A Deputación de Pontevedra leva ata o Palacete das Mendoza a exposición “Obra incompleta” de Fernanda Fernández

A mostra da artista viguesa poderá visitarse na Sede de Turismo Rías Baixas ata o vindeiro 30 de xuño

09/06/2024

Obra incompleta de Fernanda Fernández

A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres, 14 de xuño, a exposición “Obra incompleta”, na que a pintora viguesa nacida en Bos Aires Fernanda Fernández mostra unha selección das súas pinturas, nas que xoga, a través do realismo, coas cores, as perspectivas e as tonalidades, achegando ao espectador o detalle dun modo diferente. A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o vindeiro 30 de xuño.

Os óleos, sobre lenzo, tela ou lino, e co arte figurativo como base, de Fernanda Fernández son de temática variada, destacando as paisaxes, o mar, as escenas urbanas e o mundo natural. Para retratalos busca a perfección, captando co pincel non só o que o ollo ve, e a luz dos seus cadros fala da limpeza do aire do bosque, da densidade do aire industrial ou do sal do mar.

Fernanda Fernández (Bos Aires, 1965) iniciouse no debuxo de pequena na Escola de Artes e Oficios de Vigo, antes de mudarse a Madrid, onde compatibiliza os seus estudos de Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense coa súa paixón pola pintura. Despois de perfeccionar a súa técnica no estudo de Enrique Sobisch, a súa personalidade artística decantouse definitivamente. En 1990 instálase en Vigo e a súa actividade pictórica non cesa, expoñendo con grande éxito en distintas cidades e galerías.

O día da inauguración, o venres 14 de xuño, a mostra poderá visitarse na sala de exposicións no Palacete das Mendoza de 8:00 a 20:00 horas. O resto de días, e ata o seu peche o 30 de xuño, o horario será de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:30 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.