A Deputación supervisa os traballos que está a desenvolver para a conservación e mellora do firme na EP-9601 Cea-Castrogudín en Vilagarcía de Arousa

A deputada provincial Isabel Couselo recorreu o tramo de máis de 300 metros no que se está a renovar o pavimento e a mellorar a plataforma

22/09/2024

Visita a EP-9601 Cea-Castrogudín en Vilagarcía de Arousa

A Deputación de Pontevedra está a executar os traballos de conservación e mellora do firme na estrada provincial EP-9601 Cea-Castrogudín en Vilagarcía de Arousa. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu o tramo de máis de 300 metros no que se está a realizar a actuación, enmarcada no acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación que ascende a 4,5 millóns de euros.

Segundo destacou Couselo, as obras de conservación e mellora de firme que se realizaron en Vilagarcía de Arousa teñen por obxectivo manter a capacidade portante do firme, coa renovación da capa de rodadura con aglomerado en quente e tamén da drenaxe. Nestes momentos, tal e como informou a deputada provincial, falta por repoñer a sinalización horizontal para completar a actuación, que comprende preto do 20% da lonxitude desta estrada provincial nunha área de 1.900 metros cadrados,

Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes que ascende a 4,5 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa a Vilagarcía de Arousa, o lote 3, supón un investimento de máis de 730.000 euros.  Nestas semanas está previsto que se realicen traballos contemplados no lote 3 do acordo marco nas estradas provinciais EP-9701 Baión-András (Vilanova), na EP-9497 A Goulla-Porráns (Portas) e nas EP-9403 Santo Tomé-San Salvador e EP-9406 Galles-A Armenteira  polo Concello de Meis.