A Deputación aproba as bases das axudas para a realización de actividades turísticas, dotadas de 80.000 €

As axudas, que buscan fomentar o turismo na provincia, distribuiranse por concorrencia competitiva e o importe non poderá exceder os 5.500 € ou o 70% do orzamento do proxecto

19/07/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases das axudas para que entidades da provincia sen ánimo de lucro poidan realizar actividades de carácter turístico no ano 2024, unha liña de achegas que conta cun orzamento de 80.000 €. Con estas axudas, a Deputación busca colaborar no fomento do turismo da provincia de Pontevedra porque, como explicou o presidente Luis López, “somos moi conscientes da importancia do sector turístico para esta provincia e de todo o relacionado con el e non imos escatimar recursos para que Pontevedra siga a ser sinónimo de excelencia en canto a calidade, accesibilidade e sustentabilidade”. 

As achegas, que se outorgarán por concorrencia competitiva, serán dun máximo de 5.500 euros por proxecto e non poderán exceder o 70% do orzamento do mesmo. E serán obxecto de subvención aquelas actividades turísticas que desenvolvan entidades sen ánimo de lucro entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2024.

En concreto, as actividades deben estar dirixidas a promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como divulgar os recursos turísticos da provincia como poden ser a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enogastronomía, a saúde, o benestar e o termalismo.