A Deputación aumenta en 130.000 euros o orzamento anual do CAAN para que mellore o servizo de esterilización de gatos das colonias felinas dos concellos adheridos

Ascenderá finalmente a case 850.000 € para poder levar a cabo o mapeo e censo de gatos dos termos municipais, aumentar en 400 o número de gatos a esterilizar e poñer en marcha un programa sanitario da colonia

 

12/07/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a modificación do encargo realizado a Tragastec para desenvolver o servizo de acollida e protección de animais abandonados que presta a través do CAAN, que ten as súas instalacións en Meis. En concreto, auméntase o seu orzamento anual en 134.946 euros, ata chegar aos 847.451 euros, para poder ofrecer aos 52 concellos adheridos a esterilización de gatos procedentes das súas colonias felinas, unha das novidades deste ano das tarefas que realiza o servizo do CAAN.

O obxectivo é “ir un paso máis aló na prestación deste servizo, que todos os concellos deben prestar de maneira obrigatoria segundo a nova lei de benestar animal, mais non todos teñen os recursos necesarios para facelo”, explicou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez en conferencia de prensa. Unha vez iniciada a prestación deste servizo detectáronse certas carencias que obrigan a modificar o acordo, engadindo novas competencias que supoñen dispoñer de máis medios humanos, o que supón un gasto maior do que se tiña contemplado.

Desta maneira, as novas competencias incluíran o mapeo e censo de gatos do termo municipal e a execución do programa de capturas, esterilización e devolución dos animais pertencentes á colonia felina, aumentando en 400 o numero de gatos a esterilizar, pasando así dos 200 aos 600. Por último, inclúe a posta en marcha dun programa sanitario da colonia que estea subscrito e supervisado por un profesional veterinario.