A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias pechan este xoves as charlas do Ciclo Aida Fernández Ríos dirixidas ao gran público cunha conferencia sobre inmunoterapia e cancro

A conferencia será impartida en formato webinario, ás 19:00 horas, por Bárbara Blanco, investigadora do Departamento de Farmacoloxía da Universidade de Santiago, e por Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia

03/06/2024

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, pecha este xoves o bloque dirixido ao gran público cunha análise da inmunoterapia e o cancro a través de dúas charlas centradas nos “Biomateriais no combate do cancro” e nas “Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro”. Serán impartidas en formato webinario, a partir das 19:00 horas, pola investigadora Ramón y Cajal do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica do Instituto de Materiais da Universidade de Santiago, Bárbara Blanco, e pola responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia do Servizo Galego de Saúde, Mariona Baliu. A preinscrición está aínda aberta e pode realizarse a través desta ligazón.

En “Os biomateriais no combate do cancro” Bárbara Blanco dará a coñecer como se relacionan estes elementos co corpo humano e liberan medicamentos para combater e estudar o cancro. Neste eido, a investigadora dará a coñecer as numerosas terapias para o tratamento de distintos tipos de tumores que inclúen biomateriais así como as súas achegas á fisiopatoloxía do cancro que están a permitir descubrir, entre outras cuestións, novas dianas terapéuticas fronte á enfermidade.

Pola súa banda Mariona Baliu afondará nas células CAR-T como novo paradigma no tratamento do cancro. Trátase dunha nova inmunoterapia baseada en células que ten por obxectivo redirixir o propio sistema inmunolóxico do paciente para que poida recoñecer, atacar e eliminar un tumor. Deste xeito, a científica explicou o proceso de produción das CAR-T dende a súa extracción ata a súa infusión no paciente. Tamén analizou as perspectivas futuras e os beneficios terapéuticos das CAR-T.

Conferencias dirixidas aos centros educativos

As conferencias dirixidas á cidadanía en xeral compleméntase con outras dirixidas a centros educativos. Neste eido, o xoves 13 de xuño, ás 11:30 horas no IES de Salvaterra, terá lugar a conferencia “O impacto das substancias cotiás no noso material xenético” a cargo de Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña. Finalmente, o bloque de charlas en centros educativos da provincia completarase con outra actividade centrada nos “Medicamentos personalizados” a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.