#LINGUA
A Regueifa
A Deputación de Pontevedra colabora coa Asociación Oral de Galicia para impulsar o Proxecto Regueifesta, coa realización de obradoiros de regueifa e un evento final
A institución provincial apoia este proxecto, que ten como obxectivo crear un proceso innovador de participación da comunidade escolar no coñecemento, valoración e práctica da improvisación oral en verso como impulso da normalización lingüística e formación comunicativa e musical da xente nova.
Os obradoiros servirán para traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través dunha metodoloxía arredor da controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais coma o rap, e neles abordaranse aspectos relacionados con conceptos poéticos coma a rima, o ritmo ou a métrica, e introdúcense a perspectiva respectuosa e igualitaria, a ironía e o sentido do humor, ademais da tradición e cultura oral galegas. Logo das sesións, terá lugar unha demostración final, que no 2023 se celebrou no CVC de Valadares.
Para a consolidación deste obxectivo a longo prazo, proponse a elaboración de contidos curriculares, a creación dunha rede de formadoras e formadores, a intensificación dos contactos con colectivos foráneos que empregan a improvisación oral (no Brasil, en Euskadi...), co que se tratan aspectos e coñecementos transversais na formación das e dos escolares.
Froito da colaboración entre a Asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra xa se levou a cabo a realización de dous volumes teóricos sobre a disciplina da regueifa, coma Repente galego e Metodoloxía da regueifa, ambos os dous moi demandados tanto a nivel de público coma de organizacións e profesionais docentes que están a traballar a favor da recuperación desta fórmula de narración oral.