A Deputación financiará o 100% das obras de acondicionamento da parcela sobre a vía férrea na rúa Doce de Novembro de Pontevedra
O vicepresidente provincial Rafa Domínguez recordou que a Deputación achegará “preto de 711.000 euros para esta actuación que permitirá poñer a disposición de todos os pontevedreses unha superficie de máis de 4.600 metros cadrados”
23/10/2024
A Deputación financiará o 100% das obras de acondicionamento da parcela sobre a vía férrea na rúa Doce de Novembro de Pontevedra. Así o confirmou esta mañá o vicepresidente Rafa Domínguez nunha comparecencia pública na propia rúa, onde detallou que a institución provincial achegará "preto de 711.000 para esta actuación que permitirá poñer a disposición de todos os pontevedreses unha superficie de máis de 4.600 metros cadrados".
Esta actuación, enmarcada nun convenio entre a Deputación e o Concello, "trátase dunha proba máis da estreita colaboración entre ambas institucións para impulsar actuacións na cidade de Pontevedra e dar resposta a unha demanda histórica da súa veciñanza", subliñou o vicepresidente quen adiantou que o convenio se aprobará na Xunta de Goberno da institución provincial da vindeira semana. A través do convenio, tal e como informou Domínguez, establécese que o Concello de Pontevedra encargarase do proxecto de actuación e a Deputación de Pontevedra do financiamento íntegro das obras, que ascenden a preto de 711.000 euros. Ademais, tamén se marcan os prazos de tal xeito que a actuación debe estar executada, rematada e xustificada antes do 31 de decembro do 2026, con posibilidade de amplialo, por razóns obxectivas, ata o 31 de decembro do 2027.
A actuación, tal e como avanzou Domínguez, contempla a disposición dun novo espazo público, con parque urbano accesible e a recuperación da parte traseira dos edificios da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet. O espazo, sen barreiras arquitectónicas, vai integrar unha gran parede vexetal e unha fonte ornamental. Ademais continuará o eixo urbano de espazos de estancia situado sobre o falso túnel existente sobre a vía férrea, conectándoo co tecido urbano