Luis López anima o alumnado do Froébel a descubrir “os segredos que agochan os libros” nun contacontos organizado pola Deputación para festexar o Día do Libro
O presidente provincial, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, amósalle o apoio do Goberno provincial á cultura e ao sector da literatura nun acto que contou co espectáculo do ilustrador Marc Taeger e do narrador Caxoto, no Pazo provincial
23/04/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, animou o alumnado do colexio Froébel de Pontevedra a descubrir “os segredos que agochan os contos” nunha actividade de contacontos organizado no Pazo provincial para festexar, este 23 de abril, o Día do Libro. O mandatario provincial e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentáronlles ás preto de vinte alumnas e alumnos de primeiro ciclo de primaria deste centro pontevedrés dous dos seus contos favoritos antes de darlle paso ao espectáculo de contacontos de Caxoto e do ilustrador Marc Taeger. “Cando sexades maiores ídesvos lembrar sempre do primeiro libro que lestes, así que anímovos a que leades moito”, díxolles Luis López ás e aos escolares.
A Deputación de Pontevedra vestiu o vestíbulo do Pazo provincial para ao festexo do Día do Libro con estantes cheos de libros, contos e ilustracións infantís, así como coxíns no chan onde sentaron as e os nenos para gozar do espectáculo de Caxoto e Taeger, que interpretaron a dous simpáticos pintores que encheron de risas e cor a sede da Deputación. Un acto que serviu para poñer en valor a importancia das librarías da provincia como eses “espazos tan bonitos cheos de historias e aventuras”, definiu o deputado Cubela. Ademais, a Deputación complementa este acto coa posta a disposición da cidadanía da provincia dun espazo na páxina web do organismo provincial cos mellores libros infantís que recomendan as editoriais de Galicia, así como unha actividade titulada “Crea o teu primeiro libro” para que as e os máis pequenos da casa xoguen a ser escritoras e escritores e a escribir as súas primeiras historias.
Ademais, a xornada rematou cunha lectura conxunta dunhas pasaxes dos libros favoritos do alumnado. Unha proposta na que tamén participou o presidente López, que lles recomendou dous libros moi especiais elixidos polos seus fillos: Adivina cuánto te quiero e Fiz, o coleccionista de medos. Tamén o deputado Cubela realizou a súa achega animándoos a ler A galiña azul, de Carlos Casares.
“A Deputación é a casa de todas as pontevedresas e pontevedreses, pero tamén é a casa dos libros”, concluíu Luis López para explicarlle á cativada para que serve a Deputación de Pontevedra.