Luis López fai balance dun ano de “municipalismo” e “cambios” na Deputación: 90 M€ para financiar 440 obras, colaboración con todos os alcaldes e 1.800 actos públicos

O presidente provincial resume en doce fitos o seu primeiro ano de mandato cun acto no Salón de Plenos no que estivo acompañado polo seu equipo de goberno, rexedores e edís de toda a provincia e representantes do tecido social, deportivo e empresarial

01/07/2024

Goberno da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, resumiu en doce fitos un ano de goberno onde a Deputación investiu máis de 90 millóns de euros, executou máis de 440 obras e creou máis de 700 postos de traballo, así como no que estreitou os lazos cos concellos, a través de encontros do presidente con todos os rexedores da provincia; fortaleceu a colaboracións coas institucións presentes na provincia, como a Xunta, a FEMP, a Unión Europea ou a Universidade; e posicionouse ao carón da veciñanza, con máis de 1.800 actos públicos. Doce meses nos que o mandatario provincial destacou o impulso sen precedentes ao deporte, o logro dun turismo de récord, o apoio as asociacións, a aposta polos investimentos nas cidades de Vigo e Pontevedra ou a preocupación pola xuventude e o reto demográfico. E fíxoo o presidente Luis López, rodeado do seu equipo de goberno, pronunciando un discurso nun salón de plenos do Pazo provincial cheo, coa presenza de alcaldes e concelleiros de concellos de toda a provincia e con representantes do tecido asociativo, deportivo, veciñal e empresarial do territorio.

“A porta desta casa sempre estivo aberta, e nós quixemos estar coa xente. Un ano tendendo pontes. Un lema que non só resume un xeito de ser, senón que explica multitude de reformas, impulsos e transformacións executados ao longo destes meses e que, ben deron froitos xa, ou ben madurarán ao longo do mandato”, salientou Luis López.

Investimentos

O primeiro fito son os máis de 90 millóns de euros de investimento municipalista en obras en marcha ou comprometidas. Ademais da aprobación dun orzamento récord de 190 millóns de euros, onde un de cada tres euros destínase á cooperación cos concellos, Luis López mencionou os 34 millóns reservados a investimentos da Liña 1 do Plan + Provincia, os 21,5 millóns do programa PON2030, os 13,3 millóns comprometidos para a construción da nova Grada de Gol de Balaídos, os 7,5 millóns postos á disposición das cidades de Vigo e Pontevedra, os seis millóns de euros en convenios cos concellos para a mellora das estradas ou os 4 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Obras e fomento do emprego

O segundo fito desta nova era ten que ver coa posta en marcha de máis de 440 novas obras, das que 318 correspóndense co +Provincia, 38, co PON2030; 61, co Plan de Infraestruturas Deportivas, así como a media ducia de intervencións singulares como a de Balaídos ou as máis de vinte obras propias da Deputación. “Máis de 440 obras de todo tipo: desde humanizacións, melloras de camiños, parques infantís e recreativos, equipamentos deportivos, redes de saneamento e abastecemento ou melloras en eficiencia enerxética e, novamente, en todos os concellos”, remarcou o titular do executivo da Deputación. Como terceiro fito, máis de 725 persoas encontraron traballo grazas aos 8,5 millóns da Liña 3 do +Provincia.

Traballo conxunto cos 61 alcaldes

Así mesmo, Luis López salientou que nun ano traballou da man dos 61 alcaldes da provincia. “Con todos mantiven encontros institucionais, agás Vigo co que mantemos relacións fluídas de colaboración. Este é un dos cambios máis relevantes deste goberno en comparación coa anterior etapa. Coas formas tamén se pode cambiar o fondo, e esta Deputación volveu sumar aliados”, resaltou o mandatario provincial.

Cooperación institucional

Do mesmo xeito que se reforzou a colaboración cos concellos, tamén se estreitou a cooperación coa Xunta e o resto de institucións presentes na provincia. “Tendemos pontes coa Xunta na transferencia de Lourizán, da Escola de Canteiros, dos centros educativos de Príncipe Felipe, na recuperación de Santa Clara, na compra do Cine Fraga ou co regreso de Rías Baixas ao stand de Turismo de Galicia en Fitur”, puntualizou o presidente, quen tamén fixo referencia ao regreso da Deputación ao Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos, a seguir presentando proxectos maduros para captar fondos da Unión Europea, a participar na axenda da FEMP ou á colaboración activa coas universidades.

Ao carón da veciñanza

O sexto fito ten que ver con estar ao carón da veciñanza. “Este é un goberno que representa a cada unha das comarcas, que é plural sen renunciar á unidade, que mudou a súa imaxe institucional para que todos se identificaran nel, que abre as súas sedes a todos. Un goberno que está coa xente”, dixo Luis López antes de enumerar a participación dos membros do executivo provincial nun total de 1.828 actos públicos, dos cales 450 protagonizounos o propio presidente.

Colaboración co tecido asociativo

En sétimo lugar, López salientou que a Deputación foi quen de apoiar economicamente nun ano a 1.057 entidades, “unha lista que irá a máis cando se resolvan as axudas do Provincia Comunitaria e +Aqua. Cando iso se produza, calculamos superar as 1.400”, incidiu, logo de sinalar a creación da Área de Acción Comunitaria, un dos eixos do novo goberno, tras oito anos de esquecemento ás asociacións.

Aposta estratéxica polo deporte

O impulso ao deporte é o sétimo fito deste primeiro ano de goberno. Desde a toma de posesión do executivo provincial aprobouse un Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, “unha panca de modernización para os equipamentos dos concellos de menos de 50.000 habitantes”; confirmouse a reforma definitiva de Balaídos, ratificouse a colaboración constante co Pontevedra CF, reforzouse ata os 3,7 millóns de euros o apoio a deportistas, clubs e federacións; e impulsáronse os grandes eventos, como o partido da Selección Española feminina de fútbol en Pasarón, a final das Worls Series de Tríatlon, o paso de La Vuelta, O Gran Camiño, o mundial de vela ou o recentemente finalizado A1 de Pádel; e iniciáronse novos proxectos como o +Talento Motor ou o 5x5 de balonmán, así como a recuperación da Copa Deputación de fútbol masculina e feminina. “Abandeiramos o deporte na provincia e o retorno que estamos obtendo desta aposta é tan positivo, que afondaremos nesta liña no futuro”, avanzou López.

Turismo de récord

“Pontevedra é unha provincia en idilio permanente co turismo”, sinalou o presidente. Para seguir sendo líderes, a Deputación levou a Fitur unha campaña de experiencias 100 % Rías Baixas baseada na auga, un recurso escaso noutros lugares pero abundante, rico e variado na provincia; o destino estivo presente tamén en feiras internacionais como a de Londres, estase a modernizar a oferta cunha nova Estratexia de Turismo e aprobouse unha liña de axudas pioneira dotada con 100.000 euros para organizar eventos deportivos de interese turístico. Ademais, a alianza con Teresa Portela como embaixadora do destino, o enoturismo e a aposta polos Castelos foron outra das iniciativas deste ano. “Turismo internacional, desestacionalización, sustentabilidade e calidade serán as que nos axuden a rachar todos os límites que nos propoñamos”, propón o mandatario.

A Deputación, con Vigo e con Pontevedra

A presenza da Deputación nas cidades de Vigo e Pontevedra tamén foi destacada, tanto polas iniciativas postas en marcha como pola atención constante e persoal dos vicepresidentes Luisa Sánchez e Rafa Domínguez. O investimento millonario en Balaídos e a adquisición do Cine Fraga en colaboración coa Xunta, así como as obras derivadas do convenio bilateral co Concello, a programación cultural da sede de Vigo e unha presenza constante na cidade como a participación en Navalia son mostras da atención da Deputación en Vigo. Mentres que a reformulación do proxecto de Santa Clara, o recente desbloqueo de 6,2 millóns de euros en investimentos asinados co Concello e a recuperación da bienal ou a reforma dos edificios centrais do Museo, marcan a actividade na capital da provincia.

Xuventude e reto demográfico

O presidente Luis López, adicionalmente, sinalou que a atención ao reto demográfico, coa creación dun departamento propio e a presenza deste criterio á hora de repartir os fondos do +Provincia e o +Xuventude, foi outro dos puntos de inflexión do primeiro ano de mandato.

Unha provincia que vai a máis

O duodécimo e derradeiro fito é transversal e ten que ver con que “este ano a provincia foi a máis”, dixo Luis López en referencia a eidos como a Cultura, cun incremento do 25 % no orzamento; en infraestruturas, con 60 millóns mobilizados en meses e un incremento de recadación de 1,8 millóns de euros nos concellos atravesados pola AP-9 en concepto de IBI; e a máis en dixitalización e modernización da administración, en benestar social, con programas novidosos como +Benestar, Lecer en Familia ou +Inclusiva; en igualdade, con novas iniciativas como +Xuntas ou os premios Boas Prácticas en Igualdade; e en medio ambiente e mar, con axudas ás confrarías e ao sector agrogandeiro.

Xestión solvente

Con todo, ningún destes fitos tería ocorrido de non ser pola capacidade de xestión do goberno da Deputación. “Sen a capacidade do goberno e dos funcionarios para atender as necesidades de 2023 cunhas contas practicamente esgotadas, sen orzamentos aprobados en tempo e forma a 1 de xaneiro, sen unha institución capaz de pagar facturas aos seus provedores en só 6 días de media. Todo o anterior só tería sentido no papel, pero non na realidade”, concluíu Luis López agradecendo o labor de todos os profesionais que traballan a diario na Deputación.

De cara ao vindeiro ano, López subliñou que o goberno provincial seguirá “abandeirando o municipalismo e a colaboración, abriremos unha nova páxina no libro de investimentos onde figuran os máis de 90 millóns e 440 obras deste ano, seguiremos ao carón dun milleiro de asociacións e da xente e continuaremos a ser un goberno que cre na provincia, que aposta por ela e que aspira a acompañala en todos e cada un dos seus retos. Finalizamos un ano tendendo pontes. Pero continuaremos traballando para fortalecer os que sempre nos uniron como territorio e abrir outros novos”, rematou Luis López un discurso no que estivo arroupado por todo o seu goberno, rexedores de toda a provincia e representantes do tecido civil de todo o territorio e que serviu para pechar o seu primeiro ano como presidente da Deputación de Pontevedra.

videos

audios