Luis López salienta que o +Provincia mobiliza esta semana preto de 1,1 millóns de € para impulsar investimentos en cinco concellos da provincia

Os novos recursos beneficiarán aos concellos da Illa de Arousa, Caldas de Reis, Tomiño, Tui e Valga

19/07/2024

Xunta de Goberno

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 1,1 millóns de euros para que A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Tomiño, Tui e Valga impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. O presidente Luis López explicou que a Deputación segue "tendendo pontes cos concellos" grazas a este plan "que está a transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e do que xa aprobamos máis de 40,7 millóns de euros".

López destacou esta semana o caso do Concello de Tomiño, que recibe 460.000 euros da liña 1 de investimentos para executar unha nova rede de saneamento en Carregal. Ademais, o Concello da Illa de Arousa contará con 133.765 euros cos que cofinanciará a adquisición de terreos ao carón do campo de fútbol Salvador Otero para ampliar a zona deportiva actual (o orzamento total é de 165.807 euros e o Concello aportará os restantes 32.000).

Por outra banda, Valga contará con 116.042 euros para continuar a senda peonil e reorganizar o cruce de Carballiño-Sixto, en Xanza; Caldas de Reis con 199.310 € para o saneamento no lugar da Igrexa, na parroquia de Saiar, e Tui con 216.194 € para levar a cabo as actuacións iniciais para instalar un muro de contención no Parque de Xardíns para a súa conservación.