A Deputación leva este xoves a De Vacas ata Gondomar e a Lontreira ata Cuntis no marco do programa provincial +Música

O concerto de De Vacas terá lugar ás 22:30 horas na Alameda de San Bieito de Gondomar e o de Lontreira a medianoite na Praza da Constitución de Cuntis

13/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa “+Música”  dúas novas actuacións musicais este xoves, 15 de agosto, noutros tantos concellos da provincia. Deste xeito, De Vacas actuará en Gondomar, as 22:30 horas na Alameda de San Bieito, e Lontreira subirá ao escenario na Praza da Constitución de Cuntis a medianoite, no marco das actividades organizadas para conmemorar as súas festas patronais.       

De Vacas, caracterízase por ofrecer espectáculos musicais con humor, nos que acostuman ser protagonistas as versións que realizan sobre temas coñecidos. O grupo leva anos enchendo prazas e teatros de Galicia e recibiron o Premio Martín Códax da Música, entre outros galardóns. Na Alameda de San Bieito de Gondomar presentará “Rebovina Divas Live”, un espectáculo que homenaxea ás grandes divas do pop.

Pola súa banda, Lonteira é un grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación formado por Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral. No concerto de Cuntis presentará en directo o seu primeiro traballo, “Apnea”, publicado en 2023 e que intercala poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexións especiais cos espazos naturais que lles rodean.

Todas estes concertos enmárcase en +Música, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. Trátanse de catro das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.