A Deputación lanza por Samaín as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior, que comezan en outubro cunha oferta de máis de 1.000 prazas

Haberá pases nocturnos para adultos e diúrnos para familias. As entradas terán un prezo de 8 euros por persoa e poranse á venda proximamente na web do Castelo

13/09/2024

Conferencia de prensa de Luis López

A Deputación de Pontevedra volverá levar este mes de outubro ao Castelo de Soutomaior as visitas guiadas para adultos e familias, uns percorridos cargados de misterio e humor, para coñecer o lado máis terrorífico e divertido da historia da fortaleza e que ofrecen un total de 1.020 prazas, 300 máis que o pasado ano. Como explicou o presidente provincial Luis López en conferencia de prensa, "ambas as dúas actividades están a cargo da compañía Troula Animación, que prometen facer que os asistentes o pasen ben pasándoo mal".

As visitas para público infantil celebraranse todos os sábados e domingos do mes (os días 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de outubro) en tripla sesión, ás 12:00, ás 16:00 e as 17:30 horas, ademais do 1 de novembro  ás 16:00 e ás 17:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 4, 5, 11, 12, 18, 19, 25 e 26 de outubro) en horario de 20:00 horas e 21:45 horas, e nelas os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece.

As entradas das visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior estarán dispoñibles proximamente na plataforma de venda en liña do Castelo, a un prezo único de 8 € e incluíndo a entrada ao Castelo, valorada en 5 €. As quendas organízanse para grupos de 30 persoas para un total de 16 visitas para público adulto e 26 para o infantil, polo que a Deputación pon á disposición do público un total de 1.020 entradas para esta actividade.

videos

audios