A Deputación dá este domingo 23 de xuño a benvida aos primeiros 140 cativos participantes nos Campamentos A Lanzada

O presidente Luis López visitará este luns, 24 de xuño, aos cativos que estrean os campamentos

21/06/2024

O centro vacacional que a Deputación de Pontevedra ten na Lanzada xa está preparado para acoller aos primeiros nenos e nenas que desfrutarán este verán dos campamentos da institución provincial. O presidente Luis López visitará este luns, 24 de xuño, aos 140 cativos que estrean os campamentos este domingo  e permanecerán no recinto da Lanzada ata o sábado 29.

Participan na primeira quenda dos Campamentos A Lanzada 140 nenos de 37 concellos da provincia, sendo Vigo, con 25, e Vilagarcía, con 16, os máis numerosos, seguidos doutros como Lalín (9), Pontevedra (8), Poio (7), Gondomar (6) ou A Guarda, Redondela e Silleda (4 de cada un). Todos teñen entre 7 e 13 anos, e poderán desfrutar do seu tempo libre a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Ademais de facer saídas, como á Illa de Ons, hai programadas actividades en inglés, xogos e deportes, actividades na praia, no medio natural, actividades nocturnas, de teatro, contacontos e, entre outras moitas, baile.

En total, e ata o vindeiro 7 de setembro, serán 1.540 os menores que poderán desfrutar dos Campamentos A Lanzada, en once quendas diferentes dunha semana cada unha. O presidente provincial, Luis López, subliñou que “agardamos que desfruten moito destes campamentos, cos que miramos aos mais pequenos da casa, pensando no seu benestar, apoiándonos e ofrecéndolles actividades alternativas para o seu lecer e tempo libre, e tamén ás familias, porque con iniciativas como esta axudámolas na difícil tarefa da conciliación”.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.