Luis López reforza o seu impulso ao turismo coa sinatura dun convenio entre a Deputación e o GDR Condado Paradanta para a creación do Club da Lamprea
O goberno provincial dedicará 120.000 euros para revalorizar a lamprea, consolidar a comarca como destino gastronómico e impulsar a economía local
11/05/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga do Condado Paradanta e tamén alcalde de Covelo, Pablo Castillo, asinaron un convenio de colaboración para a constitución do Club da Lamprea, unha entidade que se encargará de promover estratexias que melloren a comercialización, promoción e revalorización deste produto así como de fortalecer a lamprea como marca destas comarcas, diversificar a oferta turística e consolidar o Condado Paradanta como destino gastronómico e xerar sinerxías entre os diferentes sectores implicados no mercado da lamprea.
A creación deste Club da Lamprea está incluído no Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) do Condado Paradanta promovido pola Deputación e conta cun orzamento máximo de 120.000 euros procedentes de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea que xestionará o goberno provincial para acadar os obxectivos marcados.
Segundo recolle o convenio, os traballos a desenvolver están divididos en dúas fases. A primeira consiste na realización dun estudo e análises para avaliar o estado dos recursos e identificar os recursos e produtos precisos. A segunda centrarase na definición do Club da Lamprea e do seu órgano xestor, así como das principais actividades a desenvolver. A vixencia do convenio será de catro anos coa posibilidade dunha prórroga de dúas anualidades. Nese tempo, o prazo para a licitación do contrato para a creación do Club da lamprea será de nove meses, e deberá estar constituído e en funcionamento nun prazo máximo de sete meses a partir da adxudicación do proxecto.
Como entidade beneficiaria do PSTD, a Deputación de Pontevedra asume a responsabilidade de ser o organismo encargado da tramitación dos procedementos de contratación necesarios para a execución das actuacións. Mentres que o GDR será o responsable da xestión do Club da Lamprea e do deseño das estratexias para acadar o obxectivo de mellorar a comercialización do produto e impulsar a comarca como destino turístico gastronómico.
A Deputación de Pontevedra conseguiu 1,5 millóns de euros procedentes de fondos europeos para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística do Condado Paradanta. Un proxecto que, ademais de potenciar a lamprea, promove outras accións como o novo plan director do Castelo de Sobroso.