A Deputación recibe a medalla de prata á mellor película no Terres Travel Festival de Tortosa, Cataluña, polo spot turístico 100%Rías Baixas

“Na Deputación quixemos ser os mellores aliados do sector turístico cunha campaña rompedora, desenfadada e enérxica que, con premios como este, ten demostrado que funciona”, asegurou o presidente Luis López

23/09/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir a medalla de prata ao mellor spot turístico no Terres Travel Festival de Tortosa

A Deputación de Pontevedra acaba de recibir a medalla de prata ao mellor spot turístico no Terres Travel Festival de Tortosa, Cataluña, polo audiovisual 100% Rías Baixas, estreado en Fitur e co que está a promover a provincia por todo o mundo. O vídeo, no que a auga é o fío condutor e producido por Esmerarte, acaba de recibir o galardón na modalidade de produtos de turismo e destino rural neste festival integrado no circuíto de festivais internacionais do CIFFT (Comité International des Festivals du Film Touristique).

“Na Deputación –asegurou o presidente-quixemos ser os mellores aliados do sector turístico cunha campaña rompedora, desenfadada e enérxica que, con premios como este, ten demostrado que funciona”. 100% Rías Baixas competía no Terres Travel Festival con destinos de ata 40 países como Canadá, Croacia, Polonia, Portugal, Sudáfrica, Suecia, Suíza, Qatar, Marrocos, Francia ou Turquía. O xurado do certame internacional Terres Travel valorou a calidade e creatividade na produción do audiovisual pontevedrés centrado na auga. Neste eido, Luis López remarcou que “a auga é na nosa provincia fonte de oportunidades e a ela debémoslle que os que nos visitan vivan experiencias 100% Rías Baixas”.

Terres Travel Festival forma parte desde 2019 do circuíto de festivais internacionais do CIFFT, entidade apoiada por organismos internacionais como a OMT (Organización Mundial do Turismo), a ETC (Comisión Europea de Viaxes), a CTO (Organización de Turismo do Caribe) ou a CATA (Asociación de Promoción Turística de Centroamérica). Este ano integran forman parte do circuíto festivais de Xapón, Estados Unidos, Serbia, Francia, Croacia, Portugal, Grecia e Austria.

videos