A Deputación destina 150.000 euros para que 35 concellos da provincia poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega

A institución provincial repartirá axudas que oscilan entre os 500 e os 11.000 euros para actividades como obradoiros, proxectos audiovisuais, programación de espectáculos, premios literarios, edición de libros en galego, etc.

26/07/2024

Conferencia de prensa de Luis López do 26 de xullo

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de 150.000 euros para que 35 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 500 e os preto de 11.000 euros para actividades como obradoiros, proxectos audiovisuais, programación de espectáculos, premios literarios, edición de libros en galego, actividades polo Día das Letras Galegas ou, entre outros, programas de dinamización lingüística. “Como administración pública temos a obriga de fomentar e difundir a lingua galega, a nosa, a miña, a que nos diferencia e nos proxecta no mundo e a que dota a este pobo dunha identidade e personalidade únicas”, asegurou o presidente provincial, Luis López.

En concreto, na contorna de Vigo e no sur da provincia son 14 os concellos que recibirán achegas: A Cañiza  contará con 2.062 € para diferentes actividades de dinamización da lingua galega; Fornelos de Montes 4.478 € para os premios de poesía e xornalismo Manuel Lueiro Rey “Causa Lueiro” 2024; A Guarda 6.076 € para a súa programación cultural “Primavera entre letras”; Mondariz 5.345 € para o programa de dinamización da lingua galega “O mes da nosa lingua”; Mos 1.500 € para a dinamización da lingua a través da música en vivo; As Neves 3.861 € para o programa de dinamización lingüística “As Neves en galego”; O Porriño 8.674 € para actividades de promoción, difusión e conmemoración do Día das Letras Galegas; Oia 2.257 € para o proxecto audiovisual “Un camiño ben temperado”; Pazos de Borbén 5.632 € para a organización de obradoiros de creación literaria e o certame de relato curto, Ponteareas 1.671 € para a actividade de promoción da creación en lingua galega de creación de slogans; Redondela 3.342 € para un proxecto de toponimia; Soutomaior 4.511 € para o programa das Letras Galegas 2024; Tomiño 4.113 € para o Feira do Libro en Galego e o fomento do emprego do galego no comercio, e Tui 3.276 € para o programa “Tui en Letras 2024”

Na contorna de Pontevedra reciben axudas sete concellos: o Concello de Barro recibirá 3.819 euros para o laboratorio de teatro “Dándolle á lingua 2024”; Caldas de Reis 8.146 € para o proxecto “Un idioma de cine”; A Lama 1.002 € para a primeira edición do programa “O galego en-canta na Lama”; Moraña 4.601 € para o proxecto “Falemos galego no comercio local”; Poio 7.773 € para a actividade de dinamización lingüística “Cultura 365”; Ponte Caldelas 2.132 € para as actuacións da compañía “Sonsoles Penadique” co espectáculo “O chintófano de Dorothé”, e Vilaboa 2.700 € para a promoción da lectura en galego. No caso do Morrazo, o Concello de Bueu contará con 6.150 € para o certame de poesía e xornalismo Johan Carballeira e Moaña con 8.577 € para o programa “21 días en galego”.

En canto á comarca do Salnés, as axudas iran destinadas a oito concellos: Cambados recibe 4.827 € para a edición do libro en galego “Filomena Granda (Mulleres da Nosa Terra)”; Meis 1.815 € para a obra de teatro “A nena que quería navegar”; Ribadumia 3.652 € para o primeiro Evento Literario Concello de Ribadumia; Salvaterra de Miño 2.599 € para as actividades dinamizadoras do “Verán Cultural”; Sanxenxo 2.556 € para o programa “Sanxenxo Fala”; Valga 7.694 € para o XXV Premio de investigación Xesús Ferro Couselo; Vilagarcía 2.000 € para o concurso de poesía Xaquina Trillo 2024, e Vilanova de Arousa 6.562 € para o xogo multiformato “Pasos e pistas”. Por último, na comarca de Deza e Terra de Montes recibirán as achegas para actividades de dinamización da lingua galega un total de catro concellos: Cerdedo-Cotobade, que contará con 3.811 € para “Cerdedo-Cotobade en galego”; Dozón, con 459 € para actividades polo Día das Letras Galegas; A Estrada, con 11.314 € para premios literarios, xornalísticos e de dinamización lingüística, e Vila de Cruces 1.089 € para o espectáculo literario “Máis saaabor!”.