A Deputación de Pontevedra abre este venres no Palacete das Mendoza unha exposición sobre o proxecto “Illadas” de El Patito Editorial

A mostra estará dispoñible ata o próximo 5 de agosto e contén ilustracións de Pablo Rosendo, Marielle Durand, Federido Granell, Blanca Escrigas, Maru Godás e Tazab

30/06/2024

A Deputación de Pontevedra inaugura este venres 5 de xullo no Palacete das Mendoza a exposición “Illadas”, baseada nun proxecto de El Patito Editorial que recolle ilustracións arredor do patrimonio insular da provincia de Pontevedra. A mostra comisariada por Gemma Sesar amosa o traballo artístico realizado por Pablo Rosendo, Maru Godás, Marielle Durand, Tazab, Federico Granell e Branca Escrigas no marco da colección de libros publicados pola editorial baixo o mesmo nome. A exposición, na liña da campaña “100% Rías Baixas” coa auga como protagonista, retrata a paisaxe e a natureza das illas da provincia para poñer en valor e achegar ao público estes enclaves emblemáticos das nosas costas.

“Illadas” contén acuarelas sobre as illas de Ons (Rosendo), A Toxa (Godás), A Illa de Arousa (Durand), Cíes (Tazab), San Simón (Granell) e Tambo (Escrigas) para poñer o foco nese patrimonio insular que se foi abrindo ao público nos últimos anos para se sumar á oferta turística da provincia de Pontevedra e de Galicia, tanto as illas e arquipélagos que forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas como aquelas moitas outras que contan cunha grande historia e roteiros organizados para a súa visita. Os seus traballos son froito de residencias artísticas que realizaron tanto os propios ilustradores como tamén escritores durante unha semana, deixándose levar polo espazo e polas súas experiencias durante ese tempo para recoller as súas viaxes persoais nunha serie de obras nas que o texto e as ilustracións acadan o mesmo peso.

A exposición pode visitarse no horario habitual de verán da sala de exposicións do Palacete, sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres en horario continuo de 9:00 a 21:00 horas e os sábados, domingos e festivos entre as 10:00 e as 14:30 e entre as 16:30 e as 20:00 horas.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.