Luis López asina co alcalde de Vilanova o convenio para investir 770.000 € na mellora da mobilidade entre Baión e András e atender unha demanda histórica dos veciños

O presidente provincial, acompañado polos deputado Javier Tourís, asina co alcalde Gonzalo Durán o acordo para executar a primeira fase de mellora da estrada EP-9701, que inclúe a construción dunha senda peonil

06/08/2024

Luis López asina un convenio co alcalde de Vilanova de Arousa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este martes, xunto co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o convenio de colaboración entre as dúas administracións para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9701 coa construción dunha senda peonil entre as localidades de Baión e András. Un proxecto que conta cun orzamento total de 962.000 euros, dos que o ente provincial achega o 80 %, uns 770.000 euros; mentres que o Concello corre co 20 % restante, 192.000 euros, así como cos gastos das expropiacións dos terreos que ascenden a 19.200 euros. "É un día importante porque vimos cumprir un compromiso co Concello de Vilanova", afirmou o presidente Luis López.

Ambas as administracións traballan nun proxecto para mellorar a mobilidade peonil en toda a estrada EP-9701 entre Baión e András. Pero o acordo asinado este martes céntrase na primeira fase do plan, que consiste nunha intervención para mellorar un treito de 560 metros que porá fin aos problemas de seguridade viaria nunha estrada na que os peóns comparten espazo cun denso tráfico de vehículos a motor. Unhas deficiencias que se arranxarán coa construción desta senda peonil, moi demandada desde hai anos pola veciñanza destas dúas localidades, e que ao mesmo tempo servirá para mellorar o pavimento e demais servizos da estrada. O seguinte paso da tramitación será a adxudicación do contrato para poder comezar os traballos. "Imos seguir traballando para seguir cumprindo cos compromisos e para ir desenvolvendo as diferentes fases do proxecto cada ano", engadiu López.

Luis López asina un convenio co alcalde de Vilanova de Arousa

A sinatura deste convenio, na que tamén estivo presente o deputado provincial e concelleiro de Vilanova de Arousa, Javier Tourís; e que ten vixencia ata o 31 de decembro do 2025, é unha nova mostra do municipalismo que rexe a acción do goberno provincial. Trátase dun acordo que nace da escoita aos alcaldes, os que mellor coñecen a realidade dos concellos; que pon as ferramentas e recursos necesarios para atender as necesidades da veciñanza e que dará como froito "un viario adaptado aos tempos cos que corren", asegurou o mandatario provincial.

Neste sentido, o rexedor de Vilanova de Arousa quixo poñer en valor que "o goberno de Luis López está cumprindo co prometido". Mentres que pola súa banda, o presidente provincial destacou a colaboración entre as dúas administracións. "Estou satisfeito de que todo vaia da man do Concello, a súa colaboración foi imprescindible para cumprir cos prazos", sinalou o titular do goberno provincial. Así mesmo, ambos os dous dirixentes destacaron a importancia de retomar unha obra que quedou paralizada durante oito anos e o actual executivo provincial retomou para "que a parroquia de Baión teña a estrada que merece".

audios

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán