O goberno de Luis López crea no seu primeiro ano o novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico que, dotado cun orzamento de 1,2 millóns de €, impulsou xa tres novidosas liñas de axudas e está a redactar un plan estratéxico

A través deste servizo, creado por vez primeira na historia da institución provincial, puxéronse en marcha tres novos programas dirixidos á mocidade da provincia: +Xuventude, O teu espazo xuvenil e Vive o Rural. Tamén xestiona o Campamento da Lanzada e lanzou os premios provinciais á xuventude, dotados con preto de 40.000 €

07/07/2024

O goberno de Luis López creou neste primeiro ano de goberno o primeiro servizo de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra que, liderado polo deputado provincial Jorge Cubela e dotado cun orzamento de 1,2 millóns de euros, ten impulsado xa tres novidosas liñas de axudas e está a redactar un plan estratéxico centrado na mocidade. Ademais, o servizo xestiona o Campamento da Lanzada e lanzou os premios provinciais á xuventude, así como está a espallar o criterio de reto demográfico noutras iniciativas como +Provincia ou O teu espazo xuvenil e a loitar contra a fenda dixital e a soidade non desexada mediante Dixitalízate, o programa de formación en competencias dixitais para maiores da provincia.

+Xuventude é unha das liñas de axudas estrelas do novo servizo de Xuventude. Trátase de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que teñen un orzamento de 100.000 euros para que a xuventude da provincia poña en marcha proxectos de interese social relacionados con iniciativas empresariais, vida saudable e loita contra a violencia e as condutas de risco, fomento da cultura, creación de consellos locais de xuventude, promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural e protección do medio e loita contra o cambio climático.

Outra das novas liñas de axudas creadas este ano polo servizo de Xuventude e Reto Demográfico foi O teu espazo xuvenil, un programa dotado de 100.000  euros para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poidan financiar o equipamento das instalacións e locais destinados á mocidade. As axudas, que poden chegar a entre 1.500€ ou, no caso de concellos de reto demográfico, 2.100€,  permiten subvencionar a adquisición de equipamentos como mobles, material informático ou acústico e audiovisual, así como material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos dos locais para a mocidade.

A terceira das grandes novidades impulsadas neste primeiro ano de mandato de Luis López á fronte da Deputación de Pontevedra foi a posta en marcha do novo programa Vive o Rural, dotado con 30.000 euros e dirixido a centros educativos públicos de concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes. Este programa ten por obxectivo facilitar que o alumnado pase un día nas granxas escola da provincia inscritas no Rexistro de Instalacións Xuvenís da Xunta de Galicia, realizando distintas actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos ou xogos.

Ademais, o servizo de Xuventude xestiona os Campamentos da Lanzada, nos que este verán están a participar 1.540 nenos da provincia, e lanzou os premios provinciais de xuventude, dotados con 40.000 euros, que rexistrou este ano a cifra récord de participación, con 190 iniciativas, 80 máis que na convocatoria do 2023. E, entre outras iniciativas, está a redactar o primeiro plan estratéxico provincial de xuventude que constituirá o eixo de acción das políticas públicas da Deputación nesta materia.

Xuventude pechou tamén ao longo deste ano outras iniciativas centradas na mocidade. Deste xeito, está a colaborar con SpaceLab destinando 10.000 euros para a antena dun satélite, un proxecto subvencionado pola Axenda Espacial China. Tamén dirixiu 6.500 € á Asociación CES da Universidade de Vigo para participar cunha embarcación solar no Campionato do Mundo que se celebra esta semana en Mónaco. E outros 8.000 € irán para o Afluente Festival, o primeiro destas características organizado por Imaginaria Creations SL e que terá lugar durante tres días en Ponteareas, apoiando deste xeito unha nova iniciativa xuvenil. 

De cara aos próximos meses está previsto que se poña en marcha unha liña de axudas de 30.000 euros para que centros educativos de concellos de reto demográfico poidan ir á Estación de Manzaneda. E en outubro, a  capital da provincia acollerá o encontro “Pontevedra Literaria: Xuventude e Artes”, impulsado tamén polo servizo de Xuventude e no que participarán escritores/as de primeiro nivel. Ademais, este encontro prevé a organización dunha exposición fotográfica no Pazo provincial e outra de pintura protagonizada por creadores mozos no Edificio Castelao. Neste caso, está previsto que ao longo deste mes se publique a convocatoria para que sexa a mocidade quen deseñe a imaxe deste evento cultura.

No primeiro ano de goberno de Luis López, estase a afrontar o reto demográfico introducindo este criterio de xeito transversal , e tamén por vez primeira, en programas como o +Provincia, O teu espazo xuvenil ou na liña de axudas para viaxar á Estación de Manzaneda. E, neste eido a institución provincial ten posto en marcha Dixitalízate, a iniciativa de loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada a través da formación en competencias dixitais na que están a participar preto de 80 maiores de Forcarei, As Neves, Moraña e A Illa de Arousa.