Luis López avanza un investimento de case 100.000 euros para a renovación da pista do pavillón de Salceda de Caselas que se aprobará este venres en Xunta de Goberno

O presidente provincial mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa Dolores Castiñeira para repasar proxectos por valor de máis de 800.000 euros que a Deputación ten previstos neste Concello a través do +Provincia e o Plan de Infraestruturas Deportivas

26/06/2024

Reunión coa alcaldesa de Salceda de Caselas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou a alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, a concesión dunha axuda de 93.000 euros ao abeiro da Liña 1 do Plan + Provincia para a renovación da pista do pavillón municipal. O mandatario provincial repasou tamén os fondos que lle corresponden ao Concello de Salceda de Caselas, que superan os 800.000 euros a través de investimentos derivados do +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Ambos os dous dirixentes mantiveron este mércores un encontro institucional no despacho presidencial do Pazo provincial no que trataron outros asuntos de interese mutuo para ambas as institucións. "Nos asuntos do +Provincia analizamos unhas cuestións técnicas que están por resolver e en breve van recibir o visto bo da Deputación", sinalou o mandatario provincial ao remate da reunión.

Ademais da intervención no pavimento do pavillón, ao abeiro do Plan +Provincia, a Deputación destinará este ano un total de 740.600 euros ao Concello de Salceda de Caselas, que supoñen un incremento cercano aos 20.000 euros con respecto ao ano anterior. Uns fondos cos que, no correspondente á Liña 1 de investimentos, o goberno local solicita 6.700€ para o subministro de elementos de xogo para os patios das escolas unitarias, 7.250€ para o subministro de mobiliario para vivenda de Fontán, 12.800€ para o subministro dun software de recadación, 7.000€ para o subministro de sistemas de control do tráfico, 7.000€ para a subministración de equipos de climatización e mobiliario urbano e 88.000€ para habilitar un espazo cuberto para uso sociocultural en San Estevo de Budiño. No tocante á Liña 2, de apoio ao gasto corrente, ao Concello de Salceda de Caselas, ten solicitados 336.000 euros, mentres que para a Liña 3 de fomento do emprego recibirá 112.000 para a contratación de seis traballadores.

Froito da combinación dos investimentos do +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a Deputación levará a cabo neste Concello do sur da provincia a terceira fase da mellor das instalacións técnicas das piscinas municipais. Unha obra valorada en 140.000 euros que financia con 66.000 euros do correspondente ao Plan de Infraestruturas Deportivas e cubre a achega municipal con 73.350 euros do +Provincia. Do mesmo xeito, a través do programa ReacPon está en marcha a reforma integral do centro cívico, valorado en 673.700 euros que achega a Deputación na súa totalidade.

Reunión coa alcaldesa de Salceda de Caselas

A colaboración entre a Deputación e o Concello de Salceda de Caselas fará posible tamén a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2505, un proxecto valorado en 523.000 que se atopa en fase de redacción e que resolverá os problemas de seguridade e mobilidade, ademais de mellorar a imaxe e os servizos da zona, nun treito de máis de 600 metros entre o núcleo de Salceda de Caselas e Entenza. "Repasamos o estado da rede viaria de titularidade da Deputación con especial énfase no estado no que se atopa o treito entre Entenza e o casco urbano. Estamos no anteproxecto e imos priorizar esta actuación", puntualizou López.

A reunión, enmarcada na serie de encontros institucionais que Luis López está a manter con todos os alcaldes da provincia, transcorreu nun clima de cordialidade e lealdade institucional. "Foi unha xornada positiva na Deputación e agradecemos ao presidente que nos recibira para falar dos asuntos que importan a Salceda de Caselas. Un traballo conxunto que dará froitos moi proximamente", declarou a alcaldesa á saída da reunión. "Escoitar, entender e atender é unha das máximas que aplica a Deputación", remarcou o presidente Luis López, quen agradeceu a vontade de colaboración da rexedora.

audios

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira