Proxecto expositivo
LOVE
de David Fidalgo
Do 18 de xaneiro ao 1 de marzo de 2024
Sala Maruja Mallo, sede da Deputación en Vigo
David Fidalgo leva anos producindo obras de animación que falan da sociedade que mostran a televisión e as redes, desde un punto crítico e irónico a través do concepto do meme e do absurdo.
En “Love” establece unha reflexión sobre o clixé do amor verdadeiro na televisión.
Fálase dos realities como sinónimo de telerrealidade dunha maneira completamente incorrecta e consciente do engano.
Neste tipo de programas non se busca falar de persoas reais, son ficcións baseadas na superficialidade que non reproducen códigos da realidade, senón da televisión e das redes para formar un circo sustentado na inxenuidade da xente. É curioso este interese no amor romántico cando o que se favorece é o seu fracaso; o drama, os conflitos, os berros, os celos etc., iso é o que triunfa e engancha á audiencia, o cal convida a unha reflexión sobre a complicidade das e dos espectadores.
É tanta a repetición destes programas que é difícil que as e os espectadores discirnan entre o real e o irreal, damos por veraz unha fantasía prefabricada; non sabemos que é o amor, senón que coñecemos o que nos venden e crémolo noso. Normalízase o abuso e edulcórase a relación tóxica, o que pode provocar impresións negativas e fomentar devanditos comportamentos nas e nos televidentes, xa que a pantalla xoga un papel lexitimador moi perigoso.
En definitiva, falamos dun simulacro do amor romántico, dunha sorte de hiperrealidade baseada no estereotipo e fundamentada no capitalismo do cuqui.
David Fidalgo convida ás e aos asistentes a presenciar esta telerrealidade a través do retrato absurdo das e dos personaxes que a habitan e que, dunha maneira humorística, esconden unha imaxe da sociedade que resulta verdadeiramente perturbadora.
É isto amor?