Rafa Domínguez recibe no Museo ao israelí Miki Kratsman e confirma que participará na Bienal de Arte

Na súa visita o creador percorreu da man do vicepresidente provincial o Edificio Castelao e a exposición “A Era das Fábulas”

27/09/2024

Rafa Domínguez recibe no Museo ao israelí Miki Kratsman

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de recibir no Museo de Pontevedra ao fotógrafo israelí Miki Kratsman e confirmou que participará na recuperada Bienal de Arte. Na súa visita, o artista percorreu da man de Domínguez o Edificio Castelao e a exposición “A Era das Fábulas”.

A XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 15 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, “situará a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia”, asegurou Rafa Domínguez. Deste xeito, baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, a Bienal atraerá artistas destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Patrice Warrener, Raida Adon, Marina Núñez, Manuel Casimiro, e Miki Kratsman, todos eles xa confirmados por Rafa Domínguez, e outros moitos de relevancia internacional. A Bienal promoverá o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento ao fomentar a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.

Miki Kratsman é un fotógrafo, profesor e activista nado en Arxentina en 1959 mais emigrado a Israel en 1971. Desde hai máis de 30 anos dedícase a documentar a evolución do conflito palestino-israelí e, sobre todo, as súas consecuencias na vida cotiá da poboación palestina e das minorías desfavorecidas de Israel. Polo seu traballo ten recibido numerosos galardóns e recoñecementos.