membros dunha mesma familia.

ANHIDA realiza o diagnóstico inicial de TDAH e ofrécelles atención ás persoas afectadas e ás súas familias. Proporciona, entre outros servizos, terapia psicolóxica (cognitiva, condutual…), terapia pedagóxica, orientación e apoio escolar, cursos para persoas adultas, terapia para nais e pais, titorías co colexio e charlas sobre o TDAH nos centros escolares.

Con estas actuacións especializadas e actividades complementarias trabállanse os aspectos particulares das persoas con TDAH, coma controlar os impulsos, fixar a atención ou mellorar as relacións familiares, os trastornos de conduta, a baixa autoestima ou os problemas de socialización, entre outros.

O equipo de profesionais de ANHIDA fórmano dez mulleres: oito psicólogas, unha pedagoga, unha psicopedagoga, unha administrativa e unha xerente, todas elas especializadas en TDAH. Ademais, a asociación conta cunha xunta directiva de seis nais e pais que, de forma voluntaria, xestionan e deciden o necesario para prestarlles a mellor atención posible ás familias.

O traballo multidisciplinar realizado polas profesionais da asociación proporciónalles ás persoas afectadas por TDAH estratexias para desenvolverse adecuadamente en todos os ámbitos da súa vida: escolar, familiar, sanitario, emocional, social etc.

ANHIDA está a suplir a atención sanitaria, psicolóxica e educativa que debería prestar a Administración. Sen este apoio, moitos das nenas e nenos afectados por TDAH non poderían avanzar nos seus estudos e moitas persoas adultas afectadas non terían axuda para integrarse adecuadamente na sociedade.

Datos de contacto

Rúa do Conde de Torrecedeira, 99, 36202 Vigo