A Deputación celebra o Día do Libro cun contacontos e diversas propostas dixitais para as e os máis pequenos co lema “A desCuberta dos libros”

O ilustrador Marc Taeger e o contador de contos Caxoto serán os encargados da actividade, que terá lugar o vindeiro martes, 23 de abril, ás 11:00 horas

20/04/2024

A Deputación de Pontevedra celebrará o Día do Libro 2024 baixo o lema “A desCuberta dos libros”, cun contacontos que terá lugar no Pazo provincial o vindeiro martes, 23 de abril, ás 11:00 horas, e diferentes propostas dixitais para as e os máis pequenos. O obxectivo é conmemorar esta efeméride homenaxeando a infancia, as e os primeiros lectores, os primeiros libros que collemos e a sensación que se ten cando acontece a descuberta dos libros. Por iso, na programación deste ano a institución provincial pon de relevo a importancia da ilustración nas edicións infantís, convertendo tamén o Día do Libro nunha homenaxe ás e aos ilustradores e ás editoriais de referencia no libro infantil.

O ilustrador Marc Taeger e o contador de contos Caxoto serán os encargados de facer gozar as e os máis pequenos o martes 23 con Contos debuxados, debuxos contados, unha actividade que une contos e ilustracións para crear un espectáculo cheo de vitalidade, situacións esperpénticas, personaxes inesquecibles, creatividade desbordada e moita diversión. O presidente da Deputación, Luis López, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, compartirán a actividade coa cativada, á que tamén se lle convidará a asistir co seu libro favorito para facer unha lectura conxunta.

Ademais, a semana próxima habilitarase na páxina web da institución provincial un espazo con libros infantís recomendados por editoriais galegas para animar as e os máis pequenos a descubrir novas lecturas, e a proposta “Crea o teu primeiro libro”, con dous pequelibros ilustrados para que nenas e nenos escriban o seu propio conto. Desta maneira, poderán descargalo e pregalo á metade para darlle forma de libro e completar os espazos baleiros para crear a súa propia historia, e, se o desexan, compartilo despois a través de participa.cultura@depo.gal.