A Deputación de Pontevedra abre ao público a exposición “Fantasías” de Santiago Piñel no Palacete das Mendoza

A mostra de pintura estará dispoñible a partir deste venres 9 de agosto na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas

04/08/2024

A Deputación de Pontevedra abre ao público este próximo venres 9 de agosto, na sede da exposicións do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas), a exposición pictórica "Fantasías" de Santiago Piñel Hernández, salmantino e afincado na cidade de Pontevedra.

Malia que Piñel comezou a pintar desde pequeno, a súa verdadeira vocación foi a música e, de feito, foi cantante profesional durante cinco décadas baixo o nome artístico de Lenny. Nestes anos a música enchía practicamente todo o seu tempo de vida e a pintura quedou apartada, pero Piñel está aproveitando esta nova etapa da súa vida para revivir os seus pinceis e, así, facer que a música e mais as cores se fundan no lenzo.

A exposición pode visitarse no horario habitual de verán da sala de exposicións do Palacete: de luns a venres en horario continuo de 9:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos entre as 10:00 e as 14:30 e entre as 16:30 e as 20:00 horas. "Fantasías" estará dispoñible ata o domingo 25 de agosto.