A Deputación sinala o primeiro A1 Pádel Galicia Open como mostra do potencial da provincia para consolidarse como destino turístico ligado ao deporte

“Un dos grandes obxectivos que ten esta Deputación é converter a provincia de Pontevedra no gran escenario mundial de probas deportivas de alto nivel”, afirma a vicepresidenta provincial Luisa Sánchez

27/06/2024

Inauguración da primeira edición do A1 Padel Galicia Open

A Deputación de Pontevedra salienta o potencial da provincia para consolidarse como un destino turístico ligado ao deporte de primeira orde pola capacidade de organización e o éxito de acollida que está a ter a primeira edición do A1 Padel Galicia Open, evento que celebrou este xoves a súa gala inaugural e na que participaron o presidente provincial Luis López e a vicepresidenta e responsable da área de deportes, Luisa Sánchez; que afronta esta fin de semana as rondas finais nun Pavillón Municipal do Deportes de Pontevedra convertido en estadio de pádel para a ocasión.

"Sabemos que os grandes eventos deportivos non son só unha oportunidade para os deportistas. Son un escaparate para a terra que os acolle, para a cidade e por suposto para toda a provincia de Pontevedra. Teñen un gran poder de atracción, de deportistas e de público. Persoas que non só veñen a este territorio para ser espectadores destes partidos, senón que coñecerán a nosa provincia, xerarán riqueza e converteranse en embaixadores do noso destino", declarou a vicepresidenta durante o seu discurso inaugural no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A competición, que comezou hai unha semana coa disputa das rondas previas, atópase xa nas derradeiras eliminatorias do cadro final. Para este venres está programada a rolda de cuartos de final, as semifinais terán lugar o sábado e a gran final será o domingo. Todas elas dispútanse na pista central, unha pista de pádel instalada no centro da cancha dun Pavillón Municipal que está a espertar, xunto coa calidade das parellas competidoras no campionato, o interese de centos de afeccionados a un deporte que non deixa de medrar en todo o mundo. Ademais, a organización instalou no Pazo da Cultura de Pontevedra o seu centro de operacións con stands e actividades paralelas para ofrecer unha experiencia completa aos amantes desta disciplina.

"Un dos grandes obxectivos que ten esta Deputación é converter a provincia de Pontevedra no gran escenario mundial de probas deportivas de alto nivel. Queremos que o mundo sexa consciente de que non hai ningunha outra anfitrioa que se iguale á provincia de Pontevedra", concluíu a vicepresidenta Luisa Sánchez, que amosou a predisposición da Deputación para colaborar en vindeiras edicións.

Galerias de imaxes