Luis López enxalza a traxectoria dos Trazantes de Tenorio, que cumpren 40 anos de vida, como mostra da riqueza da música popular, das tradicións e da cultura na provincia

O presidente provincial, xunto co deputado de Cultura Jorge Cubela, recibiu á directiva desta asociación coa que a Deputación colabora a través do programa +Música

05/07/2024

Luis López co deputado Jorge Cubela na recepción ao grupo Trazartes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela; recibiron este venres no Pazo provincial ás integrantes da directiva da asociación Os Trazantes de Tenorio, con motivo da celebración do seu corenta aniversario. “Os Trazantes de Tenorio  levan corenta anos coidando das tradicións e na Deputación estamos orgullosos por poder celebrar convosco este aniversario”, sinalou o mandatario provincial, que recibiu de mans da portavoz da entidade, Carmen Seijo, un libro e unha camiseta da asociación como agasallo.

Con motivo desta efeméride, esta asociación cultural do concello de Cerdedo-Cotobade organizará a vindeira fin de semana a décimo terceira edición da Mostra Trazante. Un evento que terá lugar os días 13 a 14 no adro de Tenorio e que contará este ano cunha programación especial polo corenta aniversario con actuacións de grupos tradicionais galegos. Ademais, a Deputación colabora na organización deste festival a través do programa +Música, que levará ata Tenorio ao grupo Treixadura o sábado pola tarde. “Para a Deputación é un orgullo celebrar os 40 anos dun dos grupos máis senlleiros da nosa provincia”, afirmou o deputado de Cultura e rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

“Somos unha asociación que traballa a prol da nosa cultura e somos unha gran familia”, confesou Carmen Seijo, que tamén sinalou que as portas da asociación están abertas para todas aquelas persoas interesadas en coidar e desfrutar do folclore, das tradicións e da música popular.

O presidente Luis López puxo en valor o labor que os Trazantes de Tenorio están a facer a prol da cultura ao longo da súa traxectoria e, despois de darlles os parabéns polo seu aniversario, auguróu “unha longa vida” a unha das asociacións culturais máis destacadas da provincia.

 

Galerias de imaxes