A Deputación inaugura o novo espazo de xogos do CEIP Marquesa do Pazo de Mercé, nas Neves, financiado con recursos provinciais

A deputada María Ramallo destacou os máis de 30.000 euros dedicados á transformación e rexeneración da zona exterior da área de educación infantil para convertela nun ecosistema de aprendizaxe único

12/06/2024

María Ramallo asistiu  á inauguración do Plan Mestre, Deseño en Permacultura

A deputada provincial María Ramallo asistiu hoxe á inauguración do "Plan Mestre, Deseño en Permacultura", que o Concello das Neves desenvolveu no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé da vila con 32.000 euros procedentes de fondos da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha actuación mediante a cal transformouse e rexenerouse a zona exterior da área de educación infantil co fin de convertela "nun ecosistema de aprendizaxe único no que convivir uns cos outros, ao aire libre", tal e como afirmou na inauguración do espazo a deputada provincial.

María Ramallo remarcou durante o acto, no que estivo acompañada do alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, e doutros membros da corporación municipal, a relación da renovación do espazo coa potenciación de "valores que se impulsan tanto desde esta Deputación como desde o Concello e o colexio, como a defensa da natureza, a convivencia para crear unha comunidade forte ou a participación como eixo vertebrador para construír sociedades mellores". Neste eido, ademais, subliñou que para deseñar o proxecto, que dota aos cativos do Marquesa do Pazo de Mercé dun espazo "único" con área de xogos, xardín sensorial, construcións vivas, areeiro, anfiteatro, mesas sensoriais ou bancais, contouse coa participación de toda a comunidade educativa, desde o propio alumnado ata o equipo docente e as familias.

A responsable de Cooperación Local aproveitou a ocasión para poñer en valor a "fórmula" empregada pola Deputación para sacar adiante proxectos como este: "Apostar pola cooperación e a proximidade cos gobernos locais e coa cidadanía, a razón de ser deste goberno provincial. Porque o municipalismo é o noso principio reitor". E comprometeuse coa veciñanza e co propio Concello das Neves " a seguir apoiándovos e colaborando en todo o que estea na nosa man con iniciativas como esta que están a permitir que a provincia vaia a máis".

Galerias de imaxes