A Deputación organiza esta fin de semana sete novas saídas ao abeiro do +Convivencia coa participación de preto de 350 persoas

Os participantes, de entidades de seis concellos da provincia, visitarán lugares como Baiona, Oia, A Guarda, Vigo, Soutomaior ou, entre outros, San Simón

25/10/2024

Preto de 350 persoas de sete entidades sociais dos concellos de Baiona, Bueu, Cambados, Salvaterra de Miño, Vilagarcía e Vigo participarán esta fin de semana noutras tantas saídas do +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa provincial chegará a lugares como Baiona, Oia, A Guarda, Vigo, Soutomaior ou, entre outros, San Simón.

As saídas comezarán este sábado 26 de outubro, cando 55 persoas da Asociación Mulleres Rurais A Seca Corbillón, de Cambados, farán unha excursión a Baiona, Oia e A Guarda; 50 da Asociación de Veciños Cabanouro, de Bueu, visitarán O Baixo Miño, e outras 50 da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Colexio Educación Primaria Carlos Casares, de Salvaterra de Miño desfrutarán do parque de tirolesas Marikiná Park de Vigo.

Por outro lado, o domingo 27 de outubro,  80 persoas da APA Colexio Labor, de Vigo, farán unha ruta cultural pola cidade olívica; 55 persoas da Asociación de Veciños San Miguel de Trabanca-Badiña, de Vilagarcía de Arousa, irán de excursión ao Pazo de Quiñones de León e aos castelos de Soutomaior e Sobroso; 74 persoas da ANPA CEIP Ría de Vigo dunha ruta de rastros e pegadas do bosque galego por San Miguel de Oia, e 50 persoas da ANPA CEIP Fontes Baíña, de Baiona, visitarán a illa de San Simón.

O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.