A Deputación asina un convenio coa Asociación Alborada para financiar o seu proxecto de agricultura ecolóxica para persoas con condutas aditivas

A institución provincial renova o seu compromiso con “Verdear” cunha inxección económica de 15.000 € que sufragará máis da metade do seu orzamento

07/08/2024

A Deputación de Pontevedra renova o seu compromiso co programa “Verdear”, organizado pola Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada, coa sinatura dun novo convenio de colaboración a partir do cal a institución provincial achegará un total de 15.000 euros (máis da metade do orzamento total da iniciativa) para garantir a súa execución neste ano 2024. Grazas a este programa de agricultura ecolóxica, a asociación ofrece axuda a persoas con condutas aditivas e as súas familias tanto como acompañamento, onde non teñan unha rede de apoio ou esta sexa insuficiente, como con vistas a unha posible vía de entrada ao emprendemento.

No marco de “Verdear”, do que tamén se poden beneficiar outros colectivos de persoas en risco de exclusión social, Alborada promove e potencia un espazo ordenado e saudable que favoreza a continuidade dos procesos de tratamento das persoas con condutas aditivas, empregando como base a integración social activa e o acompañamento para procurar a mellora da súa calidade de vida.

Especificamente, o programa da Asociación Alborada financiado pola Deputación busca achegar as persoas beneficiarias ao coñecemento do coidado e a protección da agricultura e da natureza, facilitar o acompañamento para a continuidade terapéutica, social e xudicial, aumentar as posibilidades de empregabilidade na natureza, promover o traballo desde a perspectiva dun colectivo que ten necesidades moi concretas e diferenciadas, ademais de potenciar iniciativas de lecer para o mellor coñecemento da contorna natural, social e laboral así como do coidado persoal.