Luis López defende na asemblea da FEMP o municipalismo como ferramenta para afrontar retos como o demográfico, a sustentabilidade ou a participación cidadá

O presidente provincial participa en Madrid na asemblea xeral da Rede Española de Cidades Saudables e entrega un dos galardóns dos premios de calidade desta entidade

09/07/2024

asemblea da FEMP

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a importancia de foros como o da Rede Española de Cidades Saudables (RECS) da FEMP para avanzar no municipalismo e poñer en común os logros en materia de sustentabilidade, servizos para a veciñanza ou infraestruturas que as entidades locais están a acadar e que serven de inspiración para outros territorios do país. Fíxoo na celebración da asemblea xeral da RECS, da que o mandatario provincial é o seu vicepresidente segundo. Un acto no que Luis López entregou, ademais, un dos galardóns dos premios de calidade da RECS.

“É habitual que empreguemos este tipo de foros para falar do importante que é construír cidades e pobos saudables, máis sustentables social, económica e medioambientalmente. Con todo, eu veño dunha terra onde adoitamos atallar estas cuestións con algo máis ca unha frase. É máis ben unha forma de ser e di así: falar facendo”, comezou o presidente da Deputación un discurso no que salientou os pasos dados polo goberno provincial en cooperación cos concellos, na acción contra o despoboamento ou na colaboración co tecido asociativo.

“Que ben queda falar de municipalismo, pero aínda é mellor se lles digo que neste tempo traballamos cos 61 alcaldes da provincia. Ademais de alertar do reto demográfico, cóntolles que por primeira vez en Pontevedra repartimos fondos provincias de acordo a un criterio que prima aos concellos máis afectados. A sustentabilidade é clave, pero é máis importante actuar para lograla, como coa liña que abrimos para axudar ás comunidades de usuarios de augas, para que os concellos pequenos poidan optar a proxectos europeos ou para que o turismo non se acatarre de éxito. A participación cidadá é imprescindible, polo que axudamos a 1.400 movementos veciñais, entidades, clubs ou federacións cunha liña de axudas para que poidan reformar os seus locais ou organizar actividades”, ilustrou o presidente da Deputación.

Finalmente, o titular do goberno provincial, quen convidou a todos os presentes a visitar a provincia e ás Rías Baixas, fixo fincapé na utilidade de entidades como a FEMP ou a RECS “porque falan facendo e inspiran aos que temos responsabilidades de goberno”.

Galerias de imagenes