#LINGUA
Aula Castelao de Pontevedra
A Deputación apoia outro ano máis a Semana Galega de Filosofía da Aula Castelao de Pontevedra, que chega á súa cuadraxésima edición
A Deputación de Pontevedra achega 4.000 euros á realización da XL Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Tempo. Como institución vertebradora, próxima a cidadanía e co propósito de sempre axudar no seu benestar, debido ao seu carácter de Administración local, vén apoiando este evento da Aula Castelao de Filosofía, pois o coñecemento e a reflexión que esta promove ten que ver co noso aquí e o noso agora: coas súas actividades procura establecer un diálogo entre o pensamento do pobo e a investigación académica, e en concreto desde o pobo galego, dándolle voz a colectivos, sexos e relatos máis invisibilizados: a filosofía como medio de liberación, como medio para construír un mundo mellor.
Nesta edición, os relatorios versarán sobre “filosofía e tempo”, distribuídos en tres bloques: “Tempo da filosofía”, “Galiza no tempo”, e “O noso tempo”, que contarán coa participación de recoñecidos estudosos e autores de diversos ámbitos, desde a historia, a filoloxía ou, por suposto, a filosofía, como Anselmo López Carreira, Yolanda Castaño, Carlos Callón, Ana de Miguel ou Arturo Leyte, entre outros. Do 1 ao 5 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. Ademais, esta actividade conta como formación para o profesorado.