#MEDIONATURAL
Árbores senlleiras
Provincia de Pontevedra
Trátase de 49 árbores e catorce formacións arbóreas de 42 especies que son consideradas ‘reliquias botánicas'. Todas elas teñen un grande valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico e ornamental e supoñen un legado que se mantén no tempo –ata 800 anos- tanto en zonas rurais como urbanas (parques, castelos, pazos, xardíns montes, fincas…), ou incluso en illas, como ocorre coa simbólica carreira de buxos de San Simón
A día de hoxe, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) -dependente da Deputación- está a traballar na clonación dalgunha delas coñecida como ‘Figueira do Meco', unha árbore de máis de 100 anos situada nunha fenda entre dous penedos do Monte da Siradella (O Grove). O proxecto, iniciado pola comunidade de montes San Martiño, é acadar tres réplicas e así manter unha coñecida lenda dos séculos XV e XVI. Como a da ‘Figueira do Meco', cada árbore senlleira da provincia de Pontevedra ten a súa historia e a súa lenda.
Para saber máis:
ABELEIRA do pazo de Lourizán
ABETO BRANCO do Carballal
ALCANFOREIROS do pazo de Rubianes
ARAUCARIA ARAUCANA do castelo de Soutomaior
ARAUCARIA da Carballeira
ARAUCARIA DO BRASIL do Parque-Xardín de Caldas de Reis
ARAUCARIAS de Cambados
BUXAL do pazo de Oca
CALOCEDRO do pazo de Torrecedeira
CAMECÍPARIS DE LAWSON do castelo de Soutomaior
CAMELIA RETICULADA do pazo de Oca
CAMELIA SASANQUA do pazo de Torres de Agrelo
CAMELIAS XAPÓNICAS do pazo de Torres de Agrelo
CAMELIA XAPÓNICA do pazo de Castrelos
CARBALLEIRA de Caldas de Reis
CARBALLO da Portela
CARBALLO de Bermés
CARBALLO de Santa Margarida
CARBALLO de Soutolongo
CARBALLO de Vilatuxe
CARBALLO do Pelete
CARREIRA DE BUXOS da illa de San Simón
CARREIRA DE TILEIROS do pazo de Oca
CASTIÑEIROS CHINESES E XAPONESES do pazo de Lourizán
CASUARINAS da Alameda da praza de Compostela
CEDRO DO LÍBANO do pazo de Lourizán
CEDROS DO HIMALAIA dos xardíns de Vincenti
CIPRÉS DE CALIFORNIA do pazo de Quintáns
CIPRÉS DE PORTUGAL do xardín histórico de Mondariz-Balneario
CRIPTOMERIA do parque botánico de Soutomaior
CRIPTOMERIA ELEGANTE do pazo de Oca
CRIPTOMERIA XAPONESA do palco da música do xardín histórico de Mondariz-Balneario
CRIPTOMERIA XAPONESA do pazo de Lourizán
CUNNINGHAMIA do Parque-Xardín de Caldas de Reis
CUNNINGHAMIA do pazo de Gondomar
EUCALIPTO AZUL do pazo de Barrantes
EUCALIPTOS do pazo de Castrelos
EUCALIPTOS do pazo de Rubianes
FAIA do pazo de Castrelos
FIGUEIRA DO MECO
FRAGA DE CATASÓS
FREIXO DE FOLLA ESTREITA de Alvarín
MAGNOLIAS GRANDIFLORAS do pazo de Rubianes
MAGNOLIO DE TABAGÓN do Rosal
METASEQUOIA do pazo de Lourizán
METROSÍDERO da finca de Besada
OLIVEIRA do paseo de Alfonso XII
OMBÚ do IES do Castro
PIÑEIRO de Alxén
PIÑEIRO MANSO do Pazo do Cabido
PIÑEIROS MANSOS do Rosal
SALGUEIRO da braña de Xafardán
SEQUOIA VERMELLA do castelo de Soutomaior
SEQUOIA VERMELLA do pazo de Lourizán
SOBREIRA da Peneda
SOBREIRA de Outeda
SOBREIRA de Siador
SOBREIRA de Valboa
SOBREIRA do Cristo de Arriba
SOBREIRA do pazo de Valiñas
SOBREIRAL de Magán
SOBREIRAS da Magdalena
SOBREIRAS da necrópole da capela dos Martores
SOBREIRAS de San Roque
SOBREIRAS do Faro
SÓFORA XAPONESA do pazo de Lourizán
TAXODIO do xardín de Artime
TUIA XIGANTE do pazo de Torres de Agrelo
TULIPEIRO DE VIRXINIA do pazo de Castrelos
MAPA
ABELEIRA do pazo de Lourizán
- Especie: Corylus avellana L.
- Familia: Betulaceae
- Localizacion natural: Europa e Asia
- Idade: máis de 100 anos
- Porte: 9,90 m
- Copa: 11,40 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Lourizán
- Lugar: Pontevedra
- Altitude: 40 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.410432, -8.664212
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV, cando esta aínda era unha granxa. No século XIX o político Montero Ríos adquire a leira, convértea na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas no xardín desde o século XIX ata a actualidade.
Contorna
A abeleira atópase nunha zona axardinada no lado esquerdo do espectacular invernadoiro de cristal.
ABETO BRANCO do Carballal
- Especie: Abies alba Mill.
- Familia: Pinaceae
- Localizacion natural: rexións montañosas de Europa
- Idade: 130 anos
- Porte: 23,10 m
- Tronco: 2,95 m
- Copa: 12,40 m
- Concello: A Estrada
- Parroquia: Arca
- Lugar: O Carballal
- Altitude: 170 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.625846,-8.473013
- Propietaria/o: Ana María Gómez Baliño. Finca de Gómez Baliño
Historia
A presenza e a plantación da conífera están ligadas a Juan Baliño Rivas (1867-1962), coñecido escultor nacido na casa familiar. Deixou unha importante produción artística da que forman parte os traballos escultóricos no pazo de Lourizán, por encargo de Eugenio Montero Ríos. De alí levou en agradecemento o pé de abeto branco, entre finais do século XIX e principios do XX. A pesar de ser unha árbore coñecida no ámbito municipal estradense, a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras levouna á fama, encontrando en tal condición o seguro de vida que solucionou a problemática situación que afectaba a súa existencia vital; o empeño posto polos propietarios para a súa defensa e conservación é salientable.
Seguramente, o exemplar catalogado non é o de maior idade de Galicia, pero atesoura uns valores históricos que magnifican a súa importancia.
Contorna
A finca Miradoiro (1.500 m2) é unha propiedade privada murada cun interesante patrimonio arquitectónico: a casona, que se remonta ao século XVII, o hórreo, o pombal, a cabana, a pérgola, o pozo e o xardín paisaxista presidido polo monumento verde, no alto da posesión, pegado á cabana porticada e ao muro de máis de 2 m de altura que rodea a parcela e que linda cun camiño de paso e unha casa veciña.
O fuste está rodeado por unha beirarrúa que chega a 20 cm da súa base.
ALCANFOREIROS do pazo de Rubianes
- Especie: Cinnamomum camphora (L) J. Presl.
- Familia: Lauraceae
- Localizacion natural: China, Taiwán e Xapón
- Idade: entre 100 e 125 anos
- Porte: 19,20 m
- Tronco: 3,75 m
- Copa: 22,50 m
- Concello: Vilagarcía de Arousa
- Parroquia: Rubiáns
- Lugar: A Feira Nova
- Altitude: 70 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.579376, -8.734301
- Propietaria/o: marquesa de Rubianes
Historia
As sementes chegan a finais do século XIX, en tempos de Gonzalo Ozores Saavedra, como un obsequio do marqués de Rincón (Madrid) que as adquirira nunha viaxe á India. Debido á gran capacidade xerminativa polas condicións idóneas da finca, todos os anos nacen abundantes pés que os donos regalan a familiares, amizades e visitantes. Este costume foi sementando a xeografía galega dunha inxente poboación con denominación de orixe.
É o único exemplar que segue vivo dos obtidos das sementes que o marqués de Rincón trouxo da India a finais do século XIX e, polo tanto, o máis vello de España.
Contorna
A masa de alcanforeiros aparece a ambos os lados da fronteira entre o campo agrícola occidental e o bosque, co estanque e o hórreo como construcións referenciais.
ARAUCARIA ARAUCANA do castelo de Soutomaior
- Especie: Araucaria araucana (Molina) K. Koch
- Familia: Araucariaceae
- Localizacion natural: Chile (cordilleira dos Andes)
- Idade: entre 120 e 150 anos
- Porte: 27 m
- Tronco: 2,46 m
- Copa: 6,60 m
- Concello: Soutomaior
- Parroquia: Soutomaior (San Salvador)
- Lugar: O Rial
- Altitude: 180 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.329571, -8.567214
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
A construción orixinal do castelo, unha torre defensiva, é do século XII, aínda que será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, co que alcance o seu máximo esplendor, xa que chegou a ser epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV.
A plantación desta araucaria correspóndese coa execución do proxecto de xardinaxe en 1870, época dos marqueses da Vega de Armijo. Considérase o xardín botánico máis importante de Galicia.
Esta árbore é un dos exemplares da flora alóctona máis notables do catálogo pola súa morfoloxía e, sobre todo, polo pouco frecuentes que son as árbores adultas desta especie en Galicia.
Este exemplar está citado por Rafael Areses no seu libro Nuestros parques y jardines (1953) e posteriormente, como exemplar senlleiro, no libro Flora ornamental de España (Lillo e Ramos, 1972).
Contorna
O castelo de Soutomaior está situado nun lugar privilexiado do val do río Verdugo, desde o que se divisa unha ampla paisaxe.
A leira comprende actualmente 25 hectáreas, destinándose a xardín os terreos máis próximos que rodean o castelo.
A araucaria atópase en pleno centro do antigo parque botánico, a medio camiño entre o estanque e a fonte da marquesa.
ARAUCARIA da Carballeira
- Especie: Araucaria bidwillii Hook.
- Familia: Araucariaceae
- Localizacion natural: Australia
- Idade: 130 anos
- Porte: 25,4 m
- Tronco: 3,80 m
- Copa: 11,10 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Salcedo
- Lugar: A Carballeira, pazo de Gandarón
- Altitude: 95,9 m s. n. m
- Coordenadas: 42.405166, -8.643328
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Gandarón está situado na parroquia de Salcedo e construíuno o arcebispo Sebastián Malvar Pinto a finais do século XVIII. Na segunda metade do XIX Jerónimo Malvar Taboada herdou a propiedade, ampliouna e creou o xardín. Actualmente pertence á Deputación de Pontevedra e desde 1928 é a sede da Misión Biolóxica de Galicia, que pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
O pazo e os xardíns rehabilitáronse entre 2005 e 2009 co deseño orixinal e reparáronse os elementos significativos, como o enreixado, o quiosco, a fonte e os estanques.
Contorna
As coníferas son as plantas máis abundantes no xardín, e coa araucaria atopamos algunhas criptomerias. Ademais do impresionante espécime de Magnolia soulangeana, tamén podemos contemplar limeiras, lagerstroemias, camelias e palmeiras. Todo iso, xunto cos estanques e construcións, forma un pequeno pero harmónico xardín que ten no centro, fronte á fachada principal do pazo, a araucaria.
Esta árbore está citada como exemplar singular no libro Flora ornamental de España (Lillo e Ramos, 1972).
ARAUCARIA DO BRASIL do Parque-Xardín de Caldas de Reis
- Especie: Araucaria angustifolia (Bertol.) Kuntze
- Familia: Araucariaceae
- Localizacion natural: sur de Brasil e Arxentina
- Idade: 125 anos
- Porte: 34 m
- Tronco: 2,88 m
- Copa: 13 x 10 m
- Concello: Caldas de Reis
- Parroquia: Caldas de Reis
- Lugar: Parque-Xardín
- Altitude: 30 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.603661, -8.640401
- Propietaria/o: Concello de Caldas de Reis
Historia
Non existe constancia escrita ou documentada da súa chegada e plantación, pero a súa dendrometría permite asegurar que pertence ao proxecto orixinal, polo que é coetánea da creación do xardín en 1884.
O Parque-Xardín foi ideado por Francisco de Alcarraz para potenciar a afluencia de visitantes atraídos polas augas termais cando era director da Escola de Agricultura da Caeira (institución da Deputación de Pontevedra que funcionou no último cuarto do século XIX), de onde, seguramente, se obtivo o exemplar.
Pola súa antigüidade, o seu estado fitosanitario, a súa rareza, o seu campo visual e o seu lugar de asentamento trátase dun dos representantes máis destacados entre os da súa clase e encabeza o listado das primeiras araucarias brasileiras cultivadas en Galicia.
Este exemplar está citado como A. brasiliensis por Rafael Areses no seu libro Nuestros parques y jardines. Contribución al conocimiento de las plantas exóticas cultivadas en España, Galicia. Tomo I, Pontevedra (1953).
Contorna
O Parque-Xardín e Carballeira (de 3,5 ha) está no centro urbano de Caldas de Reis, ao lado do río Umia. O espazo axardinado, que mantén o deseño orixinal tipo inglés con matices xeométricos, foi declarado Paraxe Pintoresco e Xardín Histórico no ano 1962 e conta na actualidade coa catalogación de Ben de Interese Cultural.
A araucaria do Brasil está nun dos cadros que conforman a franxa vexetal que enmarca a praza do estanque de Conchas e ocupa un posto privilexiado cunha vistosa panorámica.
ARAUCARIAS de Cambados
- Especie: Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco
- Familia: Araucariaceae
- Localizacion natural: illa de Norfolk (Australia)
- Idade: máis de 100 anos
- Porte: 31 m
- Tronco: 2,80 m e 3,20 m
- Copa: 12,30 x 13,50 m e 12,50 x 11,30 m
- Concello: Cambados
- Parroquia: Cambados
- Lugar: zona histórica de Cambados
- Altitude: 14 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.517452, -8.814722
- Propietaria/o: María Dolores Rubio
Contorna
Atópase no xardín dunha vivenda da zona antiga de Cambados, coñecida popularmente como Casa da Francesa, na praza da Leña, cerca do pazo de Torrado e da Praza do Concello.
BUXAL do pazo de Oca
- Especie: Buxus sempervirens L.
- Familia: Buxaceae
- Localizacion natural: Europa, oeste e norte de África
- Idade: 400 anos
- Porte: 13,20 m
- Tronco: 1,5 m
- Concello: A Estrada
- Parroquia: Oca
- Lugar: Oca
- Altitude: 170 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.745282, -8.395597
- Propietaria/o: Fundación Casa Ducal de Medinaceli, Sevilla
Historia
A súa aparición é coetánea ao proxecto de xardinaxe realizado na primeira metade do século XVIII, con motivo da transformación da fortaleza en pazo. Algúns investigadores pensan que a emblemática formación vexetal que rodea os estanques evolucionou a partir das sebes por falta de coidado e poda, mais os buxos xa eran así desde as orixes, cando menos no río. Nada se sabe con seguridade do arboredo restante, do que forma parte a carreira do Conde.
Contorna
O pazo de Oca, a propiedade señorial por antonomasia de Galicia, é de mediados do século XV e os seus espléndidos xardíns abarcan 14 hectáreas. O buxal, unha das creacións máis significativas do seu xénero en Galicia, ten no río e na carreira do Conde os seus escenarios principais e esténdese por outros paseos secundarios, inmerso na xardinería ornamental e hortícola da posesión.
CALOCEDRO do pazo de Torrecedeira
- Especie: Calocedrus decurrens (Torr.) Florin
- Familia: Cupressaceae
- Localizacion natural: oeste de Estados Unidos
- Idade: entre 125 e 150 anos
- Porte: 35,30 m
- Tronco: 6,70 m
- Copa: 15 x 14 m
- Concello: Redondela
- Parroquia: Cedeira
- Coordenadas: 42.281061, -8.626814
- Propietaria/o: herdeiros de Obdulia de Castro Montenegro
Historia
Forma parte do proxecto de xardinaxe executado no terceiro cuarto do século XIX (na década de 1860) en tempos de Manuel Bárcena de la Concha y Franco, primeiro conde de Torrecedeira. O plano é un dos mellores do mundo palaciano; foi deseñado por un arquitecto francés e executado por Lombard e transformou o terreo nun espléndido parque presidido por esta magnífico exemplar.
Aínda que o pazo é do século XII, esta árbore plantouse cando se deseñou o xardín, na década de 1860, e tan preto da casa que agora semella ser o gardián perpetuo do pazo.
Contorna
O pazo de Torrecedeira é un artístico palacio residencial; as súas orixes remóntanse ao século XII e o terreo (de 5 ha) converteuse nun parque arborado, con dúas partes diferenciadas: o parque-xardín e o bosque axardinado. O cedro atópase na parte alta do parque-xardín, nun cadro integrado na contorna inmediata da casona señorial, na zona posterior.
CAMECÍPARIS DE LAWSON do castelo de Soutomaior
- Especie: Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray) Parl.
- Familia: Cupressaceae
- Localizacion natural: oeste dos Estados Unidos (SO de Oregón e NO de California)
- Idade: entre 140 e 150 anos
- Porte: 32,40 m
- Tronco: 10,78 m
- Copa: 13,20 m
- Concello: Soutomaior
- Parroquia: Soutomaior
- Lugar: O Rial, Parque Botánico de Soutomaior
- Altitude: 180 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.329564,-8.568455
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
A construción orixinal do castelo, unha torre defensiva, é do século XII, aínda que será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, co que alcance o seu máximo esplendor, xa que chegou a ser epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV.
A plantación deste ciprés correspóndese coa execución do proxecto de axardinamento practicado con motivo da transformación do castelo en pazo a partir do ano 1870, durante a remodelación do castelo e a súa contorna na época do marqués da Vega de Armijo. Desde entón e ata hoxe, na súa condición centenaria, a árbore converteuse nun espécime sensacional, de orixinal e sorprendente feitura, e pasou a ser un dos representantes da súa especie máis grandiosos de Galicia. O seu valor só se ve minguado polo manifesto grao de deterioro que presenta.
Contorna
A orixe do parque e dos xardíns vén dos marqueses da Vega de Armijo e de Mos cara a 1870. Considérase o xardín botánico máis importante de Galicia.
O camecíparis ou ciprés de Lawson aparece no xardín antigo, na zona alta do parque, en posición centrada, próximo a outros monumentos arbóreos da propiedade como a sequoia. Está situado á dereita, cara á metade do camiño que conduce desde a residencia á fonte da marquesa.
CAMELIA RETICULADA do pazo de Oca
- Especie: Camellia reticulata Lindl.
- Familia: Theaceae
- Localizacion natural: suroeste da China (Yunnan)
- Idade: entre 125 e 150 anos
- Porte: 11,20 m
- Tronco: 1,60 m
- Concello: A Estrada
- Parroquia: Oca
- Lugar: pazo de Oca
- Altitude: 170 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.745822, -8.394473
- Propietaria/o: Fundación Casa Ducal de Medinaceli, Sevilla
Historia
A plantación data da segunda metade do século XIX, posiblemente do último terzo, co auxe da xardinería ornamental. A favorable opinión emitida por De Velde, experto holandés e membro da Sociedade Europea de Dendroloxía, multiplicou a fama e a celebridade desta árbore. O auxe experimentado pola cultura da camelia desde hai décadas, con mención especial para o labor desempeñado desde a Sociedade Española da Camelia, contribúe a potenciar a súa posta en valor.
Este exemplar, da variedade "Captain Rawes", ben visible por medrar xusto detrás da capela, é o mais vello e grande da especie fóra da súa área natural (Yunnan). Nel destacan as súas flores vermellas de gran tamaño.
Contorna
O pazo de Oca, a propiedade señorial por antonomasia de Galicia, é de mediados do século XV e os seus espléndidos xardíns abarcan 14 hectáreas. A Camellia reticulata está no xardín xeométrico, detrás da capela de Santo Antonio, preto do río. Comparte espazo cunha interesante variedade de árbores históricas en parterres rodeados de sebes de buxo, tan característicos do pazo.
CAMELIA SASANQUA do pazo de Torres de Agrelo
- Especie: Camellia sasanqua Thunberg
- Familia: Theaceae
- Idade: entre 100 e 150 anos
- Porte: 9,40 m
- Tronco: 3,41 m
- Copa: 9,5 x 9,4 m
- Concello: Redondela
- Parroquia: Reboreda
- Lugar: Asnelle de Abaixo
- Coordenadas: 42.291179, -8.601070
Contorna
Esta camelia pertence a unha especie rara en Galicia que ten flores arrecendentes. A base do tronco é regular e divídese pronto, a 0,80 m de altura sobre o chan, en dous brazos que volven dividirse a poucos centímetros.
A copa é moi fermosa, redonda, globosa e equilibrada, agás unha parte que vexeta deficientemente pola forte competencia á que está sometida debido á proximidade doutras camelias e dunha criptomeria.
Amosa unha grosa capa de liques e musgo en moitas ramas, ademais dun serio ataque de fumaxina sobre as follas que sería conveniente tratar.
CAMELIAS XAPÓNICAS do pazo de Torres de Agrelo
- Especie: Camellia japonica L.
- Familia: Theaceae
- Localizacion natural: Xapón, Taiwán e Corea
- Idade: entre 100 e 150 anos
- Porte: 13 m e 12,5 m
- Tronco: 6,86 m e 4,33 m
- Copa: 13,6 x 12,3 m e 15,50 x 13,3 m
- Concello: Redondela
- Parroquia: Reboreda
- Lugar: Asnelle de Abaixo
- Altitude: 60 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.292078, -8.600992
- Propietaria/o: Fernando Marcote Villar
Historia
Torres de Agrelo é un conxunto arquitectónico do 1750, situado no corazón da ría de Vigo. Posúe un xardín de 80 hectáreas con multitude de zonas paisaxísticas e especies arbóreas únicas en Galicia.
Ambos exemplares están incluídos entre un grupo de antigas camelias que datan do momento de execución do proxecto paisaxístico do pazo, na segunda metade do século XIX.
Sitúanse nunha terraza inferior da parte frontal do pazo, nunha zona que noutro tempo foi lugar principal de reunións e paseos dos seus propietarios.
Contorna
O pazo de Torres de Agrelo atópase na localidade de Redondela, municipio recollido ao fondo da ría de Vigo, na súa marxe esquerda, e flanqueado pola ponte de Rande e a illa de San Simón.
Os espécimes atópanse na parte máis alta dun conxunto de camelias de gran tamaño, que forman un denso bosquete, e cerca dunha antiga mesa de pedra.
CAMELIA XAPÓNICA do pazo de Castrelos
- Especie: Camellia japonica L.
- Familia: Theaceae
- Localizacion natural: Xapón, Taiwán e Corea
- Idade: entre 100 e 200 anos
- Porte: 8,20 m
- Concello: Vigo
- Parroquia: Castrelos
- Altitude: 50 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.213034, -8.727923
- Propietaria/o: Concello de Vigo
Historia
O xardín do pazo de Quiñones de León créase en tempos do primeiro marqués de Alcedo, en 1860. Está dividido en tres niveis e, co pazo, atópase rodeado por unha muralla. Ocupa unha superficie pequena das 23 hectáreas polas que se estende o parque de Castrelos.
Trátase dun dos espazos de lecer máis coñecidos de Vigo e un dos expoñentes por excelencia das propiedades señoriais galegas e españolas, cun magnífico pazo e espléndidos xardíns.
A data máis probable de introdución deste exemplar é o 1860, tras o establecemento de Marques Loureiro no Porto, de quen se conservan documentos escritos sobre a súa achega ao xardín actual. Desde entón, o paso do tempo e o seu emprazamento convertérona nun elemento simbólico de gran sona.
Contorna
O Matusalén das camelias localízase na parte de atrás do pazo, ao comezo do xardín xeométrico, compartimento central do xardín en terrazas que se estende ante a fachada posterior da mansión. Está á vista de todos, xa que goza dun amplo campo visual e un asentamento idóneo.
CARBALLEIRA de Caldas de Reis
- Especie: Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
- Idade: entre 100 e 125 anos
- Porte: 19 m e 23,20 m
- Tronco: 2,55 m e 2,87 m
- Copa: 25 m e 25,90 m
- Concello: Caldas de Reis
- Parroquia: Caldas de Reis
- Altitude: 30 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.603335, -8.639456
- Propietaria/o: Concello de Caldas de Reis
Historia
É unha formación de máis de 200 carballos distribuídos en filas, o que indica a súa orixe antrópica, na marxe dereita do río Umia. Como é natural, obsérvanse pés con diferentes morfoloxías e distintas dimensións.
A alta densidade coa que foron plantados dificulta que expresen o seu potencial, pois a competencia entre as árbores deforma as copas.
Contorna
Trátase dunha carballeira urbana situada no Parque-Xardín de Caldas de Reis. Os exemplares están plantados en cadrado, excepto algúns colocados para cubrir faltas que rompen a harmonía do conxunto.
CARBALLO da Portela
- Especie: Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
- Porte: 35,80 m
- Tronco: 3,75 m
- Copa: 23,50 m
- Concello: Mondariz
- Parroquia: Sabaxáns
- Lugar: A Portela
- Altitude: 569,1 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.256395, -8.409997
Historia
Trátase dunha árbore que foi centro e obxecto da cultura galega desde a antigüidade, como testemuñan o gran número de cantigas e cancións das que é protagonista:
"O carballo da Portela
ten a folla revirada
que lla revirou o vento
unha noite de xeada"
O expediente para incluír o impoñente carballo no catálogo foi cursado polo arqueólogo Alberte Reboreda, no ano 2006, cando era concelleiro en Mondariz xunto a Xosé Márquez. A súa catalogación realizouse por motivos de tamaño, porte e importancia científica e natural.
Contorna
Está situado nunha valgada a escasos metros dun camiño. A vexetación potencial inicial era unha carballeira acidófila galaico-portuguesa, da que actualmente quedan poucos individuos.
CARBALLO de Bermés
- Especie: Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
- Idade: 600 anos
- Porte: 18 m
- Tronco: 4,16 m
- Concello: Lalín
- Parroquia: Bermés
- Lugar: igrexa de Bermés
- Altitude: 603 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.719550, -8.135813
Historia
Trátase dun exemplar centenario de grande e fermoso porte que forma parte do imaxinario da localidade e de gran parte da cidadanía de Lalín; a asociación ecoloxista Vilau Garrido quixo destacar os seus enormes valores ambientais, culturais, científicos e paisaxísticos.
Contorna
Situado entre os muros do adro da igrexa de Bermés, serve de acubillo para os nichos, o que lle resta algo de vistosidade a pesar do seu grosor e as súas grandes dimensións.
CARBALLO de Santa Margarida
- Especie: Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
- Idade: 500 anos
- Porte: 14,50 m
- Tronco: 7,78 m
- Copa: 21,5 x 20,5 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Mourente
- Lugar: Santa Margarida
- Altitude: 40 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.437477, -8.626463
- Propietaria/o: Diocese de Santiago de Compostela. Capela de Santa Margarida
Historia
É un dos carballos máis veteranos de Galicia, aínda que a súa antigüidade queda a medio camiño do milenio que se lle atribúe. A súa localización –xunto á capela de Santa Margarida–, a ancestral vinculación coa carballeira dos Gafos –da que se di que é o último representante– e a multitude de referencias artísticas, culturais, históricas e literarias son os avais que fan del un dos carballos con mais sona de Galicia.
Contorna
Vive no adro da capela de Santa Margarida, un dos templos máis antigos (século XIII-XIV) do concello pontevedrés, na parroquia de Mourente. A súa pequenez xeográfica vese compensada pola grandeza histórica e cultural do lugar, emanada da asociación indisoluble da arte (a capela) e a natureza (a árbore).
Ao outro lado da capela hai plantada unha árbore filla deste importante exemplar.
CARBALLO de Soutolongo
- Especie: Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
- Idade: entre 150 e 200 anos
- Porte: 26 m
- Tronco: 4,56 m
- Copa: 22,5 x 24 m
- Concello: Lalín
- Parroquia: Soutolongo
- Altitude: 155,5 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.621111, -8.143333
Historia
Este carballo forma parte do trío de rexistros senlleiros, todos carballos, do concello de Lalín. No seu escudo figura o memorable Carballo da Manteiga, parte do patrimonio perdido de Galicia.
Contorna
Está entre a ribeira do río Asneiro e unha leira que se dedica ao cultivo do millo, preto do muíño de Espinosa, en Soutolongo.
CARBALLO de Vilatuxe
- Especie: Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
- Porte: 23,8 m
- Tronco: 4,47 m
- Copa: 23,20 x 25 m
- Concello: Lalín
- Parroquia: Vilatuxe
- Altitude: 481,9 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.614370,-8.188991
Contorna
Está situado ao bordo dunha estrada, nunha explanada de terra á entrada dun alpendre.
CARBALLO do Pelete
- Especie: Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
- Idade: máis de 500 anos
- Porte: 15,30 m
- Tronco: 7,30 m
- Copa: 16,5 m (17 x 16 m)
- Concello: A Lama
- Parroquia: Covelo
- Lugar: O Pelete
- Altitude: 590 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.435520, -8.386454
- Propietaria/o: Concello da Lama e parroquia de San Sebastián de Covelo
Historia
É costume regar o seu tronco con viño o 7 de setembro con motivo da festividade da Virxe dos Remedios. Trala bendición do cura, o mordomo ou o presidente da comisión de festas abren as pipas de viño na adega da casa da Santa e bótanlle a primeira xerra á árbore. Despois de beber, os festeiros dan voltas ao redor e tíranlle máis viño, abrazándose uns aos outros.
A Festa do Viño do Pelete celébrase desde o ano 1650. Resulta curioso que, sendo O Pelete un lugar onde non se produce viño, se homenaxee desde hai catrocentos anos este prezado líquido. No século XVII os arrieiros percorrían a xeografía galega con recuas e carros. Un dos produtos máis valorados era o viño procedente do Ribeiro, en Ourense, única provincia galega sen saída ao mar. Conta a lenda que, pasando polo Pelete, o fillo dun arrieiro foi couceado por unha mula, con tan mala fortuna que quedou moi malferido.
O pai acudiu pedirlle amparo á Virxe dos Remedios, que é a patroa da parroquia, e o mozo sandou das feridas. O pai cumpriu a promesa de levarlle cada ano á Virxe una pipa do mellor viño, ofrecéndolles o primeiro trago en eterno agradecemento ás raíces do carballo, cuxas pólas acubillaron o fillo ferido.
Aínda que non se libre de recortes, tratamentos e defoliacións, o seu aspecto é bo para a idade que ten, porque segundo din as veciñas e veciños, "séntalle ben o viño".
Contorna
O Pelete é unha pequena entidade de poboación da xeografía montañesa de Pontevedra. Na praza pública destacan a capela, a casa da fundación e a casa da Santa (Virxe dos Remedios). O carballo localízase no lateral desta casa, que mira ao nacente, nas proximidades do templo eclesiástico.
CARREIRA DE BUXOS da illa de San Simón
- Especie: Buxus sempervirens L.
- Familia: Buxaceae
- Localizacion natural: Europa, oeste e norte de África
- Idade: máis de 100 anos
- Porte: 7,60; 7,90 e 10,80 m
- Tronco: 0,50; 0,60 e 0,66 m
- Copa: 3,50; 3,00 e 2,75 m
- Concello: Redondela
- Parroquia: Cesantes
- Lugar: illa de San Simón
- Altitude: nivel do mar
- Coordenadas: 42.307011, -8.628182
- Propietaria/o: Xunta de Galicia
Historia
A illa está unida a varias lendas e marcada por momentos importantes da historia de Galicia: batallas navais (como a de Rande), mosteiro, lazareto e cárcere (de 1936 a 1943).
A plantación do buxal pode datar de metade do século XX e coa mesma disposición que adopta actualmente, xa que non sufriu modificacións.
A Fundación Illa de San Simón é a encargada desde o ano 2007 de conservar e promover os valores patrimoniais e dinamizar a actividade cultural deste arquipélago.
A súa situación nun lugar tan emblemático e ligado á historia recente de Galicia contribúe a garantir a súa conservación.
Contorna
A illa de San Simón é un espazo que conta cun valioso patrimonio artístico, cultural e natural. O paseo de buxos, situado nunha terraza elevada, localízase nunha zona primordial, pois é punto de paso obrigado cara a outros lugares; chégase a través dunha escalinata desde o embarcadoiro e a zona de entrada, despois de deixar atrás unha praza que desemboca directamente no paseo.
A súa riqueza paisaxística é parte do patrimonio histórico de San Simón, con parques e xardíns con personalidade que se cimentaron ao longo dos séculos grazas á incorporación de especies traídas doutras latitudes, que se fusionaron coas autóctonas. O mar forma un cerco ao redor dunha bóveda vexetal onde crecen buxos centenarios.
CARREIRA DE TILEIROS do pazo de Oca
- Especie: Tilia platyphyllos Scop.
- Familia: Tiliaceae
- Localizacion natural: este de Asia
- Idade: 150 anos
- Porte: 29,7 m e 25,10 m
- Tronco: 3,32 m e 3,15 m
- Copa: 14,20 m e 17,7 m
- Concello: A Estrada
- Parroquia: Oca
- Lugar: pazo de Oca
- Altitude: 170 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.744010, -8.395259
- Propietaria/o: Fundación Casa Ducal de Medinaceli, Sevilla
Historia
A dos tileiros é unha das carreiras arbóreas máis famosas e transitadas de Galicia. As súas orixes remóntanse á segunda metade do século XIX, talvez ao último terzo, coincidindo co proxecto de xardinaxe levado a cabo por Francisco Vié, xardineiro do Palacio Real en Madrid. Pola súa documentación e bibliografía trátase dun paseo histórico, do que se di que foi un antigo camiño de acceso á casona desde o bosque e que funcionou como hipódromo doméstico.
Contorna
O pazo de Oca, a propiedade señorial por antonomasia de Galicia, é de mediados do século XV e os seus espléndidos xardíns abarcan 14 hectáreas.
Os exemplares atópanse situados arredor dunha pradería, formando unha avenida que une o principio do río, que forma o eixe central do xardín palaciano de Oca, coa saída a un bosque autóctono, que tamén forma parte do xardín do pazo.
O paseo dos tileiros divide en dúas partes o campo agrícola intra muros, un dos compartimentos históricos máis transcendentes do pazo polo seu significado e cometido.
CASTIÑEIROS CHINESES E XAPONESES do pazo de Lourizán
- Especie: Castanea crenata; Castanea mollisima
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: China, Taiwán e Corea
- Idade: máis de 100 anos
- Porte: 17,05 m
- Tronco: 1,25 m
- Copa: 10 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Lourizán
- Lugar: Pontevedra
- Altitude: 40 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.407279, -8.665549 e 42.407794, -8.664734
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV, cando esta aínda era unha granxa. No século XIX a leira é adquirida polo político Montero Ríos, quen a converte na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.
Estes castiñeiros asiáticos, resistentes á enfermidade da tinta, introducíronse no século XIX para cruzalos co castiñeiro do país coa finalidade de obter árbores resistentes á enfermidade e unha madeira e uns froitos de mellor calidade que as dos castiñeiros xaponeses e chineses. Non se trata de individuos de moi avanzada idade nin con caracteres dendrométricos espectaculares; o seu maior mérito consiste en que destes rodais proceden os castiñeiros resistentes que se utilizan desde hai anos en plantacións forestais en Galicia.
Contorna
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas desde o século XIX ata a actualidade.
Estes exemplares atópanse no Castanetum do Arboreto de Lourizán, designado con este nome debido ao gran número de castiñeiros que reúne.
CASUARINAS da Alameda da praza de Compostela
- Especie: Casuarina equisetifolia J.R. & G. Forst.
- Familia: Casuarinaceae
- Localizacion natural: Australia, Malaisia e Polinesia
- Idade: 100 anos
- Porte: 16,70 m e 21,60 m
- Tronco: 2,68 m e 2,62 m
- Copa: 14,83 m e 17 m
- Concello: Vigo
- Parroquia: Vigo
- Altitude: 10 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.239207, -8.722716
- Propietaria/o: Concello de Vigo. Alameda da praza de Compostela
Historia
A Alameda ten a súa orixe nunha antiga plantación de álamos existente na zona do Areal de Vigo. O seu desenvolvemento formaba parte do primeiro ensanche proxectado e parcialmente executado na Cidade Olívica tras derruír as murallas. Este ensanche, denominado "nova poboación", tivo ademais a particularidade de ser o primeiro realizado a través dunha iniciativa privada.
Actualmente a Alameda de Vigo segue sendo centro de reunión e paseo das e dos habitantes da cidade e nela continúanse realizando eventos importantes. Este exemplar está citado como C. cunninghamiana por Rafael Areses no seu Nuestros parques y jardines.
Contorna
A Alameda de Vigo é o primeiro xardín público da cidade. Sitúase na praza de Compostela e á súa beira atópanse edificacións notables como a Oficina Central de Correos e Telégrafos ou a Oficina de Aduanas.
Esta zona verde naceu a finais do século XIX en terreos que foron gañados ao mar e o deseño débese ao arquitecto académico Domingo Rodríguez Sesmero, daquela arquitecto municipal de Vigo. Na Alameda, pola súa privilexiada localización, teñen lugar diversas feiras e exposicións ao aire libre.
As casuarinas están no extremo que linda coa zona do Areal, próxima á rúa de Urzáiz.
CEDRO DO LÍBANO do pazo de Lourizán
- Familia: Pinaceae
- Localizacion natural: Líbano, Siria e sueste de Turquía
- Idade: entre 100 e 130 anos
- Porte: 32,30 m
- Tronco: 5,38 m
- Copa: 25,30 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Lourizán
- Lugar: pazo de Lourizán
- Altitude: 40 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.409487, -8.664755
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV, cando esta aínda era unha granxa. No século XIX o político Montero Ríos adquire a leira e convértea na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas desde o século XIX ata a actualidade.
O cedro foi plantado no último cuarto do século XIX durante a construción do xardín.
Contorna
O cedro ocupa un lugar preponderante no xardín fronte á escalinata que dá acceso á entrada do edificio principal. A ambos lados e pola parte inferior está flanqueado de exemplares de camelia xapónica e de rododendros de grandes dimensións que crecen á súa sombra. Actualmente o paseo de terra cambiouse por un camiño de lousas que puideron romper o equilibrio da árbore, que parece estar algo afectada, xa que se observan zonas secas.
CEDROS DO HIMALAIA dos xardíns de Vincenti
- Especie: Cedrus deodara (D.Don) G.Don
- Familia: Pinaceae
- Localizacion natural: Australia, Malaisia e Polinesia
- Idade: 100 anos
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Pontevedra
- Coordenadas: 42.429861, -8.646887
- Propietaria/o: Concello de Pontevedra
Historia
Os xardíns de Vincenti, xunto coa Alameda e o paseo das Palmeiras, forman un gran espazo verde no centro da cidade de Pontevedra.
O conxunto conforma o típico espazo urbano de principios do século XX, cando se derruíron os muros da cidade e se produciu unha expansión urbana fóra dos seus límites. Os tres cedros proceden do período da creación do xardín na primeira década do século XX.
Contorna
Nos xardíns de Vincenti crecen especies arbóreas de gran presenza coma palmeiras, magnolias, cedros do Líbano, acivros e teixos. Xunto con pequenos xardíns mestúrase unha zona de xogos infantís e un estanque de aves.
Dous dos cedros están fronte ao edificio da Comandancia de Marina e o outro tras o Pazo da Deputación.
CIPRÉS DE CALIFORNIA do pazo de Quintáns
- Especie: Cupressus macrocarpa Hartw.
- Familia: Cupressaceae
- Localizacion natural: California (Monterrei)
- Idade: entre 120 e 130 anos
- Porte: 34 m
- Tronco: 3,19 m
- Copa: 24,10 m (28 x 19,50 m)
- Concello: Meis
- Parroquia: Santa María de Paradela
- Lugar: Quintáns
- Altitude: 30 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.536924, -8.715262
- Propietaria/o: herdeiros de Juan Antonio Martínez Torrado
Historia
Pola posición que ocupa nótase o protagonismo que tivo desde as orixes, no último cuarto do século XIX, cumprindo á perfección o dito popular: "casa grande con capela, pombal e ciprés... pazo é".
Por razóns de crecemento e de ambiente a árbore conseguiu o maior fuste entre os cipreses da súa clase cultivados no país. O pazo de Quintáns non sería o mesmo sen este monumento verde carismático, de gran fama local e galega.
Aínda que foi danado gravemente en dúas ocasións, en 1984 e 2001, continúa sendo todo un monumento, pois ocupa o xardín da entrada principal do pazo.
Contorna
O pazo de Quintáns, con 11 hectáreas de terreo, data do século XVI e está situado na beira do río Umia. Trátase dun dos expoñentes xenuínos da comarca do Salnés polas súas nobres construcións –que precisan de melloras arquitectónicas– e o seu extenso agro cun cultivo de albariño. O ciprés de California centra o patio do Ciprés, enmarcado pola casona residencial, a capela, as dependencias anexas e os muros.
CIPRÉS DE PORTUGAL do xardín histórico de Mondariz-Balneario
- Especie: Cupressus lusitanica Mill.
- Familia: Cupressaceae
- Altura: 19,80 m
- Perímetro basal do tronco: 2,93 e 4,11 m
- Perímetro do tronco (1,30 m): 2,21 e 2,93 m
- Diámetro da copa: 6,5 x 9,6 m e 9,6 x 13,7 m
- Idade estimada: 100 anos
- Concello: Mondariz-Balneario
- Parroquia: Nosa Señora de Lurdes
- Lugar: Hotel de Mondariz-Balneario
- Coordenadas UTM (X; E, ETRS89 Fuso 29): 29T544054;4675089
- Coordenadas en Google: 42.225562, -8.465984
Resolución do 8 de marzo de 2023 pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras con código: 164A.
Historia
Trátase de dous exemplares de Cupressus lusitanica que crecen xuntos, a unha distancia inferior a 3 metros, e presiden un pequeno estanque de sección circular, que se atopa na zona axardinada da parte traseira do Hotel de Mondariz-Balneario. As dúas árbores, de tronco ergueito, presentan un porte desgairado e irregular debido á proximidade e á falta de espazo entre eles, o cal impediu o correcto desenvolvemento da súa copa. Dependendo do ángulo de visión, dá a sensación, se non se ven os dous pés, de que entre ambas conforman unha única copa. O estado xeral é bo, aínda que no seu interior poden apreciarse numerosas pólas secas con liques e tocos de antigas ramas finas de máis de 30 cm de longo.
Contorna
O conxunto formado polos dous exemplares destaca dentro do patrimonio botánico que ofrece o histórico xardín deseñado no século XIX, cando as coníferas eran moi utilizadas nas contornas dos balnearios.
CRIPTOMERIA do parque botánico de Soutomaior
- Especie: Cryptomeria japonica (L. f.) D. Don
- Familia: Taxodiaceae
- Localizacion natural: Xapón
- Idade: entre 130 e 150 anos
- Porte: 28,70 m
- Tronco: 5,52 m
- Copa: 11,80 m
- Concello: Soutomaior
- Parroquia: Soutomaior (San Salvador)
- Lugar: Soutomaior
- Altitude: 180 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.329596, -8.566788
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
A plantación desta criptomeria correspóndese coa execución do proxecto de axardinamento practicado con motivo da transformación do castelo en pazo a partir do ano 1870, durante a remodelación do castelo e a súa contorna na época do marqués da Vega de Armijo. Desde entón e ata hoxe, na súa condición centenaria, a árbore converteuse nun espécime sensacional, de orixinal e sorprendente feitura, e pasou a ser un dos representantes da súa especie máis grandiosos de Galicia. O seu valor só se ve minguado polo manifesto grao de deterioro que presenta.
Esta árbore está citada como exemplar singular no libro Flora ornamental de España (Lillo e Ramos, 1972).
Contorna
O castelo de Soutomaior está situado nun lugar privilexiado pola ampla paisaxe que se divisa desde alí.
A torre defensiva orixe do castelo é do século XII, aínda que será con Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, con quen alcance o seu máximo esplendor como epicentro da actividade política do sur de Galicia durante o século XV.
O terreo comprende 25 hectáreas. A orixe do parque e dos xardíns vén dos marqueses da Vega de Armijo e de Mos cara a 1870. Considérase o xardín botánico máis importante de Galicia.
CRIPTOMERIA ELEGANTE do pazo de Oca
- Especie: Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don ‘elegans'
- Familia: Taxodiaceae
- Localizacion natural: China e Xapón
- Idade: entre 125 e 150 anos
- Porte: 28 m
- Tronco: 4,30 m
- Copa: 20 x 15,80 m
- Concello: A Estrada
- Parroquia: Oca
- Lugar: plaza de Oca
- Altitude: 170 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.745760, -8.395037
- Propietaria/o: Fundación Casa Ducal de Medinaceli, Sevilla
Historia
Á falta de fontes documentais ou referencias bibliográficas concretas, a observación dendrométrica permítenos afirmar que a criptomeria elegante forma parte das plantacións arboradas efectuadas desde a segunda metade do século XIX con motivo do proxecto de ampliación dos espazos axardinados; a súa chegada ao pazo dataría do último terzo. Este espécime figura como un dos representantes máis relevantes da súa especie cultivados en Galicia.
Contorna
O pazo de Oca, a propiedade señorial por antonomasia de Galicia, é de mediados do século XV e os seus espléndidos xardíns abarcan 14 hectáreas.
A criptomeria elegante localízase no xardín xeométrico, en posición centrada e próxima á porta de paso desde o patio. Este contorno atesoura unha abundante e valiosa flora, xa que nel atopamos unha camelia reticulada, tamén senlleira, un teixo fastixiado, unha sequoia vermella de impoñente porte, magnolias grandifloras e unha masa de camelias.
CRIPTOMERIA XAPONESA do palco da música do xardín histórico de Mondariz-Balneario
- Especie: Cryptomeria japonica (L. f.) D. Don.
- Familia: Cupressaceae
- Altura: 25 m
- Perímetro basal do tronco: 4,5 m
- Perímetro do tronco (1,30 m): 3,55 m
- Diámetro da copa: 10,20 m
- Idade estimada: 110 anos
- Concello: Mondariz-Balneario
- Parroquia: Nosa Señora de Lurdes
- Lugar: Hotel de Mondariz-Balneario
- Coordenadas UTM (X; E, ETRS89 Fuso 29): 29T544054;4675089
- Coordenadas en Google: 42.226648, -8.466011
Resolución do 8 de marzo de 2023 pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras con código: 163A.
Historia
A criptomeria forma parte da colección botánica do xardín histórico do Balneario de Mondariz, un espazo axardinado de gran relevancia asociado ao termalismo en Galicia que na actualidade é propiedade do Concello de Mondariz-Balneario. Trátase posiblemente do exemplar máis antigo e singular do xardín, e foi testemuña do paso dos anos e da evolución que tivo o xardín desde o seu deseño orixinal. Hai rexistros fotográficos que xa verifican a súa presenza a principios do século XX (anos 20 e 30). Crese que foi plantada no momento de creación do xardín. Ademais, este exemplar xa figuraba no Inventario de árboles sobresalientes de Galicia (Xunta de Galicia, 1985).
Contorna
A criptomeria destaca pola súa gran visibilidade, sen competencia en espazo nin altura; o seu tronco está moi ensanchado na súa base, a modo de pata de elefante, o que lle confire estabilidade. O seu crecemento é moi vertical e na zona media do tronco son visibles os restos das ramas que antes poboaban esta zona. A copa é pouco densa e irregular, quizais por tratarse da árbore máis alta da súa contorna e sufrir o embate de todos os ventos.
Está situada á beira do palco da música, de sección octogonal; un valado e unha sebe separan este espazo da avenida de Mondariz. Ao nordeste da criptomeria está a fonte da Gándara, obra do famoso arquitecto Antonio Palacios, integrada nunha edificación de planta de cruz cos brazos formados por semicírculos e unha cúpula central sostida por altas columnas cilíndricas de pedra; no seu interior, unhas escaleiras conducen ata a fonte de augas ferruxinosas.
CRIPTOMERIA XAPONESA do pazo de Lourizán
- Especie: Cryptomeria japonica (L.f.) D.Don.
- Familia: Cupressaceae
- Localizacion natural: Xapón
- Porte: 35,4 m
- Tronco: 3,03 m
- Copa: 12,60 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Lourizán
- Lugar: pazo de Lourizán
- Altitude: 35,4 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.407469, -8.665271
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV, cando esta aínda era unha granxa. No século XIX o político Montero Ríos adquire a leira e convértea na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.
Contorna
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas no xardín desde o século XIX ata a actualidade.
Esta árbore está citada como exemplar singular no libro Flora ornamental de España (Lillo e Ramos, 1972).
CUNNINGHAMIA do Parque-Xardín de Caldas de Reis
- Especie: Cunninghamia lanceolata (Lamb.) Hook. f.
- Familia: Taxodiaceae
- Localizacion natural: centro e sur da China
- Idade: 100 anos
- Porte: 31 m
- Tronco: 1,7 m
- Copa: 7,65 m
- Concello: Caldas de Reis
- Parroquia: Caldas de Reis
- Lugar: Parque-Xardín
- Coordenadas: 42.604077, -8.640713
- Propietaria/o: Concello de Caldas de Reis
Historia
Non existe constancia escrita ou documentada da súa chegada e plantación pero suponse que coincide co momento da implantación do Parque-Xardín, unido ao proxecto de termalismo da vila do século XIX.
Trátase dun xardín centenario, cunhas sesenta especies de árbores e arbustos dos cinco continentes. Está considerado un dos conxuntos botánicos máis interesantes da provincia, goza do galardón de Paraxe Pintoresca desde 1962 e está catalogado na actualidade como Ben de Interese Cultural.
Este exemplar xa foi citado por Rafael Areses no seu libro Nuestros parques y jardines. Contribución al conocimiento de las plantas exóticas cultivadas en España, Galicia. Tomo I, Pontevedra (1953).
Contorna
A cunninghamia, que destaca pola súa elevada altura, atópase en pleno centro do parque rodeada dunha densa masa arbórea de criptomerias, plátanos de sombra, camelias e árbores de té, de portes e idades considerables.
CUNNINGHAMIA do pazo de Gondomar
- Especie: Cunninghamia lanceolata (Lamb.) Hook
- Familia: Taxodiaceae
- Localizacion natural: centro e sur da China
- Idade: 130 anos
- Porte: 40,20 m
- Tronco: 4,60 m
- Copa: 15,90 m
- Concello: Gondomar
- Parroquia: Gondomar
- Lugar: Gondomar
- Altitude: 50 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.106358, -8.761836
- Propietaria/o: Gonzalo Fernández de Córdoba y Calleja
Historia
O pazo de Gondomar foi levantado, presumiblemente, sobre os restos dunha fortaleza medieval e serviulle de residencia a Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, título que recibiu de Felipe III. Foi unha das figuras máis importantes da diplomacia española e chegou a ser nomeado embaixador de España en Londres. En vida do conde o pazo viviu a súa época de máximo esplendor, cunha grande extensión de terreo rodeado por unha muralla que chegaba ata as mesmas portas do que hoxe é a casa do Concello de Gondomar. Posiblemente a plantación do conxunto de cunninghamias, entre as que se atopa esta, sexa da época do proxecto orixinal do xardín realizado en 1860, época de Diego Sarmiento. Este monumento foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.
Tradicionalmente, as veciñas e veciños de Gondomar recollen ramiñas desta árbore para a confección das alfombras do Corpus Christi.
Contorna
Forma parte dun grupo de exemplares da mesma especie situados fronte á fachada principal do pazo.
EUCALIPTO AZUL do pazo de Barrantes
- Especie: Eucalyptus globulus Labill.
- Familia: Myrtaceae
- Localizacion natural: sudeste de Australia e Tasmania
- Idade: entre 100 e 125 anos
- Porte: 37 m; 44 m e 32 m
- Tronco: 8,10 m; 6,10 m e 5,60 m
- Copa: 26 m; 20 m e 22 m
- Concello: Ribadumia
- Parroquia: Barrantes
- Altitude: 20 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.497020, -8.776979
- Propietaria/o: familia Creixell
Historia
A orixe do pazo remóntase ao século XVI. Este pazo galego, construído con cantería e granito, está ligado á historia da familia Creixell desde hai máis de catro séculos. Don Vicente Cebrián Sagarriga, conde de Creixell, puxo a primeira pedra da bodega que desde 1991 traballa a viña cultivada en perfecta consonancia arquitectónica co pazo.
A plantación dos eucaliptos forma parte do proxecto de xardinaxe orixinal do derradeiro cuarto do século XIX. Trátase dunha dobre ringleira que conduce á entrada do pazo desde a estrada xeral.
O paseo ocupa un lugar de honra no mapa xeográfico de eucaliptos galegos. A carreira debe a súa categoría á rareza compositiva, por non ser unha especie habitual nesta clase de xeracións e pola incomparable fermosura dos exemplares vetustos con copas desgairadas, troncos formidables e cortizas desprendidas en tiras. Ademais, xeran un ambiente saudable, impregnando o aire cun aroma inconfundible.
Contorna
O pazo de Barrantes (de 10 ha), de gran renome e celebridade na comarca do Salnés e na provincia de Pontevedra, conta cunha interesante arquitectura e un extenso terreo agrícola dedicado á plantación de albariño. A carreira de eucaliptos é coetánea ao proxecto paisaxístico. Está disposta na entrada da posesión ao longo do tramo recto do paseo, que arranca desde o portalón e chega ata o paseo de camelias.
EUCALIPTOS do pazo de Castrelos
- Especie: Eucalyptus globulus Labill.
- Familia: Myrtaceae
- Localizacion natural: sueste de Australia e Tasmania
- Idade: entre 120 e 130 anos
- Porte: 58,90 m; 56,40 m e 54,30 m
- Tronco: 7,40 m; 4,84 m e 8,70 m
- Copa: 12,95 m; 16,20 m e 28 m
- Concello: Vigo
- Parroquia: Castrelos
- Lugar: parque de Castrelos
- Altitude: 50 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.210610, -8.729031
- Propietaria/o: Concello de Vigo. Pazo de Castrelos
Historia
O xardín do pazo de Quiñones de León créase en tempos do primeiro marqués de Alcedo, en 1860. Está dividido en tres niveis e, co pazo, atópase rodeado por unha muralla. Ocupa unha superficie pequena das 23 hectáreas polas que se estende o parque de Castrelos.
Trátase dun dos espazos de lecer máis coñecidos de Vigo e un dos expoñentes por excelencia das propiedades señoriais galegas e españolas, cun magnífico pazo e espléndidos xardíns.
A liña de eucaliptos foi plantada en 1872 despois de ser traídos por Frei Rosendo Salvado, polo que se atopan entre os exemplares da especie más antigos de Galicia.
Contorna
Os eucaliptos atópanse situados ao fondo do xardín principal do pazo, a ambos lados do camiño que parte desde o pombal ata o fondo do recinto amurallado, ao lado da antiga pista de tenis.
Quedan 15 exemplares da plantación orixinal, localizada na parte posterior do pazo no fondo do parque axardinado, que forman unha dobre aliñación de magnífica arquitectura e bo estado de conservación, coas súas copas unidas pola proximidade das súas pólas.
EUCALIPTOS do pazo de Rubianes
- Especie: Eucalyptus globulus Labill.
- Familia: Myrtaceae
- Localizacion natural: sueste de Australia e Tasmania
- Idade: entre 130 e 140 anos
- Porte: 55,20 m e 52,80 m
- Tronco: 12,15 m e 10,55 m
- Copa: 26 m e 29,40 m
- Concello: Vilagarcía de Arousa
- Parroquia: Rubiáns
- Lugar: A Feira Nova
- Altitude: 70 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.577610, -8.732872
- Propietaria/o: marquesa de Rubianes
Historia
A propiedade é da Idade Media, cando no século XII a familia Caamaño, titular da casa de Noia, se establece na beira oposta da ría. En 1535 escíndense as casas de Noia e Rubianes e Felipe II concédelle á familia García Caamaño o título de marquesado de Rubianes e cédelle os territorios de Santa Baia de Airalonga. A lenda "Caamaño avante coa cruz diante" abre as portas do pazo, do século XVIII, que deixa ver a súa antiga condición de casa forte.
Ao redor desta familia creouse un burgo mariñeiro que posteriormente deu lugar á Vila de García, os cimentos da actual Vilagarcía de Arousa, que adoptou como escudo o propio da familia.
Contorna
O pazo está situado na ría de Arousa (Pontevedra). A propiedade comprende un edificio palaciano, en bo estado de conservación, un xardín, un cinto arborado e un viñedo de uva de variedade albariño de 21 hectáreas. Na propiedade podemos contemplar sete exemplares de eucaliptos: cinco deles na capela e na vaquería, outro no campo agrícola occidental (zona antiga do parque e carreira de buxos) e un último espécime na casa do caseiro e estanque de ras.
Os exemplares están situados en varias zonas do xardín, todos con características semellantes e incluídos perfectamente no xardín palaciano. Ao atopárense en zonas axardinadas están rodeados de praderías ou camiños ben coidados, limpos e segados.
FAIA do pazo de Castrelos
- Especie: Fagus sylvatica L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: Europa occidental e central
- Idade: entre 110 e 130 anos
- Porte: 45,6 m
- Tronco: 3,65 m
- Copa: 24,80 m
- Concello: Vigo
- Parroquia: Castrelos
- Lugar: Vigo
- Altitude: 50 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.214980, -8.728229
- Propietaria/o: Concello de Vigo
Historia
Ante a ausencia de fontes informativas precisas, a dendrometría certifica a súa existencia desde o último cuarto do século XIX, cando se converteu a Finca da Marquesa en xardín, coñecido na actualidade como parque de Castrelos. Debido ás súas características chama a atención, polo que é inevitable a súa contemplación e a conseguinte admiración que suscita entre as visitas que se achegan ao parque vigués.
O seu nome procede da palabra grega que se refire ao verbo comer, pois as súas sementes (faiuchos) consómense desde a Prehistoria en toda Europa. No mes de setembro esta enorme faia, plantada a finais do século XIX, produce nutritivas e riquísimas sementes.
Contorna
O pazo de Castrelos conta con 23 hectáreas e é un dos expoñentes por excelencia das propiedades señoriais galegas e españolas, cun magnífico pazo e espléndidos xardíns. O auditorio é o mellor referente arquitectónico para chegar ata a parella de faias veteranas, camiñando cara ao fondo do terreo en dirección oposta ao pazo, no medio dun arboredo denso, profuso e de varias especies, coma plátanos de sombra e carpes monumentais.
FIGUEIRA DO MECO
- Especie: Ficus carica L.
- Familia: Moraceae
- Localizacion natural: rexión mediterránea e suroeste de Asia
- Idade: máis de 300 anos
- Porte: 5 m
- Tronco: non ten
- Copa: 4 x 2 m
- Concello: O Grove
- Lugar: Siradella
- Altitude: 120 m s.n.m.
- Coordenadas: 42.469175, -8.878611
- Propietaria/o: Concello do Grove
Historia
A súa antigüidade remóntase, polo menos, ao século XVII, pois aparecen referencias a ela nun escrito do Padre Sarmiento. Segundo a lenda, nela foi aforcado o Meco, axustizado polos seus abusos ás mulleres do Grove. Á pregunta formulada polo xuíz, "Quen matou o Meco?", a resposta da veciñanza foi: "Ao Meco matámolo todos", polo que o asasinato quedou sen castigo. Esta lenda popular está tan arraigada no municipio que as persoas do Grove son coñecidas como mecas e mecos.
En febreiro de 2017 púxose en marcha un proxecto de clonación do exemplar para garantir a súa continuidade. O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro tomou mostras da árbore, enraizou o material extraído e conseguiu exemplares idénticos a esta emblemática figueira. Tres destas novas árbores plantaranse nas proximidades, unha no mesmo monte da Siradella e outras dúas no Corgo, como testemuñas da historia que representan.
Contorna
Trátase dunha árbore rochosa, localizada na cima do monte da Siradella, cerca do Centro de Interpretación Ambiental. Pódese acceder á árbore a través dunha rústica escalinata por un espazo de gran valor paisaxístico e natural, presidido pola enseada do Grove e o istmo da Lanzada, áreas naturais protexidas (Zonas Húmidas de Importancia Internacional e Zona de Especial Protección para as Aves).
FRAGA DE CATASÓS
- Especie: Castanea sativa Mill.; Quercus robur L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sueste de Europa, Asia Menor e Cáucaso; Europa, Asia Menor e norte de África
- Idade: entre 100 e 150 anos
- Porte: 31,70 m e 28,20 m
- Tronco: 3,80 m e 4,70 m
- Concello: Lalín
- Parroquia: Catasós
- Lugar: Quintela
- Altitude: 571,3 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.635833, -8.095278
- Propietaria/o: Aurora Quiroga Quiroga. Pazo de Quintela
Historia
Esta fraga de excepcionais exemplares de castiñeiro e carballo foi propiedade da familia Quiroga de Catasós, residente do pazo deste lugar. En 1864 un dos herdeiros casou con Emilia Pardo Bazán, que anos máis tarde escribía aquí boa parte do seu libro Os pazos de Ulloa.
Na década dos setenta persoal técnico da FAO considerou os castiñeiros desta fraga os de mellor porte forestal de Europa.
En 1998 a fraga pasou a ser propiedade da Consellería de Agricultura e Medio Ambiente e no 2000 foi declarada Monumento Natural pola Xunta de Galicia.
Esta paraxe natural estivo ameazada cando se intentou instalar unha liña eléctrica de alta tensión entre O Irixo e Lalín. O Concello denegou a licenza no 2017 debido á insuficiente valoración do impacto que as obras suporían no ámbito paisaxístico da fraga, xa que o proxecto ocasionaría a tala masiva de árbores (ao redor de 2.000 pés), na súa maioría centenarias.
Tiveron moita relevancia para impedir este proxecto a mobilización veciñal e a plataforma Salvemos Catasós.
Contorna
Este contorno natural, composto de 5 hectáreas de sobreiras, carballos e castiñeiros, plantados moitos deles a comezos do século XIX, está situado cerca de Lalín, que experimentou nas últimas décadas un forte desenvolvemento urbanístico.
FREIXO DE FOLLA ESTREITA de Alvarín
- Especie: Fraxinus angustifolia Vahl.
- Familia: Oleaceae
- Localizacion natural: sur de Europa, suroeste de Asia e noroeste de África
- Idade: 100 anos
- Porte: 28,2 m
- Tronco: 3,94 m
- Copa: 19,40 m
- Concello: O Porriño
- Parroquia: Atios
- Lugar: Alvarín
- Coordenadas: 42.151462, -8.600422
Historia
O freixo plantouse en 1928 e pola súa idade e atributos corporais é, xunto co freixo de folla estreita de Montepando (Monforte de Lemos), o único representante da súa especie incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Contorna
Está situado nunha rotonda na estrada de Atios, co asfalto a 20 cm do fuste
MAGNOLIAS GRANDIFLORAS do pazo de Rubianes
- Especie: Magnolia grandiflora L.
- Familia: Magnoliaceae
- Localizacion natural: sueste de Estados Unidos
- Idade: entre 150 e 200 anos
- Porte: 18,9 m e 19 m
- Tronco: 5,20 m e 4,50 m
- Copa: 19,10 m (20 x 16 m) e 18 m (18 x 18 m)
- Concello: Vilagarcía de Arousa
- Parroquia: Vilagarcía de Arousa
- Lugar: A Feira Nova
- Altitude: 70 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.578261, -8.733275
- Propietaria/o: marquesa de Rubianes
Historia
En Vilagarcía de Arousa hai noticias da posible presenza da Magnolia grandiflora desde principios do século XIX. De ser así, o exemplar de maior grosor de fuste, pola perimetría alcanzada, podería pertencer a este tempo, mentres que o outro chegaría con posterioridade. Sexa como for, a parella, considerada como un dos conxuntos máis sublimes do país, permite constatar as excelentes posibilidades desta especie fóra da súa área de distribución natural.
Neste pazo sitúase a orixe da cidade de Vilagarcía. O seu dono, D. Ruy Fernández de Caamaño, recíbeo en 1390 como feudo de mans do arzobispo D. Xoan García Manrique: "Santa Baya de Arealonga (actual Vilagarcía), San Pedro de Cornazo, Santa María de Rubiáns, San Esteban de Sayar y Santa Baya de Nantes, todas en tierras del Salnés...", "por cuanto fuere cortés e obediente vassallo...". D. Ruy decidiu reconstruír na freguesía de Santa María de Rubiáns unha vella torre, que estaba habitada en 1146 por D. Ruy García de Caamaño, antepasado seu, engrandecéndoa e fixando nela a súa residencia, segundo consta nunha inscrición sobre unha pedra que estaba situada na parede da torre e que aínda se conserva no actual pazo de Rubiáns. Nela pódese ler: "Fizo Fernández de Caamaño anno de 1411". En 1440 marcha D. Ruy para acompañar o rei Xoan II de Castela na batalla de Olmedo e deixa como señor das súas posesións ao seu segundo fillo, D. García de Caamaño, que o 12 de maio de 1441 fundaría "o meu lugar e porto de Vila-García."
Contorna
O pazo de Rubiáns (de 46 ha) é unha das propiedades señoriais máis senlleiras de Galicia, cunha magnífica construción e espléndidos xardíns. Un magnolio, o de menor grosor de tronco, localízase diante da fachada principal do pazo, ocultando parcialmente a súa artística factura; o outro está preto, no xardín do estanque, próximo á fermosa fachada lateral do noroeste.
METASEQUOIA do pazo de Lourizán
- Especie: Metasequoia glyptostroboides Hu & W. C. Cheng
- Familia: Taxodiaceae
- Idade: entre 40 e 60 anos
- Porte: 33,20 m
- Tronco: 2,54 m
- Copa: 11,7 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Lourizán
- Lugar: Pontevedra
- Altitude: 40 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.409044, -8.664605
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV cando esta aínda era unha granxa. No século XIX a leira é adquirida polo político Montero Ríos, quen a converte na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas no xardín desde o século XIX ata a actualidade.
A súa idade, maxestade, dendrometría e excelente arquitectura converten a metasequoia de Lourizán, o exemplar máis antigo de Galicia, en único.
A monumentalidade do exemplar está tamén unida á rareza e ao interese botánico desta especie, considerada extinta ata o ano 1941, cando se atoparon varios exemplares no sueste da China. Por iso, aínda que ten algo máis de medio século de vida, a súa presenza en Europa é moi rara.
Contorna
Atópase no noiro inferior da mesa de pedra, ao lado do muíño, xunto ao pazo.
É visible á dereita desde a avenida de entrada, pouco antes de chegar ao edificio.
METROSÍDERO da finca de Besada
- Especie: Metrosideros robusta A. Cunn.
- Familia: Myrtaceae
- Localizacion natural: Nova Zelandia
- Porte: 15,7 m
- Tronco: 1,92 m
- Copa: 10,60 m
- Concello: Poio
- Parroquia: Besada
- Lugar: Poio
- Altitude: 38,1 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.432123, -8.663043
- Propietaria/o: Concello de Poio
Historia
O pazo, do último terzo do século XIX, foi construído para o avogado e político Augusto González Besada, ministro de Facenda, Gobernación e Fomento durante o reinado de Alfonso XIII.
A casa é de estilo similar ao pazo de Lourizán, pero de menores dimensións, e está rodeada dun xardín con especies foráneas entre as que se atopa o exemplar senlleiro. Posiblemente se trate do único exemplar desta especie do seu calibre e idade en Galicia, polo que o seu interese é moi alto. Os xardíns, propiedade do Concello de Poio, foron saneados e remodelados en 2011 despois de estaren varios anos en estado de abandono total.
Contorna
O xardín do pazo ten unha colección botánica con varias especies exóticas. Xunto ao exemplar de metrosídero destacan unha Araucaria angustifolia, un Cedrus deodara e tamén unha Sequoia sempervirens.
OLIVEIRA do paseo de Alfonso XII
- Especie: Olea europaea L. var. europeae
- Familia: Oleaceae
- Localizacion natural: rexión mediterránea
- Idade: 200 anos
- Porte: 15,70 m
- Tronco: 3,10 m
- Copa: 15 x 13,5 m
- Concello: Vigo
- Parroquia: Vigo
- Lugar: Vigo
- Altitude: 40 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.236927, -8.728124
- Propietaria/o: Concello de Vigo
Historia
É un fillo da memorable oliveira da colexiata de Santa María, pé multisecular de porte asombroso que desapareceu a principios do século XIX. A árbore foi cortada con motivo da construción da nova igrexa e a ela se debe o feito de chamarlle a Vigo Cidade Olívica e ás viguesas e vigueses fillos da oliva. Un vigués ilustre, Cayetano Parada y Pérez de Limia, separou unha póla da árbore proxenitora e plantouna na súa horta familiar. Conseguiu un fillo lexítimo que, por desexo expreso dos seus descendentes, pasou posteriormente ao lugar que ocupa.
Contorna
O paseo de Alfonso XII está en pleno núcleo urbano. É unha vía de gran tránsito rodado e peonil, aspectos que potencian a celebridade do histórico individuo, aínda que preocupan a contaminación ambiental e o pavimento lousado. A oliveira está rodeada por un enreixado metálico de ornato e protección, adornada con catro escudos da cidade e unha placa conmemorativa.
OMBÚ do IES do Castro
- Especie: Phytolacca dioica L.
- Familia: Phytolaccaceae
- Localizacion natural: Arxentina, Uruguai e sur de Brasil
- Idade: 100 anos
- Porte: entre 9 e 10 m
- Tronco: 9,5 m
- Copa: 18,4 x 18,10 m
- Concello: Vigo
- Parroquia: Vigo
- Lugar: monte do Castro
- Coordenadas: 42.228020, -8.725657
- Propietaria/o: IES do Castro
Historia
A árbore descubriuse cando se levaban a cabo os traballos de urbanización e construción do instituto. A súa aparición condicionou o desenvolvemento da obra, xa que os técnicos sacrificaron parte do proxecto para protexer a árbore.
Desde o primeiro momento o ombú foi un sinal de identidade para este centro.
No ano 2012 iniciáronse os trámites da petición da súa catalogación como árbore senlleira, pero a Consellería de Medio Ambiente denegouna. Durante os seguintes anos a comunidade educativa do IES do Castro mantivo a petición e optaron por presentar unha nova solicitude cunha memoria explicativa, ademais de levar a cabo unha recollida de firmas e unha busca de apoios de escritores como Manuel Rivas e Luís G. Tosar, ademais do representante do consulado da Arxentina en Vigo.
Da súa procedencia dise que foi un indiano quen o trouxo da Arxentina a finais do século XIX; de aí o simbolismo que encerra desde o punto de vista histórico e cultural.
Son moitas as actividades que se desenvolven baixo a súa sombra: clases ao aire libre, recitais de poesía e fotografías de grupo de todas as promocións do instituto. É tamén un lugar de lecer e a revista editada polo centro leva o seu nome.
No ano 2017 publicouse no DOG do 1 de xuño a súa inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, polo que se conclúe que a árbore é merecente das medidas de protección que supoñen pertencer a este catálogo. Quedan así recoñecidas as súas excepcionais características (porte, dendrometría, significación cultural e interese científico e educativo) grazas á posta en valor que levaron a cabo desde este centro vigués ata conseguir a súa inclusión.
Na Cidade Olívica ocupa o sétimo lugar dentro do catálogo; non obstante, é o primeiro da súa especie na provincia de Pontevedra e o terceiro de Galicia.
Contorna
O IES do Castro (1993) foi o derradeiro centro de ensinanza en construírse no centro da cidade aínda que inclúe a árbore máis antiga. Está situado nun lugar excepcional desde o punto de vista medioambiental e paisaxístico, nun punto de acceso ao parque municipal do monte do Castro, no que existe unha variedade extraordinaria de especies vexetais.
O exemplar é o único da súa especie na contorna, nun xardín ben coidado no que dispón de espazo suficiente para seguir medrando xunto a outras especies que foron catalogadas, documentadas e incluídas nunha guía levada a cabo polo propio alumnado do centro.
PIÑEIRO de Alxén
- Especie: Pinus pinaster Ait.
- Familia: Pinaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: entre 75 e 100 anos
- Porte: 41,60 m
- Tronco: 3,4 m
- Copa: 19,7 m
- Concello: Salvaterra de Miño
- Parroquia: Alxén
- Lugar: Salvaterra de Miño
- Altitude: 67,3 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.115202, -8.516162
- Propietaria/o: Clementina Laxes
Historia
É o piñeiro marítimo de maior altura dos medidos en Galicia. Figura no Catálogo galego de árbores senlleiras por ser unha árbore de gran fama na comarca debido á súa beleza e tamaño.
Contorna
A parcela está dedicada á plantación de piñeiros. Actualmente, estas árbores posúen grandes dimensións e no sotobosque aparecen varios pés de carballos e castiñeiros.
PIÑEIRO MANSO do Pazo do Cabido
- Especie: Pinus pinea L
- Familia: Pinaceae
- Localizacion natural: rexión mediterránea
- Idade: 300 anos aprox.
- Porte: 27,30 m
- Tronco: 6,90 m
- Copa: 38,10 x 30 m
- Concello: Vilanova de Arousa
- Parroquia: Baión
- Lugar: pazo do Cabido
- Altitude: 47 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.563121, -8.717342
- Propietaria/o: familia Giraldo García (Victoria Eugenia García García e herdeiros de José María Giraldo Argüello)
Historia
O pazo do Cabido, mansión do século XVIII, está enteiramente construído en cantería, cunha fachada porticada e un gran terreo que rodea o edificio, onde se atopan na actualidade unha capela, un pombal, un obelisco e un hórreo de 11 pares de pés. Considérase o hórreo civil máis grande de Galicia.
A árbore singular é incluso anterior ao pazo que o acolle no seu recinto. Dise que é o piñeiro manso máis grande do mundo.
Contorna
O magnífico exemplar preside a entrada principal da propiedade, de arredor de 4,5 ha. Atópase na parte superior da parcela, á dereita do sendeiro que conduce cara ao pazo, onde antigamente tamén había un viñedo de albariño.
Hoxe en día, xunto ao pombal e a árbore atópase plantado un piñeiro descendente do exemplar catalogado e outro, de maior tamaño, descendente do coñecido e xa desaparecido piñeiro de Marxión.
No lugar tamén destacan un conxunto de castiñeiros plantados en 1977, xunto á antiga casa de empregados; unha moreira de considerables dimensións; tres camelias antigas e un caqui.
PIÑEIROS MANSOS do Rosal
- Especie: Pinus pinea L.
- Familia: AraucariaceaePinaceae
- Localizacion natural: rexión mediterránea
- Idade: 250 anos
- Porte: 26,50 m e 27 m
- Tronco: 3,86 m e 4,53 m
- Copa: 23 x 26 m e 25 x 29 m
- Concello: O Rosal
- Parroquia: O Rosal (Santa Mariña)
- Lugar: Couselo
- Altitude: 20 m s. n. m.
- Coordenadas: 41.934743, -8.828910
- Propietaria/o: familia Vicente. Propietarios de Quinta do Couselo
Historia
Quinta do Couselo é unha propiedade situada no Rosal, adquirida en 1163 polos monxes do mosteiro de Santa María de Oia, pertencentes á orde do Císter. Comezou a construírse no ano 1136 baixo o reinado de Alfonso VII e constituíu un gran baluarte defensivo ante as constantes invasións marítimas.
No século XII intensificouse o cultivo da vide no Baixo Miño e os monxes descubriron a gran capacidade que tiñan estas terras do val do Rosal para a produción de viño. En 1835, coa desamortización de Mendizábal, pasou a ser propiedade privada e desde 1898 pertence á familia Vicente; os piñeiros xa estaban no terreo cando foi adquirido. Na actualidade dedícanse dúas ha a viñedo e o lugar dispón dunha recoñecida bodega. Empregan a silueta dos dous piñeiros mansos como sinal de identidade dos seus produtos, constituíndo a súa imaxe corporativa.
Contorna
A bodega atópase no val do Rosal, que limita ao sur co río Miño na súa desembocadura e ao oeste co océano Atlántico. É unha zona de grande importancia para o cultivo de viñedos.
SALGUEIRO da braña de Xafardán
- Especie: Salix atrocinerea Brot.
- Familia: Salicaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: entre 100 e 150 anos
- Porte: 14,4 m
- Copa: 20 m
- Concello: Vilanova de Arousa
- Parroquia: Deiro
- Lugar: Vilanova de Arousa
- Altitude: 22,9 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.543450, -8.792826
Historia
É o único elemento dendrolóxico senlleiro do termo municipal, pertencente á flora autóctona de ribeiras e zonas húmidas do país, como o salgueiro negro da illa de Cortegada. Ambos os dous están asentados no ámbito litoral mais o último non está incluído no catálogo e encóntrase en estado decrépito, polo que o de Vilanova é o único representante da especie desas dimensións.
Contorna
É o único elemento dendrolóxico senlleiro do termo municipal, pertencente á flora autóctona de ribeiras e zonas húmidas do país, como o salgueiro negro da illa de Cortegada. Ambos os dous están asentados no ámbito litoral mais o último non está incluído no catálogo e encóntrase en estado decrépito, polo que o de Vilanova é o único representante da especie desas dimensións.
SEQUOIA VERMELLA do castelo de Soutomaior
- Especie: Sequoia sempervirens (D. Don) Endl
- Familia: Taxodiaceae
- Localizacion natural: oeste dos Estados Unidos
- Idade: 140 anos
- Porte: 41,5 m
- Tronco: 9,55 m
- Copa: 12,40 m (13 x 11,5 m)
- Concello: Soutomaior
- Parroquia: Soutomaior
- Lugar: O Rial
- Altitude: 180 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.329701, -8.566615
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
É a sequoia vermella de maiores medidas de Galicia aínda que a orde da circunferencia se beneficiou claramente do hábito hicaulinar, e trátase dun exemplar coetáneo do momento fundacional do parque (1870). Ten ao seu favor para a catalogación monumental a súa antigüidade, dendrometría, conservación e marco señorial, aínda que o escaso campo visual impide a correcta contemplación da súa arquitectura.
Contorna
O castelo de Soutomaior (de 25 ha), do século XII, é unha das mellores manifestacións da súa clase no país. Foi transformado en pazo en tempos de Antonio Aguilar Correa e Soutomaior, marqués da Vega de Armijo (1870), e conta cunha magnífica fortaleza-pazo e espléndidos xardíns. A sequoia localízase na parte alta do parque en posición excéntrica, cerca da praciña da fonte.
SEQUOIA VERMELLA do pazo de Lourizán
- Especie: Sequoia sempervirens
- Familia: Taxodiaceae
- Localizacion natural: oeste dos Estados Unidos
- Idade: 140 anos
- Porte: 43,4 m
- Tronco: 3,40 m
- Copa: 10,80 m
- Concello: Pontevedra
- Lugar: pazo de Lourizán
- Altitude: 38 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.409487, -8.664755
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV, cando esta aínda era unha granxa. No século XIX o político Montero Ríos adquire a leira e convértea na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas no xardín desde o século XIX ata a actualidade.
Contorna
Este exemplar está rodeado de outras especies de coníferas como camecíparis, calocedros, tuias e teixos ao final do longo e estreito camiño que chega desde a espectacular mesa de pedra do pazo. Atópase no interior dun bosque formado por árbores de grandes dimensións, o que a obriga a crecer con moita verticalidade.
Este exemplar é citado como árbore singular no libro de Flora ornamental de España (Lillo e Ramos, 1972).
SOBREIRA de Siador
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: entre 300 e 500 anos
- Porte: 15,5 m
- Tronco: 8.06 m
- Copa: 19,80 m
- Concello: Silleda
- Parroquia: Siador
- Lugar: Penadagra
- Altitude: 520,6 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.679722, -8.240831
- Propietaria/o: Manuel López Rivas
Historia
Esta árbore forma parte do patrimonio natural de Silleda pola súa biometría, a súa fisionomía corporal, os seus valores históricos e culturais e a posición altitudinal do seu hábitat. Está moi próxima ao santuario de Nosa Señora da Virxe da Saleta.
Contorna
O exemplar atópase situado nunha encrucillada de camiños, no linde da parcela, e cercado por un valado perimetral de madeira. O terreo que o rodea está rozado e só hai algúns exemplares de loureiro.
SOBREIRA de Valboa
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: 500 anos
- Porte: 20,30 m
- Tronco: 9,43 m
- Copa: 17,32 m
- Concello: A Estrada
- Parroquia: San Xiao de Arnois
- Lugar: Valboa
- Altitude: 170 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.757455, -8.399025
- Propietaria/o: Ricardo Ramos Vázquez
Historia
A característica máis notable é o oco do tronco, consecuencia da podremia e da calcinación (polo incendio que sufriu na década de 1980). O oco, que se prolonga polos brazos, faise visible desde o exterior pola perda dunha parte do fuste, que abre unha porta de acceso coma unha garita e mingua o valor da circunferencia.
Na Festa da Virxe das Neves (5 de agosto) colócanse no cume da copa unha bandeira española e unha bandeira galega. Este costume, ademais de poñer unha nota tradicional e pintoresca na vida da árbore, enriquece a súa historia e a súa cultura.
Contorna
Esta paisaxe está presidida polo curso do río Ulla, a pouca distancia da ponte da estrada Santiago-Ourense. A sobreira localízase na parte alta dun prado do val, ao lado da casa dos Hórreos e da capela da Virxe das Neves, outrora pertencentes ao dono do monumento verde. Pola súa situación tamén se coñece como sobreira da capela da Virxe das Neves.
Ata fai ben pouco o exemplar lindaba co palco musical do campo da festa, como pode comprobarse en numerosas fotografías. Na actualidade ese palco, que se atopaba en mal estado, foi derruído.
SOBREIRA do Cristo de Arriba
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: entre 250 e 500 anos
- Porte: 17,80 m
- Tronco: 6,10 m
- Copa: 24 m
- Concello: Redondela
- Parroquia: Reboreda
- Lugar: praza de Reboreda
- Altitude: 90 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.282722, -8.593182
- Propietaria/o: herdeiros de Lucila Pedrayo Ansoar
Historia
Orixinalmente estaba incluída no terreo do pazo de Reboreda, do que foi separada pola construción da estrada.
O pazo é unha propiedade señorial ligada á familia de Ramón Otero Pedrayo, insigne novelista que inmortalizou o edificio e o Carballo das Cen Pólas na novela O señorito da Reboraina.
Contorna
Atópase na parte alta da praza da vila, fronte ao cruceiro do Cristo de Arriba, próxima ao célebre Carballo das Cen Pólas, que só conserva parte do esqueleto de madeira.
SOBREIRA do pazo de Valiñas
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: entre 250 e 350 anos
- Porte: 21 m
- Tronco: 5,70 m
- Copa: 20 m
- Concello: A Estrada
- Parroquia: Callobre
- Lugar: O Vilar
- Altitude: 210 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.692346, -8.444662
- Propietaria/o: familia Álvarez Cervela
Historia
Con varios séculos de antigüidade, a sobreira do pazo de Valiñas é un dos exemplares máis importantes da súa especie en Galicia. Trátase dunha árbore moi querida no ámbito familiar e ao longo de varias xeracións. A poesía composta ao senlleiro exemplar por Ramón Cervela Arias-Teixeiro, no 1851, contribuíu ao seu coñecemento e posta en valor.
Este nobre exemplar reproduciuse e hai neste terreo outra sobreira que aínda está lonxe de acadar a maxestade da súa proxenitora.
Contorna
O pazo de Valiñas é unha casona residencial con capela e está rodeado por un terreo extenso que non alcanza a condición de xardín. A sobreira está na praciña da fachada principal da edificación, fronte á capela, en situación excéntrica pegada ao muro de peche. Ao seu lado crece o fillo, que xa supera o medio século de idade.
SOBREIRAL de Magán
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: entre 150 e 200 anos
- Porte: 3,50 m e 3,46 m
- Tronco: 19,4 m e 16,9 m
- Copa: 17 x 15 m e 18,5 x 18,4 m
- Concello: Cuntis
- Parroquia: Estacas
- Lugar: Magán
- Altitude: 166,9 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.666236, -8.600718
- Propietaria/o: Comunidade de Montes de Magán
Historia
Nesta área xeográfica é a única formación senlleira da súa especie. Está próxima á franxa costeira pontevedresa, onde aparece naturalmente en grupos ou individualmente grazas ao bo clima.
Contorna
Os exemplares atópanse nas abas do monte Xesteiras, nunha terraza poboada de piñeiros, eucaliptos e castiñeiros novos, estremeiros coa zona alta da aldea, detrás das casas.
SOBREIRAS da Magdalena
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Porte: 14 m (copas entrelazadas)
- Concello: O Rosal
- Parroquia: San Bartolomeu das Eiras
- Lugar: Monte Madalena, Eiras
- Coordenadas: 41.92932, -8.78302
- Propietaria/o: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Eiras
Historia
Hai quen sostén que a capela está situada nun antigo altar pertencente á cultura castrexa. O que certamente está acreditado é que esta xa se menciona en documentos do século XII como pertencente ao mosteiro de Oia e que o monte serviu de emprazamento de pezas de artillería nas guerras con Portugal.
Toda a zona, e singularmente o monte da Magdalena, foi obxecto de estudo e nela atopáronse restos castrexos (das culturas anchelense e camposanquiense). Así se menciona en Noticias de arqueología gallega de Pedro Díaz Álvarez (edicións Monterrey, 1958), páx. 17 e seguintes.
Tanto o castro coma a ermida están recollidos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia (Xunta de Galicia).
As corticeiras/sobreiras e a capela foron pintadas por Antonio Fernández, quen na súa persoal interpretación do lugar alterou a situación das árbores. Descoñécese a data exacta da obra pero áchanse referencias no libro Pintura de Antonio Fernández, de Eliseo Alonso (edición patrocinada polo Museo Provincial de Lugo, 1957).
Tamén foron obxecto de atención do pintor Xavier Pousa, que en 1972 as plasmou nun óleo (http://xavierpousa.org/?sec=22&idcuadro=2156&lang=es). Por outra banda, a localidade das Eiras é unha das máis antigas de toda a comarca, aparecendo xa en mapas do século XII co nome de San Bartol de Las Heras.
Contorna
As sobreiras atópanse na parcela 1057 do polígono 69, nas Eiras, O Rosal, na cima do monte chamado da Magdalena. Sitúanse case no cumio e poden observarse tanto desde abaixo, desde o camiño e aparcadoiro, coma á altura das copas, se se sobe ao recinto da capela. Unha delas, a máis grande, está mesmo no bordo do terraplén da parte norte da parcela. O conxunto ocupa case a totalidade dos laterais norte e oeste e circunda unha plataforma ao pé da capela. A parcela mencionada é propiedade na súa totalidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común das Eiras e está rodeada por completo por un camiño municipal asfaltado pola cara norte e parcialmente polo leste do monte.
Accesos: pódese acceder desde o centro da localidade, a partir da igrexa por unha pista asfaltada, ou desde outros puntos, aproveitando a rede de camiños municipais, todos asfaltados. Tamén se pode chegar partindo do lugar de Pontellón, desde a estrada Tui-A Guarda, no límite entre os municipios do Rosal e Tomiño. Como alternativa, pódese chegar tamén por unha pista forestal en bo estado desde A Portela, no alto de San Xoán de Tabagón, pasando polo petróglifo do Ghorghalado. Desde o camiño que rodea o conxunto ata a plataforma onde se sitúan as árbores pódese subir por unha rampla de terra na que asoman raíces das propias sobreiras.
SOBREIRAS do Faro
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
- Idade: máis de 70 anos
- Porte: 12 m e 15 m
- Tronco: 3,53 m e 3,75 m
- Copa: 10 x 12 m e 12 x 14 m
- Concello: Oia
- Parroquia: Viladesuso
- Lugar: serra da Groba
- Altitude: 270 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.043845, -8.853358
- Propietaria/o: Comunidade de Montes V. M. C. de Viladesuso
Historia
Esta formación foi declarada como Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) en xaneiro de 2011 pola Consellería de Medio Rural, converténdose no primeiro de Galicia.
Trátase dunha das escasas masas de sobreiras en rexións con clima oceánico que se coñecen en Galicia, o que lle confire unha notable singularidade bioxeográfica.
Outra peculiaridade deste bosque é que case todas as sobreiras teñen o tronco negro por un incendio que tivo lugar en 2006, ao que sobreviviron grazas á súa grosa cortiza.
Contorna
Forma parte da Ruta Máxica de Oia, de 20 km de percorrido, que inclúe petróglifos, pozas, numerosas fervenzas e vistas panorámicas de grande interese.
O sobreiral, de 6,78 ha, atópase no pronunciado canón do río Broi, nos montes comunais de Faro e Pousiño, na serra da Groba, un espazo natural cargado de riqueza ecolóxica e etnográfica.
SÓFORA XAPONESA do pazo de Lourizán
- Especie: Sophora japonica L. pendula
- Familia: Leguminosae
- Localizacion natural: este de Asia
- Porte: 7,3 m
- Tronco: 1,80 m
- Copa: 207,60 m
- Concello: Pontevedra
- Parroquia: Lourizán
- Lugar: Pontevedra
- Altitude: 30,3 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.409871, -8.665165
- Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
Historia
O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV, cando esta aínda era unha granxa. No século XIX o político Montero Ríos adquire a leira, convértea na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas no xardín desde o século XIX ata a actualidade.
Contorna
No lateral dereito do pazo, onde comeza a subida cara ao vello invernadoiro modernista, atópase o magnífico exemplar péndulo da sófora. Aínda que está rodeado doutras especies de gran tamaño, todas elas manteñen a distancia polas estradas e parterres que hai arredor del.
TAXODIO do xardín de Artime
- Especie: Taxodium distichum (L.) Rich.
- Familia: Taxodiaceae
- Localizacion natural: sueste dos Estados Unidos
- Idade: entre 125 e 150 anos
- Porte: 31,5 m
- Tronco: 6,05 m
- Copa: 15,6 m (15,5 x 14,6 m)
- Concello: Vilagarcía de Arousa
- Parroquia: Vilagarcía de Arousa
- Lugar: Vilagarcía de Arousa
- Altitude: nivel do mar
- Coordenadas: 42.606438, -8.766432
- Propietaria/o: herdeiros de Martínez de Ourense
Historia
É unha das poucas coníferas de folla caduca, o que fai que durante o inverno pareza morta. Ten raíces aéreas chamadas neumatóforos que saen á superficie para oxixenarse, co que lle dan un aspecto estraño ao terreo onde medra.
Ramón Pérez Santamarina adquiriu no ano 1796 o terreo, que chega ata o mar, e instalou unha fábrica de curtidos. No segundo cuarto do século XIX herdouna a súa filla, casada con Benigno Artime, que realizou o primeiro proxecto de xardinaxe en torno á casa no terceiro cuarto deste século. A finais do XIX restaurouse e mellorouse por orde de Joaquín Martínez García. Suponse que a plantación do taxodio aconteceu nesa época, polo que a idade da árbore monumental vai camiño do século e medio. A conífera fíxose coñecida a través do libro de Rafael Areses Vidal (1953) sobre parques e xardíns pontevedreses.
Contorna
O xardín de Artime foi un proxecto de grandes pretensións, en fase decadente desde hai décadas, desenvolvido ao redor da fábrica de curtidos. O proxecto perdeu os seus valores arquitectónicos e estruturais e o arboredo salvouse do esquecemento e o abandono pola súa autonomía. O singular taxodio aparece ao fondo do paseo arborado central, de magnolias e camelias, fronte ao edificio residencial.
TUIA XIGANTE do pazo de Torres de Agrelo
- Especie: Thuja plicata D. Don
- Familia: Cupressaceae
- Localizacion natural: Estados Unidos, desde Alaska ata California
- Idade: entre 100 e 150 anos
- Porte: 17,90 m
- Tronco: 5,16 m
- Copa: 16,55 m
- Concello: Redondela
- Parroquia: Reboreda
- Lugar: Asnelle de Abaixo
- Altitude: 60 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.292309, -8.599888
- Propietaria/o: Fernando Marcote Villar
Historia
A súa plantación realizouse na segunda metade do século XIX durante algunha das remodelacións do pazo. Atópase no xardín do invernadoiro, ao pé da fachada norte do pazo, entre este e o invernadoiro, fronte a un enorme exemplar de criptomeria.
Contorna
Torres de Agrelo é un conxunto arquitectónico do 1750. Posúe un xardín de 80 hectáreas con multitude de zonas paisaxísticas e especies arbóreas únicas en Galicia.
Atópase na localidade de Redondela, municipio recollido ao fondo da ría de Vigo, na súa marxe esquerda, e flanqueado pola ponte de Rande e a illa de San Simón. Na súa costa conxúganse inmensos areais, como a praia de Cesantes, con fermosos cantís e miradoiros desde onde contemplar amplas panorámicas da ría.
TULIPEIRO DE VIRXINIA do pazo de Castrelos
- Especie: Liriodendron tulipifera L.
- Familia: Magnoliaceae
- Localizacion natural: leste dos Estados Unidos
- Idade: entre 110 e 150 anos
- Porte: 34,4 m
- Tronco: 6,61 m
- Copa: 20,5 x 21,5 m
- Concello: Vigo
- Parroquia: Castrelos
- Lugar: Vigo
- Altitude: 50 m s. n. m.
- Coordenadas: 42.212470, -8.728411
- Propietaria/o: Concello de Vigo
Historia
O tulipeiro de Virxinia foi plantado na segunda metade do século XIX, probablemente durante o último cuarto. Polo amplo campo visual é o centro de atención obrigado de todas as miradas e provoca un inusitado interese nas e nos visitantes polo impacto que xera, xa que é das árbores máis emblemáticas e de maior celebridade dos xardíns.
Contorna
O pazo de Castrelos conta con 23 hectáreas e é un dos expoñentes por excelencia das propiedades señoriais galegas e españolas, cun magnífico pazo e espléndidos xardíns. O tulipeiro vive na pradaría do Té, no compartimento inferior do xardín, nunha posición centrada ao lado do estanque de parrulos coa súa artística maqueta palaciana. A configuración graduada do recinto permite a observación da árbore desde todos os seus socalcos.
O tulipeiro vive na pradaría do Té, na parte inferior do xardín, ao lado do estanque de parrulos que ten no centro a maqueta do pazo. Pola súa situación é o centro de atención de todas as miradas.
SOBREIRA da Peneda
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Localizacion natural: sur de Europa e norte de África (rexión mediterránea)
- Idade: entre 250 e 500 anos
- Porte: 12 m
- Tronco: 7,5 m (na base) y 5,10 m (1,30 metros de altura)
- Copa: 22,30 x 18,50 m
- Concello: Redondela
- Parroquia: O Viso
- Lugar: A Peneda
- Altitude: 310 m
- Coordenadas: 42.3262456571, -8.5905173995
- Propietaria/o: Comunidade de Montes Veciñais do Viso
Historia
A sobreira atópase nun dos espazos con máis carga histórica da comarca, o monte da Peneda, que foi emprazamento ao longo dos anos dunha gran diversidade de culturas e testemuño de importantes acontecementos históricos.
Na publicación O Viso. A construción dunha paisaxe cultural, editado pola Sociedade Cultural do Viso e elaborado polo arqueólogo Xurxo Constela Doce (A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, S. L.), menciónase a ocupación deste monte desde a Idade de Bronce ata a Idade Moderna, e cítanse acontecementos moi relevantes na historia de Galicia.
O espazo, repartido entre Soutomaior e Redondela, figura como xacemento arqueolóxico nos inventarios da Xunta de Galicia. Os vestixios máis antigos de ocupación do monte remóntanse aos petróglifos atopados na súa aba suroeste, hoxe desaparecidos baixo o manto de toxos; un castro galaico romano, con ocupación desde o final da Idade de Bronce ata a Romanización (desde o século IX a C. ata o II d. C.); unha fortaleza medieval, construída no século XV polo arcebispo Alonso de Fonseca II; e conta na actualidade cunha ermida, a da Virxe das Neves ou tamén chamada ermida da Virxe da Peneda (séculos XVI-XVII).
Destaca historicamente a construción do castelo de Castrizán, en 1477, polo arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca, en tempos de guerra entre a mitra compostelá e a nobreza galega, co fin de ser un punto de control sobre os territorios de Soutomaior que pertencían a Pedro Madruga, dono do castelo de Soutomaior. O castelo de Castrizán foi derrubado tras un forte asedio, levado a cabo por Pedro Madruga; hoxe en día só quedan os cimentos e parte do muro defensivo, que conforman unha plataforma, onde na actualidade se localiza a ermida da Peneda.
Contorna
A árbore atópase no miradoiro do monte da Peneda, unha atalaia que representa o marco límite entre os concellos de Soutomaior e de Redondela, e que achega unha gran visibilidade panorámica da enseada de San Simón, da entrada da ría de Vigo e, ao fondo, das illas Cíes.
Cara ao outro lado do monte divísase todo o val do río Verdugo, que discorre entre os montes da serra do Suído e o castelo de Soutomaior.
Na aba sur do monte atópase un sobreiral con exemplares de menores dimensións.
SOBREIRA de Outeda
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Altura: 21 m
- Perímetro basal do tronco: 7,5 m (con contrafortes); 6,30 m (sen contrafortes)
- Perímetro do tronco (1,30 m): 4,4 m
- Diámetro da copa (DM x dm): 22,9 x 21,30 m
- Idade estimada: 300 anos
- Concello: Barro
- Parroquia: Santa María de Curro
- Lugar: Santo Antoniño
- Coordenadas de Google: 42.512108, -8.672983
Resolución do 15 de marzo de 2023 pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras con código 167A.
Historia
Trátase dun exemplar lonxevo que ten uns 300 anos de antigüidade. Existen referencias históricas e documentación fotográfica da árbore, xunto con información obtida das e dos veciños, das que se deduce que o exemplar puido ser plantado entre finais do século XVIII e principios do XIX.
Aínda que existen outras sobreiras incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, este exemplar destaca pola súa gran altura (21 m) e polo volume da súa copa, de aproximadamente 23 m de circunferencia, só superado pola sobreira de Valiñas (A Estrada).
O estado xeral da árbore é bo, malia que na súa longa vida perdera algunha póla. Estas feridas reflíctense no seu tronco, o que lle dá personalidade e aumenta a súa singularidade.
Contorna
En 2011, a Xunta de Montes da parroquia de Curro levou a cabo obras de reacondicionamento do noiro onde se sitúa a árbore. Levantáronse muros de contención e nivelouse o terreo para preservar a integridade do exemplar e valorizar o lugar, e tamén se creou un espazo para o descanso e o recreo ao colocar bancos nas marxes da área, unha mesa de pedra debaixo da súa copa e unha zona axardinada. Así, agora trátase dun lugar de reunión para a xente da contorna en cuxo centro a sobreira ocupa un lugar destacado.
MAGNOLIO DE TABAGÓN do Rosal
- Especie: Magnolia x soulangeana Soul.-Bod.
- Familia: Magnoliaceae
- Localización natural: obtida en París a comezos do século XIX por Soulange-Bodin a partir dun cruzamento entre Magnolia denudata e M. liliiflora
- Idade: >200 anos
- Porte: 17 m
- Tronco: 3,13 m
- Copa: 30 m de diámetro
- Concello: O Rosal
- Parroquia: San Miguel de Tabagón
- Lugar: Finca Casimira. Barrio do Cruceiro
- Coordenadas: 41.917368, -8.818068
- Propietaria: Fátima Barreras Fernández
Historia
O magnolio medra na Finca Casimira, que fai honor á bisavoa da anterior propietaria, María del Carmen Fernández Carrera, viúva do neto do fundador de Barreras. A finca alberga unha antiga vivenda datada en 1787, testemuña de varias xeracións que comezaron o xardín que hoxe se atope alí. Na finca pódese atopar outro exemplar da mesma variedade, aínda que de menor idade, e tamén un conxunto de camelias antigas.
Este exemplar posúe varias características que merecen salientarse, coma a súa avanzada idade, que posiblemente supere os 200 anos, ou as súas espectaculares dimensións, xa que a altura normal acadada por esta variedade ronda os 7 metros de altura. Este magnífico exemplar acada os 17 metros, polo que se pode dicir que é a magnolia documentada, deste cultivar, máis alta de Galicia e unha das máis grandes de Europa. A exuberante floración a finais de inverno (entre febreiro e marzo) é realmente un espectáculo de cor que non pasa desapercibido e que cómpre destacar, aínda que só dura dúas semanas.
Contorna
Atópase na estrada que une O Rosal con A Guarda, en San Miguel de Tabagón. Destaca a súa copa florida incluso desde a outra ribeira do río Miño (Valença do Minho).
Esta árbore incluíuse co número 161A no Catálogo galego de árbores senlleiras por RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.
SOBREIRAS da necrópole da capela dos Martores
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Altura: 16,8 e 18,9 m
- Perímetro basal do tronco: 3,8 e 3,9 m
- Perímetro do tronco (1,30 m): 3,4 e 3,5 m
- Diámetro da copa (dm x dm): 18,7 x 14,1 m e 20,2 x 12,8 m
- Idade estimada: entre 200 e 300 anos
- Concello: Valga
- Parroquia: San Miguel de Valga
- Lugar: capela dos Martores
- Coordenadas de Google: 42.689594, -8.615528
Resolución do 14 de novembro de 2023 pola que se fai pública a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 168A.
HISTORIA
Trátase de dous exemplares de sobreira de grandes dimensións situados ao carón dunha vella necrópole anterior á cristianización, sobre a que se construíu a capela dos Martores, que data do século xvii e consta de planta rectangular e muros de cachotería, agás o da portada, que é de perpiaños. Localízase xunto ao trazado dun antigo camiño sagrado, que actualmente coincide coa Vía Mariana Luso-Galaica; nas inmediacións atópanse unha fonte con fama de ser milagreira, un cruceiro, dous muíños, unha cruz e unha pontella sobre o río Valga.
No lateral sur da capela dos Martores, baixo as copas das sobreiras e case pegados ao muro desta, aparecen dous sartegos, a ras de chan e semisoterrados. Ambos están realizados en granito e o seu oco interior é antropomorfo.
Este xacemento foi explorado superficialmente por M. Chamoso Lamas, quen revela a existencia da necrópole e doutros posibles restos correspondentes a un momento situado entre o período baixo romano (ara e tumbas de tegulas) e o alto medieval (sartegos antropomorfos e tapa de estola), o cal podería datarse, de modo xenérico, entre os séculos iii-iv ata o vii-viii d. C.
Segundo a teoría do bispo José Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago, de 1982, sinala o lugar dos Martores como a localización máis posible para o enterramento de Prisciliano, figura destacada no cristianismo primitivo e coñecido principalmente como líder dun movemento relixioso chamado priscilianismo. No 385 d. C. foi condenado polas autoridades eclesiásticas e executado, co que se converteu nun dos primeiros casos rexistrados de execución por herexía. Posteriormente, foi considerado mártir. Os Martores pode ser unha reminiscencia da toponimia dos Mártires, nome co que se coñecía aos mortos en Tréveris.
CONTORNA
A contorna da capela dos Martores é na actualidade un gran val agrario dominado por grandes extensións de praderías e plantacións de millo atravesadas polo río Valga. Ata non hai moito, as veciñas e veciños dos Martores usaban as cortizas das sobreiras para facer colmeas e tapóns de botellas para o viño.
Como na actualidade non se quita a cortiza, esta vese colonizada por unha gran variedade de especies vexetais (lique, musgos, fentos, couselos...).
Aínda que as sobreiras non son moi abundantes nesta zona, pódense atopar algunhas formacións asociadas á arquitectura relixiosa. Exemplos disto son a ermida dos Milagres de Requián (A Estrada) ou o convento de Santo Antonio de Herbón (Padrón). A imaxe de grandes sobreiras plantadas nos adros de igrexas e capelas é xa unha composición estética característica de Galicia, polo que a protección destas árbores debería ser, cando menos, igual á das edificacións.
Estes dous exemplares de sobreira son, sen lugar a dúbidas, as árbores máis representativas do concello de Valga.
SOBREIRAS de San Roque
- Especie: Quercus suber L.
- Familia: Fagaceae
- Altura: desde 12,3 ata 18,3 m
- Perímetro do tronco (1,30 m): desde 0,68 ata 1,38 m
- Diámetro da copa (dm x dm): presentan unha copa reducida para o seu tamaño debido á proximidade de crecemento entre elas e a múltiples podas.
- Idade estimada: 250 anos
- Concello: Tomiño
- Parroquia: Goián
- Lugar: capela de San Roque
- Coordenadas de Google: 41.944681, -8.760450
Resolución do 14 de novembro de 2023 pola que se fai pública a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 43F.
HISTORIA
A formación de sobreiras atópase nunha zona catalogada, segundo o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tomiño, como de especial protección de patrimonio pola gran concentración de elementos patrimoniais, coma o forte da Concepción, o forte das Chagas, a torre dos Correas e o forte de San Lourenzo.
Están situadas nun lugar de grande importancia desde o punto de vista cultural e histórico, no espazo fortificado coñecido coma forte da Concepción, que data do século xvii e foi testemuña das confrontacións entre España e Portugal naquela época, con constantes incursións dos dous exércitos a ambos os lados da fronteira. O forte foi construído polo Exército portugués.
Tras a desamortización, a zona fortificada foi parcelada e vendida e, dada a súa proximidade ao núcleo urbano de Goián, está en gran parte ocupada por vivendas unifamiliares; actualmente só queda algún resto do que foi a fortaleza orixinal. En mellores condicións de conservación atópase o forte de San Lourenzo, que forma parte do mesmo conxunto defensivo.
As sobreiras cobren a contorna anexa á capela de San Roque, que data da mesma época que a construción do forte e na que se celebra todos os anos unha romaría de gran tradición.
Esta capela, xunto coas sobreiras, aparece recollida na obra do pintor local Antonio Fernández, nun cadro que data da década dos anos corenta do pasado século e na que se observaba xa a maxestade dun dos exemplares.
CONTORNA
Trátase de 14 exemplares situados na contorna da capela de San Roque, nun espazo verde atravesado pola estrada que comunica o casco urbano de Goián co Espazo Fortaleza. Están distribuídos en catro grupos nunha superficie aproximada de 2.300 m2. Hai algún exemplar máis en propiedades privadas anexas a este espazo, pero son de menor porte.