Asociación Avelaíña

A Asociación Avelaíña, de axuda ás persoas con problemas de saúde mental, constituíuse en outubro de 1997 na Guarda (Pontevedra) e ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias ou de persoas achegadas, defender os seus dereitos universais e representar as socias e os socios  a través dun modelo de atención de base comunitaria e de loita contra o estigma.

É unha entidade sen ánimo de lucro que foi declarada de utilidade pública en 2010. Está composta por persoas afectadas, familiares, coidadoras e coidadores, persoas sensibilizadas e entidades privadas.

O seu ámbito de actuación é o sur da provincia de Pontevedra. Na actualidade está presente nas comarcas do Baixo Miño, do Val Miñor, do Condado, da Paradanta e no concello de Salceda de Caselas.

Persoas destinatarias

A asociación traballa con persoas de entre 16 e 60 anos diagnosticadas con trastorno mental grave e coas súas familias ou coidadoras e coidadores. Tamén está dirixida a persoas con outros problemas de saúde mental de entre 16 e 65 anos e á cidadanía en xeral.

Actuacións

Actualmente conta cos seguintes recursos:

  • Tres centros de rehabilitación psicosocial e laboral (CRPL): centros de atención diúrna cuxas prazas están concertadas co Servizo Galego de Saúde (SERGAS), dirixidos a persoas con diagnóstico de trastorno mental grave. Sitúanse nas comarcas do Baixo Miño (A Guarda), do Val Miñor (Baiona), do Condado, da Paradanta e en Salceda de Caselas (Ponteareas).
  • Un piso protexido: vivenda supervisada cuxas prazas están concertadas co SERGAS, dirixida a persoas con problemas de saúde mental e localizada no concello da Guarda.
  • Programa “Achego”: situado no concello de Ponteareas e con atención desprazada no concello da Cañiza. É un punto de referencia na comunidade para a atención da saúde mental no rural. Realízanse accións de información e asesoramento, de prevención e promoción da saúde mental, de atención de proximidade e de apoio integral psicosocial para as persoas usuarias.
  • Outros servizos: información e asesoramento, atención domiciliaria, acompañamento integral, xestión e tramitación, respiro familiar, escola de familias, orientación e integración laboral, e atención psicolóxica.

Datos de contacto

Segunda transversal Coruto Vello 33, Salcidos, 36789 A Guarda