Luis López sinala a celebración da Copa de España de pump track en Mondariz como un recoñecemento á calidade das instalacións e a aposta polo deporte da Deputación

O presidente provincial informa dunha subvención de 6.000 euros para o Concello ao abeiro do Plan +Provincia para financiar a organización desta competición

21/06/2024

Luis López en Mondariz

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou a celebración esta fin de semana en Mondariz dunha proba da Copa de España de pump track como un recoñecemento á calidade das instalacións deportivas e á aposta decidida polo deporte no conxunto da provincia. A recentemente estreada área de deportes urbanos de Mondariz, que foi inaugurada este mércores e na que o organismo provincial investiu máis de medio millón de euros, será escenario desta competición de ciclismo para cuxa organización o goberno provincial achegou 6.000 euros ao abeiro do Plan +Provincia. “Que un Concello como Mondariz sexa referencia en deporte é motivo de orgullo”, declarou o presidente López nunha visita ás instalacións.

A Copa de España de pump track deste 22 de xuño servirá para estrear este complexo deportivo, que conta coa mellor e máis grande pista de Galicia para a práctica desta disciplina. Trátase dunha competición que atraerá a Mondariz aos mellores especialistas de España desta modalidade. Unha nova mostra da capacidade da provincia para atraer e organizar competicións nacionais e un recoñecemento á calidade destas instalacións. Ademais, o evento “vai ser un revulsivo no eido económico e situará a Mondariz no mapa de Galicia e de España”, salientou o presidente provincial os beneficios destes investimentos realizados pola Deputación.

O pump track é unha modalidade do ciclismo BMX que consiste nunha carreira por un circuíto de pequenas dimensións e cheo de desniveis e curvas que os ciclistas deben empregar para coller velocidade sen impulsarse cos pedais. Organizada polo club Pontebike Team e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a proba deste 22 de xuño en Mondariz atraerá a preto de 200 deportistas de todas as categorías e chegados de toda España que buscarán a vitoria nesta cuarta etapa da Copa de España, que consta dun total de seis probas.

A competición celébrase na nova área de deportes urbanos ubicada na contorna do CPI de Mondariz. Un proxecto inaugurado o pasado mércores, no que a Deputación investiu medio millón de euros ao abeiro do programa ReacPon e o Plan Concellos, así como unha subvención adicional de 70.000 euros para mellorar a parcela; que conta cunha pista polideportiva de fútbol, balonmán ou baloncesto; así como instalacións para a práctica do skate, escalada, calistenia ou a xa existente de pump track. Do mesmo xeito, a intervención supuxo unha mellora ambiental e urbanística ao dotala de vexetación, zonas de estancia e un mirador, así como de todos os servizos e comodidades necesarias.