Luis López destaca a alta participación e calidade xornalística dos traballos realizados polo alumnado da provincia que participou no proxecto Faro da Escola

O presidente provincial, acompañado da vicepresidenta Luisa Sánchez, salientou a importancia desta iniciativa, os valores que inculca o profesorado e o “excepcional” labor dos participantes durante a entrega de premios que tivo lugar este martes en Vigo

18/06/2024

Luis López no acto de Faro na Escola en Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou elevada participación e a alta calidade dos traballos realizados polo alumnado de centros educativos da provincia que participaron ao longo do curso nunha nova edición do programa Faro da Escola. Unha iniciativa do Faro de Vigo que este martes, no pavillón vigués de Navia, entregou os premios aos gañadores. “Saudeivos como alumnas e alumnas, pero non me referín ben a vós, porque en base ao que podemos ver aquí, vós sodes futuros xornalistas”, recoñeceu o mandatario provincial aos escolares durante a entrega de premios.

Acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, o presidente da Deputación quixo dar tamén os parabéns ao xornal “por esta iniciativa necesaria” e ao conxunto da comunidade educativa, especialmente ás mestras e mestres, porque “sodes referentes en lingua, ciencias ou matemáticas, pero sodes matrícula de honra nos valores que inculcades”.

Pero fixo fincapé no labor dos verdadeiros protagonistas desta xornada, os alumnos e alumnas da provincia. “Como o Faro ou o Celta, sodes de Primeira. Porque fixestes entrevistas, artigos de opinión, reportaxes ou fotoxornalismo excepcionais”, confesou o dirixente, quen rematou o seu discurso con dúas mensaxes: “que sigades así e, non sei se xa vos anticiparon as notas, pero xa vos adianto que tedes sobresaínte en xornalismo”, concluíu Luis López desexando un feliz verán aos estudantes.  

 

Galerias de imaxes