A Deputación amplía o prazo para que o alumnado de FP da provincia poida realizar prácticas en Europa co Erasmus+ 2023

Os estudantes poderán desfrutar das mobilidades internacionais para completar a súa formación ata o vindeiro 31 de maio de 2025

14/06/2024

rolda de prensa

A Deputación de Pontevedra acaba de ampliar o prazo para que estudantes recentemente titulados de ciclos de Formación Profesional, Formación Profesional Básica e cursos que conduzan á obtención de Certificados de Profesionalidade dos niveis I, II e III poidan participar no programa de mobilidades europeas Erasmus+ 2023, que lles axudará na súa integración no mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras. O programa, que estaba previsto que rematase o 31 de agosto deste ano, estenderase agora ata o 31 de maio de 2024. Como explicou en rolda de prensa o presidente provincial, Luis López, isto vai permitir seguir “traballando con este programa, para dotar aos mozos da provincia de ferramentas que contribúan a mellorar as súas competencias e formación, porque son o futuro desta provincia”.

Erasmus+ 2023, que ten un orzamento próximo aos 1,2 millóns de euros, leva desenvolvéndose desde xuño do pasado ano e nel participan un total de 39 centros escolares da provincia, que forman parte do consorcio Erasmus+ creado pola Deputación. Ata o momento, xa desfrutaron desta mobilidade 38 estudantes de FP procedentes de centros da Estrada, A Illa de Arousa, As Neves, Cambados, Moaña, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Vigo e Vilagarcía de Arousa, dos que 17 aínda están no estranxeiro, en concreto en países como Italia, Irlanda, Portugal ou República Checa. Ademais, actualmente a institución provincial está tramitando 86 novas mobilidades.

O obxectivo do programa é que os estudantes adquiran unha  experiencia laboral, melloren as competencias vinculadas ao seu perfil profesional, desenvolvan actitudes éticas e laborais propias da actividade profesional; así como melloren as súas expectativas laborais, teñan unha idea máis clara sobre as súas aspiracións e obxectivos profesionais e melloren as competencias nunha lingua estranxeira. “Avanzamos, damos pasos cara adiante para que a xuventude, para que esta xeración, sexa a mellor preparada da historia e teña máis e mellores oportunidades”, asegurou Luis López.

audios