A Deputación aposta pola saúde a través do deporte co apoio ao Dragon Boat BCS, para mulleres sobreviventes do cancro de mama

A institución provincial aporta 5.000 euros para o proxecto da Asociación Libélulas BCS, co obxectivo de incrementar a porcentaxe de representación feminina no ámbito deste deporte de competición

04/09/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de firmar un convenio coa Asociación Libélulas BCS para financiar o proxecto Dragon Boats BCS no ano 2024, co que se quere apoiar ás mulleres sobreviventes de cancro de mama, con ou sen linfedema, a través da práctica deportiva de competición. Desta maneira, a institución provincial destina 5.000 euros a proporcionar apoio a través de persoal especializado para desenvolver a práctica deportiva na modalidade Dragon Boat BCS (Breast Cancer Survival ou Sobreviventes de Cancro de Mama), que xurdiu en Canadá en 1996 por mor dun traballo de investigación que demostrou a importancia do exercicio do torso e os brazos na recuperación despois do tratamento de cancro de mama.

A través deste proxecto preténdese incrementar a porcentaxe de representación feminina no ámbito do dragon boat, para favorecer así unha sociedade máis inclusiva e equitativa. Así mesmo, busca contribuír a mellorar o benestar físico, psicolóxico e social das mulleres sobreviventes do cancro de mama, mellorando aspectos como a concentración e a coordinación, así como o traballo en equipo e difundir os beneficios desta práctica deportiva entre as mulleres que padeceron ou padecen cancro de mama.

A acción deportiva e terapéutica que se pretende levar a cabo desenvolverase nun período de once meses co traballo dunha adestradora, xa que a actividade de dragon boat é un deporte de equipo que se realiza en barcos duns 12 metros e que conta cunha capacidade para 20 padeeiras que deben traballar de maneira coordinada baixo a dirección dunha adestradora. Unha persoa no temón, ao mando e situada na popa, e unha persoa encargada do tambor ou drummer, que é quen marca o ritmo, dirixen a embarcación. Ademais, tamén se contratará a un fisioterapeuta, co que as participantes traballen forza, equilibrio, coordinación e mobilidade.