A Deputación programa esta fin de semana concertos de Treixadura, Quinkillada, Ortiga e Guadi Galego en Cerdedo-Cotobade, Mondariz-Balneario, Valga e Meis no marco de +Música
O sábado os concertos terán lugar en Cerdedo-Cotobade con Treixadura, ás 21:30 horas no adro da festa de Tenorio; en Mondariz-Balneario con Quinkillada, ás 22:30 horas nos xardíns do Gran Hotel; e en Valga con Ortiga, ás 00:00 horas na praia de Vilarello
11/07/2024
A Deputación de Pontevedra financia a través do programa “+Música” catro actuacións musicais esta fin de semanas en concellos da provincia. Deste xeito, o sábado a música de Treixadura sonará ás 21:30 horas no adro da festa de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade; Quinkillada actuará ás 22:30 horas nos xardíns do Gran Hotel de Mondariz-Balneario; e Ortiga ás 00:00 horas na praia de Vilarello de Valga. Pola súa banda, o domingo 14 terá lugar ás 22:00 horas o concerto de Guadi Galego na praza de España de Mosteiro (Meis).
Treixadura constitúe desde 1990 un espectáculo musical sorprendente no que a música tradicional é a protagonista. Ao longo da súa traxectoria rescataron do anonimato moitas melodías e crearon outra tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Contan con 8 discos no mercado e unha variada gama de colaboracións discográficas con outros artistas, así como recibiu o premio ao Mellor Grupo de Música Tradicional Galega nos Premios Martín Códax. En Tenorio ofrecerá un concerto de 90 minutos de duración.
Quinkillada está integrada por Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G, Daniel Acuña e Valverde que forman esta banda que naceu como resposta artística ao encerro en pandemia. Mestura ritmos latinos con rumba, cumbia e sons modernos. No 2022 veu a luz o seu primeiro traballo “Gozar, sentir, bailar”, con dez cortes maioritariamente en galego con gran diversidade nas letras que sonarán en Mondariz-Balneario.
O concerto de Ortiga na praia de Vilarello en Valga terá unha duración aproximada de 75 minutos. Neste tempo, o grupo repasará as súas cancións máis populares, nun concerto cunha posta en escena espectacular, formada por 7 persoas no escenario acompañados dunha compañía de bailaríns.
Pola súa banda Guadi Galego chegará o domingo a Meis para presentar “Síntese Horizonte”, un espectáculo concibido para representarse ao vivo, da man dunha portentosa banda e cunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta en escena. Galego trátase dunha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas.
Todas estes concertos enmárcase en +Música, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. Trátanse de catro das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.