A Deputación e o Concello de Salvaterra de Miño avanzan no proxecto de mellora da estrada de Leirado a Lira

31/07/2024

Avance no proxecto de mellora da estrada de Leirado a Lira

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, mantivo un encontro coa alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, para supervisar os avances no proxecto de transformación da estrada provincial que une as parroquias de Leirado e Lira, a EP-4102.

O encontro, ao que tamén asistiron outros membros do grupo municipal, serviu para abordar diferentes cuestións relativas a este proxecto no que xa está a traballar o persoal técnico da Deputación man a man co concello de Salvaterra de Miño. Isabel Couselo sinalou que se trata dunha estrada na que, polas súas características, urxe levar a cabo actuacións de mellora que poidan garantir a seguridade viaria de todos os tipos de tráfico, así como mellorar a mobilidade peonil desta infraestrutura de titularidade provincial.