A Deputación recomenda despuntar e esfollar as viñas de xeito prioritario para favorecer a ventilación dos acios e manter a vixilancia periódica ante o mildio

As néboas e a precipitación fina dos últimos días foron favorables ao avance do oídio e comezan a observarse síntomas de erinose de verán

28/06/2024

Aviso fitosanitario 28-06-2024

A Deputación de Pontevedra de Pontevedra recomenda despuntar e esfollar as viñas de xeito prioritario para favorecer a ventilación dos acios e manter a vixilancia periódica ante o mildio no seu último aviso fitosanitario elaborado pola Estación Fitopatolóxica Areeiro.  Segundo o persoal técnico provincial as condicións meteorolóxicas son moi favorables a este patóxeno, recolléndose nas plantas testemuña de Areeiro a concentración máis alta de esporanxias desta campaña, así como observándose un incremento do número de acios enfermos e a súa superficie afectada. 

A institución provincial recomenda vixilancia intensa e continua das viñas para analizar a situación da enfermidade e reaccionar ante unha nova aparición de síntomas. Tamén aconsella despuntar e esfollar de xeito moderado, é dicir, deixando follas suficientes para que os acios poidan seguir desenvolvéndose e evitando deixalos ao sol do lado de poñente.

As néboas e a precipitación fina que se deron estes días, unidas a temperaturas elevadas, foron favorables ao avance do oídio. Así, apareceron síntomas en folla e en acio en varias plantas sen tratamento antioídio, aínda que naquelas tratadas non se observaron síntomas da enfermidade.  Polo que respecta ao black rot, Areeiro aconsella manter a vixilancia e procurar eliminar vides abandonas próximas ás viñas en produción. E en canto aos ácaros empezan a observarse síntomas de erinose de verán e avanzou o número de plantas afectadas por síntomas de acariose.

Ademais, nas follas recollidas por Areeiro atópanse ninfas intermedias de Scaphoideus titanus, o cidadelido transmisor da flavescencia dourada polo que o organismo recorda que é obrigatorio tratar contra o insecto e arrancar ou destruír as plantas afectadas nalgunhas zonas das comarcas fronteirizas con Portugal. Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas e eliminar, nas zonas afectadas, os ladróns das cepas xa que as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas.