Luis López sinala que a acollida dun novo evento de alcance internacional como o partido entre o Real Madrid e o Mónaco fai de Pontevedra “a provincia do deporte”

O presidente provincial participa na presentación do amigable entre os campións de España e Europa, enmarcado no Torneo EncestaRías, que terá lugar o 11 de setembro ás 20 horas no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra

20/08/2024

Presentación do amigable entre os campións de España e Europa de Baloncesto en Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a capacidade das Rías Baixas para organizar e acoller eventos deportivos de alcance internacional e definiu á de Pontevedra como “a provincia do deporte”. Fíxoo este martes na cidade do Lérez, onde participou na presentación dun encontro amigable sen precedentes na provincia e no conxunto de Galicia enmarcado no Torneo EncestaRías de baloncesto. Terá lugar o vindeiro 11 de setembro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra e enfrontará aos campións de España e Francia, é dicir, ao Real Madrid contra o AS Mónaco.

“A última vez que o Real Madrid estivo na nosa provincia foi no ano 1989 e a nivel de Galicia xamais se viu un partido así, que podería ser unha final da Euroliga perfectamente. Somos uns afortunados por poder asistir a un evento coma este. Quero convidar a todo o mundo a desfrutar deste partido, porque isto tamén e desfrutar unha experiencia 100 % Rías Baixas”, salientou o mandatario provincial sobre un encontro que conta co apoio da Deputación para a súa organización.

O partido entre o Real Madrid e o Mónaco está previsto para o vindeiro mércores 11 de setembro ás 20 horas. O Pavillón Municipal de Pontevedra dispón dunha cabida de 2.500 persoas e as entradas saíran á venda por un prezo entre os 40 e 10 euros, cun desconto do 50 % para os posuidores do abono para o Torneo EncestaRías. Esta competición, na que participarán o Leyma Coruña o Río Breogán, o Valencia Basket e o AS Mónaco, está prevista para o fin de semana seguinte, os días 14 e 15 de setembro.

Neste sentido, Luis López fixo referencia á capacidade da provincia e da cidade de Pontevedra de organizar e acoller eventos deportivos de alto nivel. A visita destes equipos de elite continental, vese complementada estes días coa acollida dunha etapa de La Vuelta o vindeiro 27 de agosto entre Ponteareas e Baiona, o mundial de loita sub 20 da primeira fin de semana de setembro en Pontevedra ou o europeo de ciclocrós previsto para o mes de novembro na cidade do Lérez. “Fóra da nosa provincia, chama a atención que Pontevedra sexa un referente, porque é pequena en canto a extensión pero somos a provincia do deporte”, afirmou o presidente provincial, quen tamén puxo en valor a calidade dos deportistas pontevedreses, pois da delegación olímpica galega en París, máis da metade procedían da provincia.

Ser escenario da celebración de grandes eventos deportivos supón un importante impulso á promoción da provincia como destino turístico. “Estamos tremendamente orgullosos de acoller este evento. Vén consolidar o que somos, un escenario para acoller grandes eventos deportivos. E isto posiciona a nosa marca e manda un sinal cara o exterior do ben que facemos aquí as cousas. Algo que é moi importante, porque estar de moda como estamos é froito de todas estas grandes cousas que apoiamos e se celebran no noso territorio”, asegurou Luis López, quen tendeu a man da Deputación para seguir apoiando a celebración de eventos deportivos, así como agradeceu a implicación doutras administracións.

Despois de poñer en valor o labor realizado por EncestaRías e polo seu director técnico Diego Doval, promotores dun campionato que cada ano trae á provincia aos mellores equipos de baloncesto, Luis López convidou a todo o mundo a desfrutar deste histórico partido, “porque isto tamén e desfrutar dunha experiencia 100 % Rías Baixas”.

Galerias de imaxes