#XUVENTUDE

Concurso Xuventude en E-Maxes

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, ten como un dos seus principais obxectivos responder ás necesidades da xuventude da provincia, tanto ás expresadas polas persoas menores de 35 anos coma polas oficinas municipais de información e áreas de mocidade dos 61 concellos da provincia.


Unha das principais demandas do persoal técnico das áreas de xuventude é unificar nun mesmo espazo toda a información relativa á mocidade. Actualmente, a dispersión da información dificulta o acceso ás convocatorias, aos programas e ás actividades, tanto para a xuventude coma para os propios concellos.

Esta demanda coincide coa crítica formulada pola mocidade na enquisa á xuventude promovida polo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, que sinala que a súa baixa participación en diversas iniciativas se debe, en gran parte, á dificultade para acceder á información e coñecer as actividades dispoñibles.

Como resposta a estas necesidades, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o redeseño da sección Xuventude da páxina web da institución. Este novo espazo web está pensado para concentrar toda a información dirixida á poboación menor de 35 anos da provincia e contará inicialmente con dúas seccións principais:

1. Espazo Deputación: recolle información sobre os programas de actividades, subvencións e concursos promovidos polos distintos servizos da Deputación; as instalacións e espazos que se poden solicitar para organizar eventos e poñer en marcha iniciativas; e as ofertas de prácticas profesionais, visitas escolares e oportunidades de mobilidade internacional.

2. Espazo Concellos: inclúe información esencial sobre as instalacións dispoñibles en cada un dos 61 municipios e os datos de contacto das respectivas áreas de xuventude.

Ademais, coa colaboración dos concellos, está previsto que nun futuro próximo se incorporen as iniciativas e as actividades desenvolvidas por cada municipio.

Seguindo a liña de traballo iniciada ao crear o servizo en 2024, queremos facer partícipes deste proxecto as mozas e mozos e promover a súa implicación na creación das imaxes desta nova sección da web.

Neste contexto, convócase o concurso de deseño Xuventude en E-Maxes, dividido en dúas categorías:

1ª. Portadas do Espazo Deputación e Espazo Concellos: elixiranse dúas imaxes, unha portada para cada un dos espazos.

Poderán participar nesta categoría as mozas e mozos de idades comprendidas entre os 15 e os 35 anos empadroadas nun concello da provincia de Pontevedra. Cada persoa poderá participar cun único deseño por sección.

2ª. Recursos dos concellos: escolleranse as 61 imaxes que representarán os respectivos concellos da provincia.

Poderán participar os centros públicos de educación primaria e secundaria da provincia de Pontevedra. Cada centro poderá participar con tantos deseños como aulas teña, pero cada aula poderá presentar unicamente un deseño.

De entre todas as propostas presentadas, outorgaranse os premios recollidos nas bases reguladoras

A selección dos deseños gañadores dos premios obxecto desta convocatoria realizaraa un xurado integrado polos seguintes membros:

  • Presidenta: a xefa do Servizo de Comunicación Institucional ou a persoa en quen delegue.
  • Secretaria: a xefa do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico ou a persoa en quen delegue.
  • Vogal: unha técnica do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico.