A Deputación concede preto de 46.000 € a Ribadumia para renovar o céspede do campo de fútbol da Bouza

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa 2,7 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

20/05/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda ao Concello de Ribadumia, por valor de preto de 46.000 euros, coa que poderá facer fronte á renovación do céspede artificial do campo de fútbol da Bouza, no núcleo de Barrantes. Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para todos os concellos da provincia (59) con número de habitantes inferior a 50.000.

O Concello de Ribadumia recibirá un total de 45.946,71 € para reparar o estado actual do céspede deste campo, que pode supoñer un risco para os xogadores por mor do seu desgaste. Instalarase un novo céspede de última xeración, mediante un sistema con base elaborada in situ de 25 milímetros de espesor composta por unha mestura de resinas de poliuretano monocomponente en dotación mínima do 10% en peso e granulado de chumbo SBR de 1,7 milímetros de ancho estendida mecanicamente mediante unha máquina autopropulsada de placas calefactadas e control de nivel tipo SMG Planomatic. As obras consistirán na desinstalación do céspede artificial e do equipamento deportivo existente, a regularización do pavimento asfáltico, a limpeza do sistema de drenaxe, a subministración e instalación do novo céspede e a montaxe do equipamento deportivo xa existente.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación mobilizou ata o momento máis de 2,7 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas para Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, O Rosal, Rodeiro, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.