A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este domingo no Palacete das Mendoza a exposición “Obra incompleta” de Fernanda Fernández

A mostra presenta unha selección das pinturas da artista viguesa, nas que xoga, a través do realismo, coas cores, as perspectivas e as tonalidades

 

23/06/2024

Última semana para visitar no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a exposición “Obra incompleta” de Fernanda Fernández.  A mostra, que pechará as súas portas o domingo 30 de xuño, presenta unha selección das pinturas da artista arxentina afincada en Vigo nas que xoga, a través do realismo, coas cores, as perspectivas e as tonalidades, achegando ao espectador o detalle dun modo diferente.

Os óleos, sobre lenzo, tela ou lino, e co arte figurativo como base, de Fernanda Fernández son de temática variada, destacando as paisaxes, o mar, as escenas urbanas e o mundo natural. Para retratalos busca a perfección, captando co pincel non só o que o ollo ve, e a luz dos seus cadros fala da limpeza do aire do bosque, da densidade do aire industrial ou do sal do mar.

Fernanda Fernández (Bos Aires, 1965) iniciouse no debuxo de pequena na Escola de Artes e Oficios de Vigo, antes de mudarse a Madrid, onde compatibiliza os seus estudos de Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense coa súa paixón pola pintura. Despois de perfeccionar a súa técnica no estudo de Enrique Sobisch, a súa personalidade artística decantouse definitivamente. En 1990 instálase en Vigo e a súa actividade pictórica non cesa, expoñendo con grande éxito en distintas cidades e galerías.

A mostra poderá visitarse na sala de exposicións no Palacete das Mendoza en horario de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e o sábado e domingo de 10:30 a 14:30 horas e de 16:30 a 20:00 horas.