#LINGUA

Canle Xabarín

O Pleno da Deputación, a iniciativa do BNG, aprobou por unanimidade a moción do BNG para pedirlle á Xunta de Galicia unha canle Xabarín Club na TVG con máis programación de calidade en galego para as nenas e nenos, en apoio á Proposición non de lei de iniciativa popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística.


A pesar de que Galicia foi precursora na programación en galego nos anos noventa, emitindo os mellores debuxos e desenvolvendo unha boa produción musical en galego, actualmente a rapazada galega ten á disposición moitas canles 24 horas para o consumo audiovisual, mais todas en castelán.

Tamén se lles solicitou ao Estado, ao Goberno central e ás Cortes Xerais, ao dispoñer estas de competencias exclusivas, que a Corporación de Radio Televisión Española emitise os contidos coa opción de dobraxe en galego e que a RTP e a TVG puidesen recibirse tanto en Galicia coma en Portugal.