A Deputación abre este venres o prazo para que as cooperativas agrogandeiras soliciten axudas para recuperar e poñer en valor os recursos agrarios da provincia

A institución provincial destina 250.000 € a esta liña de axudas, que se distribuirán por concorrencia competitiva e achegarán ás cooperativas contías que oscilan entre os 600 e os 35.000 euros

27/06/2024

A Deputación de Pontevedra abre este venres, 28 de xuño, o prazo para que as cooperativas agrogandeiras da provincia soliciten axudas para realizar investimentos que estean destinados a recuperar e poñer en valor os recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro. As axudas, dotadas con 250.000 euros, repartiranse en base a criterios de concorrencia competitiva. En liñas xerais, cada cooperativa poderá recibir un máximo do 65% do orzamento da actividade subvencionable, sempre que este non supere os 70.000 euros, con importes que oscilarán entre os 600 e os 35.000 euros como máximo.

Entre os gastos subvencionables atópanse os investimentos para mellorar os servizos que presta a cooperativa, como adquisición de terreos, obras, construcións, equipos, instalacións, melloras en edificios e nos seus accesos, etc.; a comercialización, a transformación e a valorización das producións; a formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, ou o uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético.

As solicitudes poderán presentarse a partir deste venres, 28 de xuño, e ata o 29 de xullo obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Nas bases da convocatoria poden consultarse todos os detalles desta liña de axudas provinciais.