A Deputación recibe este domingo 4 de agosto a case 140 cativos de 32 concellos da provincia nos campamentos da Lanzada
Durante seis días os pequenos desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas
02/08/2024
Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra reunirán na súa sétima quenda e a partir deste domingo, 4 de agosto, a 139 nenos e nenas de 32 concellos da provincia. Ao longo de seis días, ata o sábado 10 de agosto, os cativos poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Neste verán e ata o 7 de setembro, serán en total 1.540 menores de 57 concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións que a Deputación ten no Grove (nados entre 2011 e 2016), proceden de Vigo (26), Pontevedra (15), Cangas (12), Vilagarcía de Arousa (12), Moraña (6), Moaña (5), Redondela (5), Tomiño (5), Caldas de Reis (4), Poio (4), O Porriño (4), A Estrada (3), Gondomar (3), Marín (3), Ponteareas (3), Ribadumia (3), Tui (3), Fornelos de Montes (2), Lalín (2), Meaño (2), Meis (2), Ponte Caldelas (2), Salceda de Caselas (2), Soutomaior (2), Vilaboa (2), Arbo (1), Barro (1), Cambados (1), O Grove (1), Mos (1), Nigrán (1), e Silleda (1).
Os nenos e nenas do campamento poderán desfrutar dun amplo programa de actividades de multiaventura e tempo libre, algunhas delas en lingua inglesa, entre as que se atopan xogos e deportes, actividades na praia, ao aire libre relacionadas co medio natural, artísticas e nocturnas, teatro e contacontos e baile e actividades culturais. Ademais, realizarán un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.